A materia e os materiais

2. Propiedades características da materia

Cada material ten unhas propiedades que fan que sexa axeitado para uns usos determinados.

Olor

O olor é unha propiedade dos materiais que se aprecia co sentido do olfacto. Algunhas substancias, como a auga, son inodoras (non teñen olor).

Estado

Os materiais poden presentarse en estado sólido, como a madeira; líquido, como o leite, e gasoso, coma o aire. 

Na natureza, a auga pode estar en estado sólido (xeo), líquido (auga líquida) e gasoso (vapor de auga)

Cor

Cada material ten unha cor característica. A arxila é marrón, o carbón é negro, o algodón é branco, o ouro é amarelo, etc.

Textura

A textura dun material é unha propiedade que se aprecia co sentido do tacto. O vidro é liso, o granito é rugoso, a seda é suave, etc.

Fraxilidade

Un material é fráxil se rompe con facilidade ao golpealo. A cerámica é un material moi fráxil.

Elasticidade

Os materiais elásticos pódense deformar, pero logo recuperan a súa forma anterior.  Estes materiais empréganse para fabricar, por exemplo, camas elásticas.

Dureza

Indica a resistencia que ofrece a materia a ser raiada, o talco ten pouca dureza porque se raia coa unlla e o diamentae é o mineral máis duro, só se pode raiar con outro diamante.

Resistencia

A resistencia dun material indica a capacidade que ten para soportar un peso sen romper. O aceiro e o formigón son materiais moi resistentes.

Magnetismo

Os materiais con propiedades magnéticas, chamados imáns, atraen obxectos de ferro ou aceiro, como cravo ou clips. A magnetita é unha rocha que presenta magnetismo natural.

Condutividade e illamento térmicos

Un material é bo condutor térmico se deixa pasar a calor, coma o ferro, o aceiro e o cobre. Un material é illante térmico se non deixa pasar a calor, como a madeira, a cortiza e o plástico.