Skip to Content

Formación

Congreso Internacional de Educación Inclusiva

O 28 de novembro asistimos ao Congreso Internacional de Educación Inclusiva, unha xornada de reflexión e debate na que se puxeron de manifesto propostas orientadas á mellora da resposta educativa que, dende a visión da inclusión, permita adecuar e optimizar a práctica docente para satisfacer as necesidades educativas de todo o alumnado.

Para isto, resulta necesario identificar as barreiras que dificultan o proceso de ensino-aprendizaxe e aplicar as medidas precisas para afrontar cada situación.

Tal e como sinalou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, dende o centro compartimos a idea de que a innovación e a inclusión son requisitos para asegurar que a educación avanza paralela ao ritmo social.

CONGRESO Observa_Acción

O 4 de outubro celebrouse en Santiago de Compostela o Congreso Observa_Acción.

Sempre coa firme crenza da importancia que ten a aprendizaxe permanente por parte do profesorado, participamos nesta formación.

Este modelo formativo, baseado na observación é un instrumento moi eficaz pois permite que o profesorado sexa quen de analizar como desenvolve o seu labor, compartindo ideas e fomentando un diálogo construtivo sobre as prácticas pedagóxicas.

Formación e innovación

Coa firme crenza de que a educación sofre cambios e transformacións para adaptarse á nova sociedade do coñecemento consideramos imprescindible a formación permanente por parte do profesorado. Por iso, algunhas docentes do centro asistiron os pasados 10 e 11 de maio ao I Congreso de Innovación educativa e dixital. DixInnova 2022. Persoeiros coma Andreas Schleicher, director de Educación da OCDE, José Luís Mira (Secretario Xeral), Linda Liukas e outros profesionais nas distintas mesas redondas subliñaron a importancia de formar ás novas xeracións nas competencias e destrezas que esixe a sociedade máis dixitalizada, globalizada e competitiva na que vivimos. Ademais, tiveron a oportunidade de coñecer outros proxectos e participar en distintos obradoiros.

 

Formación do profesorado do centro sobre a diabetes

O pasado luns, todo o profesorado do centro asistiu a unha xornada de formación sobre esta enfermidade crónica, impartida por Miguel Tomé Fondo o enfermeiro do Centro de Saúde de Riós.

A Diabete Mellitus é unha das enfermidades crónicas máis frecuentes da infancia. Esta maniféstase por niveis de glicosa en sangue elevados, por enriba dos límites normais debido á insuficiente produción ou actuación da insulina.

A atención que desde a perspectiva psicosocial e pedagóxica, o centro lle poida prestar a estas necesidades escolares asociadas á condición da diabete, contribuirá de forma significativa a facilitar a plena integración deste alumnado na escola.

Na sesión Miguel explicounos todas estas características da enfermidade e deunos pautas de actuación sobre como tratar no día a día co alumnado con esta patoloxía.

Agardamos que esta sexa a primeira de moitas colaboracións co Centro de Saúde de Riós e queremos agradecer a disposición de Miguel para impartir esta formación tan necesaria para o noso profesorado.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut