A materia e os materiais
O Universo está repleto de obxectos. Algúns enormes como os planetas, outros minúsculos como o po. Incluso hai substancias que non podemos ver como o aire.
Pero, sabes que teñen en común todas estas cousas? Están formadas por materia. Os seres vivos tamén somos materia.
Imos coñecer as súas características máis importantes e isto permitiranos construír obxectos útiles.
1. Que é a materia
Materia é todo o que forma o universo.
Todos os obxectos teñen dúas propiedades xerais:
- A masa. É a cantidade de materia que ten un corpo. Mídese en gramos, quilogramos... coa balanza.
- O volume. É o espazo que ocupa a materia que ten un corpo. Mídese en litros cun vaso graduado ou probeta.