Se queres compartir un vídeo, cunha canción ou interpretación instrumental, este é o teu medio:https://flipgrid.com/salial3627Ollo só tes 60 segundos. Se o fas desde o móbil, antes terás que descargar a App. Grávase pulsando sobre o círculo verde + e ao pulsar sobre a flecha -> verde, subirá automáticamente.
contacto: salialvarezcarnero@gmail.com
Enlace para unirse ás vídeo chamadas: https://eduxunta.webex.com/join/salial
Chegamos ao fin deste curso tan atípico. Ímonos a despedir cun clásico, que non falten os sorrisos e pode caer algunha que outra bágoa pero que sexa de felicidade e de satisfacción polo traballo ben feito.
8 de xuño día Mundial dos Océanos. Os nosos mares dannos vida, agora depende de nós protexelos!
Miniproxecto ambiental con actividades de educación artística e lingua.
Nesta presentación terás que ir navegando polos distintos apartados. Hai cancións, xogos de ritmo, xogos medioambientais interactivos, 3 partituras de diferentes niveis para tocar coa frauta e un obradoiro de reciclaxe.
Afaite primeiro coa navegación coma se foras un/unha mariñeiro/a, le a información das ventás emerxentes. Podes facer a pantalla máis grande picando nos 3 puntiños da dereita para expandila.
O avó de Pedro, non cre que seu neto estea preparado para saír a cazar lobos, así que o mantén pechado na casa. Pero Pedro ansía a liberdade...
-Escribe o nome dos instrumentos que soan con cada personaxe? (Ao comezo da curtametraxe non hai son, non te impacientes)
Pedro é interpretado por........ , o corvo Sasha........., a parruliña Sonia........, o gato Iván ..........., o avó................, o lobo................ e os cazadores.............
- Gústouche o final da historia?.................... porque.............
ADIVIÑA ADIVIÑANZA OS INSTRUMENTOS DA AUDICIÓN
O vento faime soar
e polo meu son claro e limpo
ti me coñecerás. Quen son?
Son da familia do tambor
pero con patas arredor.
Escoita cando me golpean
sen tapar as orellas.
Quen somos?
Son brillante coma o sol
e co meu tubo enrolado
fago de lobo feroz.
Quen son?
Somos moitos na orquestra,
con arcos pero sin flechas,
con cordas e de madeira.
Quen somos?
...................................
......................................
..................................
...........................................
NIVEL I
O lobo é importante como especie clave nos ecosistemas e a súa conservación é necesaria para protexer a biodiversidade ibérica.
A galiña do noso conto non ten nada que temer, xa que na granxa hai un can, esperemos que sexa un bo gardián.
- Mira o conto da Galiña Colorada, unha historia de colaboración, esforzo e constancia fronte a insolidariedade e a pereza de quen acostuma a beneficiarse do traballo dos demais. É importante neste días axudar na casa e repartirnos as tarefas.
A GALIÑA COLORADA
- Inventa outros personaxes que poidan vivir na granxa e crea a túa propia historia. Fai monicreques e dramatízaa: cambia de voces en cada personaxe e enfatiza nas respostas de cada animal.
-Canta a canción coas vogais. Co "a" - A galaña chaca cacacacacacá, a traga samantaa...; Canta co "e", co "i"... I guiliñi chiqui quiquiquiquiquiquí...
-EXTRA: Fai un boliño de pan como a galiña colorada e explica brevemente o proceso. Envía algunha foto.
NIVEL II
-Actividade de linguaxe musical. Repasamos os compases.
-Coloca os pulsos segundo o compás e marca os acentos (>) no primeiro pulso de cada compás.
- Despois de corrixilos, escribe unha letra que se adapte ao 2º e o 3º ritmo (temática animal)
Exemplo do primeiro ritmo. Escribimos unha sílaba en cada figura tendo en conta o acento. Faino primeiro coas sílabas rítmicas e logo pensa nunha letra que encaixe.
- Interpreta coa frauta estas cancións e vai subindo de nivel.
Esta vella factoría, ía, ía o.
está chea de animais ía, ía, o.
Unha cabra bee, cabra bee!
cabra, cabra, cabra, bee!
Nesta vella factoría, ía, ía, o.
Esta vella factoría, ía, ía o.
está chea de animais ía, ía, o.
Hai un can, guau, can guau!
can, can, can, guau
Nesta vella factoría, ía, ía, o.
Esta vella factoría, ía, ía o.
está chea de animais ía, ía, o.
hai un porco oing, porco oing!
porco, porco, porco, oing!
Nesta vella factoría, ía, ía, o.
Esta vella factoría, ía, ía o.
está chea de animais ía, ía, o.
Hai un moucho uuh, moucho uuh!
moucho, moucho, moucho uuh!
Nesta vella factoría, ía, ía, o.
E pódense engadir todos os animais que queiras, Hai un pato, cua; Hai un gato, miau; Hai un grilo, cri....
«Operación Can» é un traballo impulsado por la UPAFGA (Unión de Protectoras de Animais Federadas de Galicia)
Utilizando a música como motivación, pretende concienciar aos máis novos/as, da necesidade de implicarse no coidado do entorno e medio ambiente e moi especialmente aos animais e ás plantas.
Preparad@s, list@s, XAAAAA, Celebramos as LETRAS GALEGAS 2020.
Este ano van dedicadas á RICARDO CARBALLO CALERO escritor, lingüista e mestre ferrolán.
SELECCIONA AS ACTIVIDADES QUE MÁIS SE ADAPTEN AOS TEUS GUSTOS E NIVEL
1. Coñece ao homenaxeado a través deste preguntoiro musical:
2. Conto: "As Pitas baixo a choiva". Relato orixinal de Ricardo Carvalho Calero. "Cando eu era un cativo, outros galos nos cantaban... Eran unhas aves ergueitas, lanzás, maxestosas. Cristas bermellas... feros peteiros, ollos acesos, colo tornasolado... podentes azas, esporas douradas; e a cola chafarís de lumes de sombras con aquelas longas prumas"
3.Realiza un debuxo do tema do conto
4. Canta e aprende a canción: "Alborada das pitas" by A banda das pitas.
Po po po...........
Medra o sol co seu doce fulgor
Vai alonxando o frío trae o calor
O galo canta tamén o pardal
As pitas dormen hai que espertar
Kikiriki, o día xa está aquí
Kikirikí, esperta hai que bulir.
Po po po ....
A casa ole, arrecendo a mel
Unha torrada, almorzamos ben
Se teño un bico de papá e mamá
Iso faltaba para espertar.
Kikiriki, o día xa está aquí
Kikirikí, esperta hai que bulir.
E xogarei na terra
Baixo as maciñeiras
Serei rei dos gatos
Subidos nos carballos
Ceibo na miña eira
Grilos e bolboretas e falarei coas pitas
E cantarei co galo.
Despois de escoitar a canción:
5. Completa coa súa correspondente onomatopea (palabra que imita sons reais) e como se lle chamaría á súa voz
Galo- Quiquiriquí
O galo canta
Grilo-
Can-
Pito-
Ra-
Cuco-
gato-
Burro-
6- Le:A BANDA DE GAITAS: É unha agrupación musical. O número de integrantes pode variar moito. Adoitan tocar instrumentos de percusión e gaitas galegas, acordeóna, frautas. A súa vestimenta imita á forma de vestir de finais do século XIX e son diferentes segundo zona.
Principais Instrumentos: a gaita, o bombo, a pandeireta, o pandeiro e o tambor ou tamboril. Pode haber outros instrumentos como as cunchas, a botella de anís, culleres, un sacho... Todo o que poida producir son.
GAITA
PANDEIRO TAMBORILEIRO CUNCHAS PANDEIRETA
A gaita é un instrumento de vento madeira que consta dun fol, que se enche soprando, e de varios tubos de madeira por onde sae o aire ao premer o fol entre o brazo e o costado. Ten dúas lingüetas ou palletas de madeira no estremo do punteiro. É o instrumento melódico máis importante do folclore galego.
7.Escoita Estróupele de Corentena da agrupación Prima de Buxo
8. FRAUTA: Tocamos partituras en galego:
Ondiñas Veñen:
Eu non sei que pasou no muíño con frauta e percusión:
O himno de Galicia. Música Pascual Veiga. Letra Eduardo Pondal.
"Silent place" da banda Jiggy fusiona a música tradicional irlandesa con diferentes danzas do mundo. Non deixes de bailar! Recorda...
Estás ben? Música
Abúrreste? Música
Estás escoitando Música? Pois pon o volume máis alto :D)
Quen se anima a imitar estes pasos de baile ou a probar con outros que encaixen con este ritmo tan pegadizo?
Do 4 - 8 de Maio
Le con atención
Os instrumentos poden agruparse en formacións pequenas ou moi numerosas, con instrumentos con timbres similares ou moi diferentes.
Recordas que é o timbre? O timbre é unha calidade do son, que nos permite diferenciar a voz dun instrumento dos outros. Grazas ao timbre podemos identificar sons, voces, intensidades.
AS BANDAS DE MÚSICA
A banda de música é unha agrupación instrumental formada por uns cincuenta músicos/as con instrumentos de vento e percusión. Usan instrumentos potentes porque soen tocar ao aire libre e incluso tocan marchando polas rúas.
A banda é dirixida por un director ou directora que se coloca no centro diante da banda, para que todos os músicos vexan as súas indicacións. Cunha man marca o compás e coa outra a entrada dos instrumentos, os matices de intensidade (se hai que tocar forte, piano, crescendo...)
PARA SABER MÁIS: Os instrumentos de vento madeira teñen chaves para dar diferentes notas. e os de vento metal teñen pistóns, a ver se os distingues na audición.
1. APRENDE CALES SON OS INSTRUMENTOS DE VENTO MADEIRA E DE VENTO METAL
2 Escoita a Banda de Silleda. É un chisco novidoso que teña voces, pero en tempo de coronavirus, todo é posible. A melodía que tocan pertence á banda sonora dunha película preciosa titulada "A vida é Bela" composta polo músico Nicola Piovani
3 Observa como collen os instrumentos. Identifica as diferentes embocaduras (por onde se mete o aire) ou boquilla.
4 Debuxa e colorea o teu instrumento favorito de vento tendo en conta as súas características.
5 CONSTRÚE o teu propio instrumento de vento. Agora que xa podemos saír, estaría ben que probarades cunh palliña de trigo ou avea (planta da familia das gramíneas, de talo oco, delgado e alto, no extremo do cal hai unhas ramiñas con espigas moi pequenas. RAG)
6 PARA CANTAR TODA A FAMILIA: A MIÑA TÍA
Canción publicada no libro CD BICOS DE MÚSICA da editorial Galaxia. Letra e música: Mamá Cabra
7 INVENTA, unha estrofa, con algunha das túas tías tocando un instrumento da Banda de música. A canción ten que manter a rima e a musicalidade.
Debido á situación excepcional que estamos a vivir, este primeiro domingo do mes de maio, non se van poder celebrar os MAIOS. No seguinte vídeo explícannos de xeito claro en que consiste esta festa tradicional de Ourense
As coplas dos maios, son composicións poéticas organizadas en estrofas de catro versos de seis sílabas nas que riman os versos pares
-Pódense cantar a capella- Por unha ou varias voces sen acompañamento instrumental
-Pódese cantar acompañada de diversos instrumentos.
-Pódense cantar dende dentro ou fóra do maio.
Nos últimos anos poden verse cantos de coplas acompañados por diversos instrumentos. Na foto, aparece Andrea tocando a zanfona, un instrumento de corda fretada.
O metrónomo indícanos o Tempo Musical ou Velocidade do pulso. Na partitura, Negra = 80 Significa Andante, tranquilo sen correr.
Ten Ritmo cuaternario (compás de 4/4) - 4 pulsos
Este pentagrama corresponde a unha estrofa da copla e cada compás correspóndese con cadanseu verso.
ACTIVIDADES:
NIVEL 1
1 Xoga co ritmo e o pulso musical . Vídeos para repasar o pulso, están en inglés, pero enténdense Vídeo 1 - Vídeo 2 - Vídeo 3 Vídeo 4
2 Coloca os pulsos debaixo do pentagrama cunha raia pequechiña por debaixo (recorda 1 negra = a 1 pulso, 2 corcheas = 1 pulso) cada compás ten que ter 4 pulsos, catro raias.
3 Practica a canción coas sílabas rítmicas: TITI-TITI- TA-TA | TITI-TITI- TA-TA | TITI-TITI- TA-TITI | TA TITI- TA-TA
NIVEL 2
4 Cando che saia de forma fluída coas sílabas rítmicas, solfea coas notas respectando a duración das figuras.
5 O Ámbito: A nota máis grave é ...................... e a nota máis aguda é ...................
NIVEL 3
6 Toca coa frauta ou outro instrumento do que dispoñas
7 Escribe As túas coplas. Indicacións que debes seguir.
- Estrofas de 4 versos.
- Intenta ir fiando as coplas: o 4º verso da 1ª estrofa, debe repetirse no 1º verso da 2ª estrofa.
- A temática: Deben de contar de forma crítica ou graciosa o que aconteceu este ano. Que non sexan monotemáticas do coronavirus, algo máis pasaría.
Coplas para comezar:
Xa chegou o maio de flores fermosas o maio florido Chegou a Vistahermosa.
Chegou a Vistahermosa. e alegres cantamos música das coplas para acompañalo.
PARA CANTAR. " O MAIO" de MANUEL CURROS ENRÍQUEZ. Poeta de Celanova pertencente ao Rexurdimento da Literatura galega. O poema fala da explotación que sufría o pobo galego daquela época.
Entona a escala de do e Recorda a posición da nota do' coa frauta
14 de Abril - 24 de abril
Xa está aquí a primavera!E aínda que non podemos saír e desfrutar dos parques, da natureza en vivo e en directo, do canto dos paxaros... eu propóñovos entrar a través da música.
- Intenta escribir un conto inspirándote neste vídeo.
"Despois dun longo inverno, renace a primavera, chea de cor. As flores, as bolboretas, os paxaros enchen todo de cor e fermosos sons.
De repente preséntase unha tormenta e hai que buscar refuxio.
Remata a tormenta volve a calma, é un bo momento para durmir unha siesta."
- Escoita A Orquestra filarmónica de J.L.Moreno interpretando "A Primavera, As Catro Estacións" de Antonio Vivaldi baixo a dirección de Tulio Gagliardo
A orquestra sinfónica é unha agrupación instrumental formada por máis de 80 músicos. Os instrumentos agrúpanse en familias: corda, vento madeira, vento metal e ao fondo os de percusión. Colócanse segundo a súa sonoridade. Ao fronte e de espaldas ao públic está o director/a. Na man dereita ten unha BATUTA coa que marca o tempo e o compás e coa esquerda dá a entrada aos instrumentos, marca os matices de intensidade (se hai que tocar forte, piano, crescendo...)
ACTIVIDADES de diferentes niveis de dificultade. Para contestar no caderno ou nun procesador de texto (docx, odt...)
NIVEL I
1-Sinestesia Musical: Escoitade "As catro estacións" de Vivaldi e debuxa o que che suxira a música.
2- Antonio Vivaldi tiña por alcume "O Cura Vermello", sabes por que? Busca esa información en Internet e escribe unha pequena biografía de 5 a 10 liñas. Ilustra a biografía cun retrato feito por ti.
3- Cales son as súas obras máis coñecidas? Podes incluír esta información na biografía do exercicio 1.
4- Visualiza o vídeo anterior e trata de recoñecer os instrumentos da orquestra, fíxate como están colocados, Cales son as familias nas que se agrupan os instrumentos da orquestra? Adxunto a teoría e linguaxe musical.
Forte, <f> e Piano <p> (suave) son dous matices de intensidade. Escoita como se interpretan:
5- Xoga interactivo dos instrumentos da orquestra: Pica Aquí Comeza colocando os de corda fretada de máis agudo a máis grave.