Novas Consellería de Educación

Un estudo constata que o rendemento escolar do alumnado mantense con E-Dixgal, programa que se reforzará con máis calidade, formación e seguridade

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 14:15

Summary: 

Román Rodríguez subliña a necesidade de avanzar no modelo híbrido de ensino galego onde os alumnos compaxinen as máximas competencias analóxicas e dixitais

Deu conta dun estudo censal comparativo sobre 70.000 alumnos, onde se conclúe que os resultados académicos son parellos con independencia do sistema que usen

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai reforzar de cara ao vindeiro curso 2024-2025 o programa E-Dixgal, de libro dixital, no sistema educativo galego cunha aposta consensuada onde primará a calidade dos contidos, a seguridade no acceso, a formación do profesorado e a información ás familias.

Así o sinalou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, con motivo da presentación dun estudo censal entre case 70.000 alumnos sobre a incidencia do emprego do libro dixital nos resultados académicos, así como da folla de ruta para implementar este programa. É o resultado de escoitar á comunidade escolar nos últimos días en xuntanzas de traballo con representantes das anpas, cos equipos directivos dos centros e cos coordinadores Abalar. Na presentación estivo acompañado polo director da Amtega, Julián Cerviño; polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. 

O titular de Educación explicou que o modelo educativo galego está asentado “como un modelo híbrido onde conviven o analóxico co dixital”, dando así cumprimento aos requirimentos normativos europeos e estatais, xa que tanto o Consello de Europa como as leis e os currículos españois sitúan a competencia dixital como prioridade desde a infancia. Para iso, Galicia ten en marcha a Estratexia Educación Dixital 2030, cun conxunto de accións coordinadas enfocadas a xerar un ecosistema dixital e formar a profesorado e alumnado nestas novas competencias e tecnoloxías, entre as que se encontra E-Dixgal como unha ferramenta complementaria e voluntaria por parte dos centros.

Román Rodríguez salientou que o ensino “non pode quedar ás costas do actual escenario tecnolóxico” xa que a competencia dixital “é unha obriga curricular” no marco europeo e estatal, así como “unha garantía de futuro persoal e profesional” na que hai que seguir traballando “de xeito colaborativo, con rigor, con diálogo e con coñecemento”.

Resultados parellos

Neste escenario enmárcase o ambicioso estudo comparativo sobre a incidencia do libro electrónico no sistema educativo da nosa Comunidade, no que se analizaron os datos consolidados correspondentes ao cursos 2021-22, das notas medias globais dos alumnos dos centros públicos galegos adheridos ou non a E-Dixgal.

Logo de avaliar as cualificacións dun total de 70.000 estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO, os resultados de rendemento escolar son practicamente idénticos en centros E-Dixgal e non E-Dixgal, cunha tendencia a favor dos primeiros dalgunhas décimas.

Estas diferenzas teñen un maior impacto naqueles centros E-Dixgal que levan catro ou máis anos no programa. É dicir: as notas medias globais do alumnado son similares estuden ou non con libro electrónico e, de haber algunha diferenza, esta sempre é a favor do alumnado de centros E-Dixgal, algo que se fai máis evidente naqueles que levan máis anos no programa. De feito, o estudo analiza por separado os centros que levan entre 1 e 4 anos adheridos a E-Dixgal e os que o implantaron hai máis de catro cursos. 

Cómpre ter en conta, igualmente, que a participación territorial no E-Dixgal é semellante nas zonas rurais (o 45,27% dos centros) e nas urbanas (o 50,53% dos centros) polo que o programa é unha ferramenta que tamén contribúe á redución da fenda dixital, que é precisamente un dos retos da Estratexia Educación Dixital 2030. Así mesmo, supón un o un maior achegamento ao eido dixital e as súas metodoloxías didácticas innovadoras.

Mellora de contidos

Doutra banda, no encontro cos medios de comunicación tamén se avanzaron as novas accións para reforzar o programa E-Dixgal co fin de continuar perfeccionando o sistema, sobre todo no que atinxe aos contidos, ao asesoramento e apoio aos centros educativos, á formación do profesorado e á información ás familias.

Así pois, de cara ao vindeiro curso, a Xunta está traballando xa na mellora dos contidos dixitais, tanto no que atinxe á súa calidade como variedade. Para iso, estase ultimando unha nova licitación de contidos por un importe de preto de 4 millóns de euros.

Paralelamente, a Consellería está traballando na nova plataforma Creagal, de recursos dixitais de calidade en aberto, nun dossier deseñado para uso dixital ou impreso con todas as materias e todos os niveis, e na supervisión permanente de contidos que implicará un procedemento continuo de revisión por parte de expertos docentes con coñecementos experiencia nas diferentes especialidades e áreas curriculares.

Formación do profesorado

Canto ao apoio ao profesorado, habilitarase un novo plan de formación específico de ensino dixital e reforzarase a figura do coordinador E-Dixgal. Tamén se continuará co proceso de acreditación de competencias dixitais do profesorado, no que Galicia foi das comunidades en emitir as primeiras acreditacións. Esta certificación está en marcha xa tamén para o alumnado, con probas para estudantes de 2º de Bacharelato e de 4º de ESO.

Co fin de visualizar as boas prácticas e o traballo excelente, crearase o selo Centro de Excelencia E-Dixgal, que se converterán en centros piloto para a posta en práctica de novos recursos e a experimentación de novos avances, ao tempo que servirán como modelos inspiradores na convivencia do analóxico e o dixital para o resto dos centros.

Acompañamento ás familias

Dando cumprimento ás demandas das anpas, outra das liñas de traballo vai ser o reforzo da información, apoio e acompañamento ás familias, con formación específica sobre a competencia dixital e guías de uso dos dispositivos que se materializarán a través das Escolas de Nais e Pais. Tamén se incidirá no reforzo da navegación segura que blinde o acceso dos alumnos a información sensible ou desapropiada para a súa idade.

File: 

Presentación Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Seis centros galegos lanzan a cápsula estratosférica MarumaSat VI para medir a velocidade do son

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 14:06

Summary: 

O CEE de Panxón, o IES Ramón Caamaño, o IES Miraflores, o IES Marco do Camballón, o IES Arcebispo Xelmírez II e o CPI Plurilingüe O Cruce participan no lanzamento deste aparello no marco do proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA)

Idioma Gallego

A Cidade da Cultura foi hoxe o escenario escollido para o lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VI, no marco do proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA).

Durante o voo, que se prolongou máis de dúas horas, a cápsula MarumaSat mediu a velocidade do son a diferentes alturas e creou unha melodía que se obterá empregando ChatGPT para correlacionar notas musicais con algunhas das variables que mide a sonda como pode ser a presión ou temperatura, relacionando así a ciencia coa arte e a accesibilidade. Ademais, no momento do lanzamento ao que asistiu o secretario xeral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, a cápsula estratosférica levou unha mostra de ADN humano e dun fungo para ver a influencia que neles ten a exposición á radiación UV.

Neste proxecto participaron os alumnos do Centro de Educación Especial CEE de Panxón en Nigrán, do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía, do IES Miraflores de Oleiros, do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago e do Centro Público Integrado CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda.

Un proxecto colaborativo

Estes seis centros educativos conforman NOSA, un proxecto que naceu no curso 2014/15 cuxo obxectivo principal é levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción desta cápsula que cada ano realiza un voo suborbital.

O espírito do programa, compartido por todos os docentes implicados, é concienciar o alumnado da utilidade dos coñecementos que adquire para dar resposta a retos tan complexos como desenvolver esta cápsula estratosférica. A iniciativa afonda, ademais, na cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta coa Rede de Investigación Universitaria de Excelencia, cuxo financiamento se incrementa nun 31%

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 13:59

Summary: 

O conselleiro de Educación e Ciencia reúnese cos 13 centros, aos que o Goberno galego inxecta case 23,6M€ para blindar o seu funcionamento ata 2027

“Estamos a preparar un novo Plan de I+D+i para sumar esforzos e acadar cotas máximas de transferencia de coñecemento á sociedade”, explica

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes das entidades que compoñen a Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia. No encontro, celebrado na Cidade da Cultura, o titular do departamento educativo do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta coa investigación realizada nas tres universidades públicas galegas. “Non en balde, vimos de incrementar nun 31% o financiamento desta rede, cunha nova inxección de case 23,6M€ que permitirá que estes centros gocen de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027”, lembrou.

“A ciencia é unha prioridade para o Goberno galego. Vimos de reforzar organicamente a súa estrutura e estamos a preparar un novo Plan de I+D+i para sumar esforzos, establecer sinerxías e avanzar nun ecosistema de investigación e innovación, dentro e fóra da Universidade, que nos permita acadar cotas máximas de transferencia de coñecemento á sociedade”, explicou o conselleiro. 

Benvida a cinco novos centros

No transcurso da reunión, na que tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, deuse a benvida aos cinco novos centros que a Xunta acaba de incorporar á rede, dous na máxima categoría e tres na nova categoría de colaboradores, que aspiran a entrar nos vindeiros anos e que tamén recibirán financiamento autonómico.

Os novos centros co máximo recoñecemento son o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Pola súa banda, a segunda categoría, de centros colaborativos e creada este ano, estréase co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) e o Economics and Business Administration for Society (ECOBAS), ambos da Universidade de Vigo.

Os restantes oito Centros de Investigación Universitaria de Galicia veñen de renovar tamén a súa acreditación de excelencia. Trátase dos seguintes: pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

Os 13 centros contarán cun orzamento de case 23,6M€ para que os máis de 1.530 investigadores que traballan neles poidan desenvolver a súa actividade científica dun xeito estable ata 2027. A Rede de Centros de Investigación Universitaria transforma a potencia individual dos centros máis avanzados do sistema nunha gran forza colectiva mediante a posta en marcha de accións estratéxicas e coordinadas que contribúen a consolidar a súa excelencia, a incrementar o seu impacto social no benestar, na saúde ou na economía, e a situar a Galicia como referente científico no panorama nacional e internacional.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Probas libres para a obtención de títulos FP (LOE e LOXSE). Curso 2023-2024

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 11:02
Idioma Gallego

O período de matrícula en prazas liberadas das probas libres para a obtención de títulos FP (LOE e LOXSE) do curso 2023-2024 é desde as 9:00 horas do día 23 de maio ata as 13:00 horas do 31 de maio de 2024. A matrícula realizarase por estrita orde de chegada ao centro que oferte a praza vacante.

Máis información

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado

Listaxe definitiva de centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week

Novas Consellería de Educación - Mér, 22/05/2024 - 10:12
Idioma Gallego

Listaxe definitiva de centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2023/24 (Procedemento ED531F). Próxima publicación no DOG.

 

Anuncio principal: 

Convocada a selección de centros docentes privados concertados dependentes desta consellería para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, dirixido ao alumnado de sexto curso de EP e de ESO, curso 2023/24

Tema: 

Lingua estranxeira Centros concertados

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Innovación e Programas Educativos

Colectivo: 

Centros

Sección: 

Linguas estranxeiras

Xov, 01/01/1970 - 02:00
Distribuir contido

Back to top