Horarios
O horario LECTIVO do centro é de 9:00 a 14:00h.
Servizos complemetarios:
No centro temos servizo de madrugadores, comedor e actividades extraescolares. Estes servizos son dependentes da ANPA do centro.
http://anpasancristobal.blogspot.com/
Facebook: Anpa San Cristóbal Instagram: anpasancristobal
Relación familia-escola:
O centro cooperara estreitamente coas familias con obxecto de respectar a responsabilidade fundamental das nais, pais e titores/as nesta etapa.
Faranse reunións cos pais e o intercambio de información levarase a cabo a través de entrevistas persoais (1 hora semanal de atención ás familias), a través de informes individualizados, aula virtual ou "AbalarMóbil"...
Merendas:
Os alumnos/as traerán a merenda ao centro escolar fomentando a alimentación saúdable. Em infantil, esta merenda levarase a cabo na propia aula e servirá para traballar diversos contidos en torno a “Educación para a saúde e o consumo responsable”.
Metodoloxía de traballo en infantil:
A etapa de Educación Infantil é concibida coma un todo globalizado. A mellor forma de aprender é experimentando e descubrindo por nos mesmos polo que o xogo é a base da nosa aprendizaxe. Pretendemos crear unha escola activa, participativa, integradora e comprometida coas necesidades do alumnado.
Cremos que a educación é un proceso construtivo. Potenciamos o exercicio constante da exploración e a procura de respostas. Axudámoslles a pensar, razoar e solucionar conflitos de xeito independente.
Recoñecemos as diferenzas individuais respectando as distintas necesidades, capacidades intelectuais, personalidade e ritmos de madurez. Cada un vai desenvolvendo as súas destrezas aprendendo a enfrontarse positivamente aos seus fracasos e frustracións. Procuramos que o/a neno/a sexa capaz de aceptarse a si mesmo.
Que aprendemos?
Linguaxe:
Damos a coñecer aos nenos/as as funcións da linguaxe tanto oral coma escrito co fin de iniciarse na aprendizaxe da lecto-escritura. A nosa meta é axudar ao alumnado a empezar a ler de xeito comprensivo a través de actividades lúdicas e dinámicas.
Lóxica:
Achegamos ao alumnado ao coñecemento dos obxectos, ao descubrimento das súas propiedades e finalmente á representación matemática das mesmas. O desenvolvemento da observación, a intuición, a creatividade e o razoamento lóxico son principios básicos sobre os cales se constrúe o pensamento matemático.
O mundo que nos rodea:
Consideramos que o coñecer, explorar e amar a natureza e a comunidade que nos rodea. Inspiran a creatividade, a tolerancia e abren as portas da “imaxinación”.
A psicomotricidade:
A estimulación psicomotriz nos nenos/as en idades temperás resulta moi beneficiosa para o seu desenvolvemento físico e psicolóxico. A psicomotricidade vai facilitar a adquisición do esquema corporal permitindo que o neno/a sexa consciente do seu propio corpo, favorece o control muscular e axuda ao neno/a domine o seu corpo e movementos con maior facilidade; contribúe a perfilar o control postural, a lateralidade, o equilibrio, a coordinación e o sentido do espazo; estimula a percepción e exploración do entorno; axuda a que se oriente no espazo e no tempo; propicia as relación sociais e estimula a expresión emocional.
Plurilingüismo:
Como centro plurilingüe que somos, desde os 3 anos temos un proxecto de inmersión en inglés que axudará a desenvolver a comprensión e expresión oral.
Áreas Implicadas:
-Inglés: o horario semanal da área de lingua inglesa é segundo a Orde de 25 de xuño de 2009 dunha hora semanal.
O noso proxecto contempla 2 sesións semanais de 50 minutos antes/despois do recreo que se reparten do seguinte xeito: 30 minutos da área propiamente dita en inglés e a continuación a merenda durante 20 minutos no que aproveitamos para desenvolver a lingua nunha situación real de comunicación: fórmulas de cortesía, peticións, vocabulario específico da alimentación, hixiene, etc.
-Informática: 1 sesión semanal de 50 minutos na aula de informática. Na hora de informática os/as nosos/as alumnos/as familiarizaranse co ordenador, tablets e scornabots. Usarán diferentes aplicacións e poderán afondar na aprendizaxe das diferentes áreas do currículo pero usando sempre a lingua estranxeira.
-Música: 1 sesión semanal de 50 minutos na aula propia de cada grupo en 3 e 4 anos, e na aula de música en 5 anos. Coñecerán vocabulario e conceptos propios do currículo da área de música en inglés. Sen esquecer a tradición musical de Galicia, poñerase especial atención ás músicas do mundo de fala inglesa.
Actividades complementarias:
As actividades complementarias son aquelas actividades didácticas que se realizan co alumnado en horario lectivo e que, formando parte da programación, teñen carácter diferenciado polo momento, espazo ou recursos que utilizan. Estas poderán ser propostas polo concello ou polo propio centro.
Hábitos de hixiene:
Os nenos/as de Educación Infantil deberán controlar esfínteres salvo situacións excepcionais. Os alumnos/as de 4º curso (3 anos) terán no centro escolar unha muda.
As familias facilitarán ao centro un teléfono de contacto permanente no caso dalgún tipo de urxencia ao longo da mañá.
Atención á diversidade:
O centro conta con Departamento de Orientación (constituído por un especialista de AL (audición e Linguaxe) e PT (Pedagoxía terapéutica). Os alumnos/as que presenten algunha necesidade educativa de apoio educativo, poderán (previo informe psicopedagóxico), dispor deste apoio nas aulas segundo a dispoñibilidade e recursos do centro.
Relixión:
Para os que escollan esta opción:
A proposta educativa desta asignatura favorece o proceso educativo do alumnado, a
sensibilidade espiritual e o despertar da experiencia relixiosa. Axuda a comprender a
tradición cultural, as súas expresións e significado en contextos plurais e diversos.
Tamén complementa a educación en valores humanos.