Novas Consellería de Educación

Unha mostra da Xunta e da Real Academia Galega de Ciencias homenaxea ao matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento

Novas Consellería de Educación - Lun, 07/10/2024 - 18:23

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na inauguración da exposición ‘José Rodríguez. O matemático de Bermés’

Román Rodríguez anima á cidadanía a descubrir “novas luces sobre a súa figura e contribución para poñer Galicia no mapa da ciencia”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da exposición José Rodríguez. O matemático de Bermés, organizada pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Xunta de Galicia. Esta mostra, que se poderá visitar na Igrexa da Universidade, súmase ás celebracións que homenaxean ao longo deste ano ao Matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento.

Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o titular de Ciencia puxo en valor o legado que deixou este ilustre matemático de Bermés. “Estamos ante un dos maiores e máis cativadores xenios da nosa historia, capaz de poñer o nome de Lalín nos principais foros científicos da súa época grazas a súa inigualable sabedoría e, en consecuencia, contribuíu a poñer Galicia no mapa da ciencia e o progreso”, sinalou o conselleiro. “Acadou grandes éxitos, como os seus estudos relacionados co meridiano de Greenwich ou os cálculos precisos do arco do meridiano terrestre, e fíxoo sempre reivindicando as súas raíces”, engadiu Román Rodríguez, quen apuntou que agora “é o noso deber como galegos homenaxear a súa figura”.

O representante da Xunta tamén salientou o apoio do Goberno galego, que celebra poder sumarse aos actos de conmemoración da figura do Matemático. A exposición coincide co seu nomeamento como científico galego do ano 2024. Enmarcada nas actividades do Día da Ciencia en Galicia, unha celebración promovida pola Academia de Ciencias, este traballo reivindica o valor da investigación científica a través de figuras destacadas como é o caso do Matemático Rodríguez.

Santiago, Lalín e Madrid

A mostra, que será itinerante, estará en Santiago ata o 12 de novembro para despois viaxa ata Lalín para rematar o seu percorrido no 2025 en Madrid. “Esta exposición única desprázase aos espazos que fixeron grande a lenda do Matemático: aquí en Santiago, no seu Lalín natal e tamén en Madrid, unha demostración máis da universalidade do persoeiro dentro e fóra das nosas fronteiras”, destacou Román Rodríguez. “É unha oportunidade para coñecer novas luces sobre a súa figura”, remarcou animando á cidadanía a coñecer as curiosidades da exposición.

Na súa primeira sede, na compostelá Igrexa da Universidade, a mostra poderá visitarse de luns a sábado, de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas, e os domingos de 11 a 14 horas. Con este traballo a Xunta de Galicia avanza na promoción do talento galego e na divulgación da nosa historia científica e cultural. Este proxecto subliña a importancia de preservar e difundir a memoria dos grandes científicos galegos, asegurando así que as novas xeracións descubran e valoren a súa contribución ao avance do coñecemento.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez subliña a importancia que xogan a educación e a formación para garantir un uso ético e responsable das novas ferramentas tecnolóxicas

Novas Consellería de Educación - Sáb, 05/10/2024 - 14:48

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, participa na ‘Pythom Conference España’, un evento internacional sobre esta linguaxe de programación

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez,asistiu hoxe á Python Conference España, o evento sobre esta linguaxe de programación referente para tecnoloxías como a intelixencia artificial, a robótica, a ciencia de datos e o big data que reúne na cidade olívica a preto de 1.000 profesionais a nivel internacional.  

O titular de Educación e Ciencia do Goberno galego, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, subliñou a importancia do papel que xoga a educación e a formación para garantir un uso “ético e responsable” das novas ferramentas tecnolóxicas, ao tempo que gabou as oportunidades que se abren para avanzar en equidade e igualdade de oportunidades de aprendizaxe, xa que a tecnoloxía “non representa unha ameaza, senón un recurso sen parangón para o ensino presente e futuro”. 

Nese contexto, explicou que desde a Consellería se está traballando para “asegurar unha canalización correcta da intelixencia artificial desde a educación, pola educación e para a educación”, a través de proxectos como EdugalIA, unha iniciativa pioneira da Xunta para que Galicia se converta na primeira comunidade en incorporar a IA á xestión educativa, ou o desenvolvemento dun marco ético que oriente cara un uso responsable e respectuoso desta tecnoloxía. 

No marco deste evento desenvólvense máis de 70 charlas, talleres e conferencias para compartir coñecemento e experiencias sobre o uso da linguaxe Python, no eido tecnolóxico en xeral e tamén desde a perspectiva da atención á diversidade e a inclusión. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta convoca axudas para que 15 estudantes desenvolvan a súa tese doutoral contratados en empresas da comunidade

Novas Consellería de Educación - Sáb, 05/10/2024 - 12:17

Summary: 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP abre o prazo, ata o 4 de novembro, para sumarse a cuarta edición do programa de Doutoramentos Industriais

Permite realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial orientada á resolución de necesidades ou problemas da empresa ou do centro de innovación e tecnoloxía, en colaboración cunha universidade do SUG encargada da formación

En conxunto, as tres edicións anteriores deste programa permitiron a contratación de 46 persoas doutorandas

Idioma Gallego

Xa está aberta a convocatoria da cuarta edición do programa Doutoramentos industriais, unha iniciativa dotada con preto de 12M€ que apoia a contratación de 15 estudantes de doutoramento do Sistema  Universitario Galego en empresas e centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade nos que desenvolverán a súa tese doutoral. Como se indica no Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de novembro.

O programa, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, permite deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico, en colaboración cunha universidade que se encargará da formación investigadora da persoa doutoranda.

Deste xeito, esta iniciativa favorece a investigación colaborativa entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e a universidade, e con iso os procesos de transferencia; promove a formación de mozos e mozas investigadores no marco de proxectos de interese empresarial, e estimula a súa posible inserción laboral unha vez que remate a axuda.

Estadías de tres meses no estranxeiro

Os doutorandos deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade pública e ter unha persoa directora de tese vinculada ao programa. As axudas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro, como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade e o custo da matrícula.

Este programa, que xa permitiu a contratación de 46 persoas doutorandas industriais nas tres edicións anteriores, complétase con outras medidas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Talento Sénior, Oportunius, Ignicia ou os programas de apoio predoutoral e posdoutoral.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez gaba a creatividade dos 77 alumnos de 11 centros educativos premiados polas súas ideas de negocio no concurso ‘Atrévete a ter unha idea’

Novas Consellería de Educación - Ven, 04/10/2024 - 18:42

Summary: 

“Hai unha gran valentía nas vosas propostas e ese valor é o que debe levarvos a traballar para cambiar as cousas”, sinala o representante da Xunta

Enmarcado no Plan Eduemprende, o concurso busca promover o espírito proactivo e colaborativo dos alumnos e inclúe visitas a asociacións empresariais e centros de FP

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu o acto de entrega de premios a un total de 77 alumnos de 11 centros de Primaria e Secundaria que resultaron galardoados no certame Atrévete a ter unha idea, unha iniciativa da Xunta de Galicia enmarcada no Plan Eduemprende que promove o emprendemento entre os escolares.

O responsable da área de Educación do Goberno galego gabou a calidade e a creatividade dos proxectos presentados e animou aos alumnos a seguir a senda do traballo e a responsabilidade. “Hai unha gran valentía en todas as vosas propostas, e é precisamente o valor o que debe levarvos a traballar para cambiar as cousas para mellor”, sinalou dirixíndose aos asistentes ao acto que tivo lugar no Centro Integrado de FP CIFP Politécnico, en Santiago, e que contou coa presenza de representantes de distintas entidades empresariais de Galicia.

Román Rodríguez destacou a importancia de fomentar a cultura emprendedora desde o sistema educativo como vector de transformación do conxunto da sociedade. Neste senso, comprometeuse a seguir impulsando accións para o apoio ás iniciativas que xurdan do traballo entre o alumnado e o profesorado como os programas de fomento da cultura emprendedora, a rede de aulas de emprendemento e a rede de viveiros de empresa

Competencias persoais e sociais

Enmarcado no Plan Eduemprende, o concurso ten entre os seus obxectivos promover as competencias persoais e sociais, relacionadas co emprendemento, que fomenten un espírito crítico, proactivo e colaborativo entre o alumnado así como dar a coñecer aos estudantes o tecido industrial.

O concurso conta con catro modalidades de participación –individual Educación Primaria, individual Educación Secundaria, grupal Educación Primaria e grupal Educación Secundaria– e son premiadas as tres mellores ideas de cada categoría. O alumnado galardoado recibe un dispositivo dixital ou unha experiencia multiaventura, segundo o premio sexa individual ou grupal, respectivamente.

Primaria

Os proxectos premiados na modalidade individual de Primaria foron desde unha empresa de aluguer de bicicletas eléctricas desenvolvida polo colexio CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo), ata unha máquina que corta e coloca a leña, pensada no CEIP Vicente Risco (Cualedro), pasando por un coche que funciona con enerxía eólica e que foi ideado por un alumno do CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo).

Na categoría grupal de Primaria, as ideas que mereceron recoñecemento foron un hotel no que a clientela pode cultivar as súas propias hortalizas, proposto polo CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade); unha cesta que calcula o prezo dos produtos que se queren adquirir antes de chegar á caixa, ideado polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa), e un proxecto co que reaproveitar as instalacións da antiga central térmica de As Pontes, deseñado no CEIP Plurilingüe A Fraga (As Pontes).

Secundaria

O alumnado premiado en individual de Secundaria propuxo ideas como un espazo artístico multidisciplinar, desde o IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes); unha empresa de pendentes personalizables, creada no CPR Plurilingüe Lar (Mos); e un servizo de limpeza integral de zapatillas, nacido no IES Alexandre Bóveda (Vigo).

Finalmente, na modalidade grupal de Secundaria, foron premiados o IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela), cunhas gafas que se adaptan ás necesidades do usuario e que ademais permiten cargar outros dispositivos grazas á enerxía solar. Tamén recibiron recoñecemento as ideas do IES Leliadoura (Ribeira), que presentou unha axencia de viaxes personalizadas e especializada no Barbanza e a do CPR Plurilingüe Lar (Mos), que propón unha máquina expendedora que permite facer a compra a persoas con mobilidade reducida.

Modalidade

Centro

Concello

Idea de negocio

Premio individual Educación Primaria

CEIP Xesús San Luís Romero

Carballo

Eco ciclo

CEIP Vicente Risco

Cualedro

Cortaleña

CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro

Vigo

Coche eólico

Premio grupal Educación Primaria

CEIP Plurilingüe A Fraga

As Pontes de García Rodríguez

A gran central espacial

CEIP Plurilingüe de Carballedo

Cercedo-Cotobade

Hortatel Carballedo

CEIP Plurilingüe de Riomaior

Vilaboa

Caretillo 3000

Premio individual Educación Secundaria

IES Plurilingüe Castro da Uz

As Pontes de García Rodríguez

Túa expresión

CPR Plurilingüe Lar

Mos

Pendentes magnetizados

IES Alexandre Bóveda

Vigo

Zapas como novas

Premio grupal Educación Secundaria

IES Eduardo Pondal

Santiago de Compostela

Vistas futuristas

IES Leliadoura

Ribeira

Cornamusa

CPR Plurilingüe Lar

Mos

MAC-PV

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta licita a redacción do proxecto para construír o primeiro instituto público do Pereiro de Aguiar, por máis de 9 M€

Novas Consellería de Educación - Ven, 04/10/2024 - 18:33

Summary: 

“Con esta nova actuación damos resposta á crecente demanda de prazas neste concello, evitando que o desprazamento do alumnado a Ourense”, di Román Rodríguez

O novo instituto enmarcarase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta, cun orzamento de 210M€ para o período 2025-2028

Este compromiso súmase ao xa adquirido con anterioridade para ampliar o Colexio CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey, neste mesmo municipio

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, anunciaron hoxe a licitación da redacción do proxecto para construír o que será o primeiro instituto público deste concello ourensán, que suporá un investimento de máis de 9M€. A previsión inicial é que o centro, que terá capacidade para 320 alumnos, abra as súas portas para o curso 2026/27.

“Con esta nova actuación, damos resposta á crecente demanda de prazas neste concello, evitando que o alumnado se teña que desprazar a Ourense, como ocorre neste momento, para cursar ESO e Bacharelato”, sinalou o responsable de Educación do Goberno galego.

Román Rodríguez explicou que este compromiso deriva do protocolo asinado co Concello do Pereiro de Aguiar o pasado mes de decembro para ampliar o Colexio CEIP Pluriingüe Ben-Cho-Shey e para estudar as posible vías de implantación da Educación Secundaria no municipio.

“Como facemos sempre cando hai que tomar unha decisión deste tipo, analizamos os datos demográficos do concello e, ao comprobar que rexistran un constante crecemento nos últimos anos, optamos por construír un instituto”, explicou o conselleiro, indicando que se prevé un incremento de arredor de 200 alumnos no ensino secundario obrigatorio nos vindeiros cursos.

Esta nova obra de construción enmarcarase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para os vindeiros tres anos, que conta cun orzamento de máis de 210M€.

Prazos

A redacción do proxecto licítase hoxe mesmo, coa previsión de poder licitar a obra (unha vez entregado e supervisado o proxecto) arredor do mes de xullo de 2025. Deste xeito poderíanse iniciar os traballos de construción no último trimestre de 2025.

O investimento previsto supera os 9M€ e o prazo de execución das obras, segundo as estimacións iniciais, será de 18 meses. O instituto contará con aulas para oito grupos de ESO e catro de Bacharelato. Para a súa edificación, o Concello cederá á Consellería unha parcela de 20.000 m².

Á espera do que se concrete no proxecto, o centro disporá dunha superficie útil de 3.276,4 m². Ademais das devanditas 12 aulas para ESO e Bacharelato, contará con aulas de apoio educativo e desdobres, así como outras específicas para música, tecnoloxía, plástica, laboratorios, seminarios.... Tamén albergará un espazo aberto e multifuncional de foro, seguindo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, biblioteca, ximnasio, aseos vestiarios, tanto estándar como adaptados.

A área de administración contará con todos os espazos necesarios para o cadro de profesorado e equipo directivo e, ademais, dotarase o edificio dun local para cafetería.

Ampliación do colexio

A construción do primeiro instituto do Pereiro de Aguiar súmase ao compromiso xa adquirido o decembro pasado para ampliar o Colexio CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey, neste mesmo municipio, co obxectivo de dar cabida á matrícula crecente en Educación Infantil e Primaria. Actualmente está en fase de redacción o proxecto básico e a intervención está entre as prioridades para o ano 2025.

A ampliación do colexio engadirase ao conxunto de melloras das que xa foi obxecto o centro nos últimos anos cun investimento de máis de 1,2M€ por parte da Xunta, entre as que destaca a ampliación realizada no 2013 por case medio millón de euros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Publicación da listaxe provisional de persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao curso de especialización en formación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico en FP para o curso 2024/25

Novas Consellería de Educación - Ven, 04/10/2024 - 13:56
Idioma Gallego

Xúntase a listaxe provisional de centros e persoas coordinadoras e titoras do prácticum correspondente ao curso de especialización en formación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico en formación profesional para o curso 2024/25.

  • Ábrese un prazo de cinco días hábiles a partir do día da publicación deste anuncio, para facer as alegacións que se consideren ao correo electrónico formacion.fprofe@edu.xunta.gal

 

Anuncio principal: 

Convocatoria para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao Curso de especialización en formación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico en formación profesional, no curso 2024/25

Tema: 

Máster

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial Formación Profesional Básica

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Servizo de Programas de Formación

Colectivo: 

Profesorado Centros

A Consellería de Educación anima aos centros a sumarse aos programas de impulso das bibliotecas escolares

Novas Consellería de Educación - Ven, 04/10/2024 - 13:33

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o Colexio CEIP Virxe do Rocío, un dos participantes en ‘Biblioteca Creativa’, cuxa convocatoria está aberta

Tamén se poden presentar as solicitudes para o programa ‘Lectura e familias’

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou hoxe a biblioteca escolar do Colexio Virxe do Rocío de Vigo, un dos participantes no programa Biblioteca Creativa, cuxa convocatoria está aberta ata o 8 de outubro para os centros que desexen incorporarse este curso.

Esta iniciativa busca estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de actividades manipulativas, entre outras, introducindo un espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e ao profesorado os recursos e materiais axeitados. Trabállase a prol de ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e mediática, o razoamento lóxico, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. Neste momento participan no programa 169 centros e poderán incorporarse 25 novos.

No transcurso da visita, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP animou aos centros a sumarse aos diferentes programas de impulso da biblioteca escolar que a Xunta ten en marcha no marco do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe). Entre eles destacou, ademais do devandito, o de Lectura e Familias, tamén coa convocatoria aberta, e que ten entre os seus obxectivos o fomento da participación dos integrantes do fogar nas actividades da biblioteca.

Familias nas bibliotecas

O programa Lectura e Familias busca estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar. Isto abrangue tanto experiencias de lectura como de traballo coa información e medios de comunicación. O obxectivo é que as nais e pais poidan, á súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como persoas lectoras e usuarias de información.

Poderán presentar solicitude para integrarse nesta iniciativa os centros que participen no Plan de mellora de bibliotecas escolares e seleccionaranse un máximo de 25 centros, que se sumarán aos 115 que participan xa no programa. O prazo está aberto ata o 16 de outubro.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta salienta o potencial do Conservatorio Superior de Música de Vigo cunha aposta pola formación especializada e a internacionalización

Novas Consellería de Educación - Ven, 04/10/2024 - 13:30

Summary: 

A directora xeral de FP participa na apertura do curso académico 2024-25, onde destaca o apoio do Goberno galego coa matrícula gratuíta e o reforzo da oferta académica

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, subliña o potencial  do Conservatorio Superior de Música de Vigo, un centro dependente da Xunta cunha destacada aposta pola formación especializada e a internacionalización que se traduce nunha alta calidade académica dos seus graduados.

Así o salientou esta tarde con motivo da apertura do curso académico 2024-25 do conservatorio, onde a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou o apoio do Goberno galego ás ensinanzas artísticas en Galicia en xeral e en Vigo en particular. Non en balde, a Xunta implantou este ano a gratuidade da matrícula nos estudos de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores, unha medida pioneira a nivel estatal. Tamén se referiu ao  reforzo, o curso pasado, da oferta do Conservatorio Superior de Vigo coa posta en marcha do primeiro máster en ensinanzas artísticas en Creación, Interpretación e Investigación Musical, que actualmente están a cursar 38 alumnos dos máis de 300 matriculados neste centro.

O Conservatorio Superior de Música de Vigo ofrece unha ampla variedade de estudos de calidade. Entre eles, máis de 20 opcións instrumentais na especialidade de interpretación, así como as especialidades de Composición, Produción e Xestión, Musicoloxía ou Pedagoxía. Tamén destaca como un referente pola súa proxección internacional a través do programa Erasmus e este curso conta con novos acordos de intercambio coa Royal University of Arts de Pnom Phem de Camboia e con Mahidol University de Bangkok.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Resolución provisional dos centros admitidos na convocatoria do programa Radio na Biblio para o curso 2024/25

Novas Consellería de Educación - Ven, 04/10/2024 - 13:22
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución provisional de centros admitidos na convocatoria do programa Radio na Biblio nas modalidades de nova incorporación e de continuidade. 

  • Abrirase un prazo de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para realizar reclamacións e renuncias.

 

Anuncio principal: 

Convocatoria de Radio na Biblio, para a introdución da radio nas bibliotecas escolares dos centros públicos integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2024/25

Tema: 

Programas e plans Plan LÍA Bibliotecas escolares

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Colectivo: 

Centros

A FP galega incorpora a primeira ferramenta de intelixencia artificial para que os alumnos poidan recrear na aula situacións reais en inglés

Novas Consellería de Educación - Xov, 03/10/2024 - 14:21

Summary: 

A través dunha interface en 3D, o alumnado poderá interactuar con avatares en distintos escenarios deseñados polo profesorado que simulan patróns do día a día

Román Rodríguez subliña que se trata dun proxecto educativo “innovador e rupturista” que optimiza a formación lingüística mediante un simulacro profesional

A primeira fase do proxecto aplicarase ao ciclo de Xestión de aloxamentos turísticos, no que participan os sete centros integrados que ofertan estas ensinanzas

A Consellería prevé incorporar esta ferramenta ao resto das familias profesionais

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai incorporar á Formación Profesional galega a primeira ferramenta de intelixencia artificial nestes ensinanzas para que os alumnos poidan recrear na aula situacións reais en inglés a través dunha interface en 3D que lles permite interactuar con avatares en distintos escenarios que simulan patróns do día a día. Isto é, os estudantes de FP veranse inmersos en multitude de situacións e problemáticas personalizadas polos seus profesores coas particularidades correspondentes segundo a familia profesional de que se trate, e ás que deberán enfrontarse neste idioma inglés ao igual que se estiveran vivindo unha situación real.  

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá no Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, este proxecto educativo que cualificou de “innovador e rupturista” na medida en que combina a práctica das destrezas lingüísticas cos últimos avances tecnolóxicos ao servizo da educación. 

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, subliñou a potencialidade que ofrece a intelixencia artificial no eido educativo na medida que en permite o deseño de recursos didácticos personalizados e a aplicación de metodoloxías innovadoras na aula como é o caso do proxecto presentado hoxe, que se circunscribe á aprendizaxe de idiomas no eido da Formación Profesional.

Así pois, desde o departamento educativo da Xunta estanse dando pasos importantes como que Galicia sexa a primeira comunidade en aplicar os beneficios da IA á xestión educativa a través do proxecto EdugalIA. Neste contexto, o conselleiro lembrou que se vén de constituír o grupo de traballo para o deseño dun marco ético do emprego da IA no eido educativo e, deste xeito, abordar os riscos que se poden producir. Sinalou, así mesmo, que Galicia foi pioneira na creación de dúas materias específicas de IA para 4º de ESO e 1º de Bacharelato, e referiuse tamén á implantación do Grao en Intelixencia Artificial nas universidades e á oferta de másteres en intelixencia artificial e big data na FP.

Primeira fase en sete centros integrados de FP

O proxecto Vetinen de aplicación da Intelixencia Artificial á FP arranca cunha proposta piloto para o ciclo de Xestión de aloxamentos turísticos da familia profesional de Hostalería e Turismo e nela participarán os alumnos dos sete centros integrados de FP que imparten este ciclo en Galicia: Paseo das Pontes (A Coruña), Fraga do Eume (Pontedeume), Compostela (Santiago), Vilamarín (no concello do mesmo nome), A Farixa (Ourense), Manuel Antonio (Vigo) e Carlos Oroza (Pontevedra).

Esta fase piloto, que irá de outubro a decembro, abrangue a preparación da plataforma para a súa posta en servizo (coa configuración de escenas e preparación de actividades), a formación do profesorado para que poida levar a cabo as probas, a realización das probas por parte dos alumnos e a análise dos resultados das mesmas. A partir de aí, a Consellería prevé estender esta ferramenta ao resto das familias profesionais.

Nesta primeira experiencia, o profesorado poderá incorporar situacións personalizadas na que os alumnos manterán unha interacción fluída con avatares adaptados a situacións habituais con clientes e provedores de servizos como, por exemplo, novos clientes que chegan ao hotel para realizar o check-in; clientes xa hospedados que requiren servizos ou información concreta ou persoal de hotel que se atopa ante determinados problemas imprevistos que hai que resolver. En todos os casos, os alumnos poderán, a través da interface en 3D, interactuar co avatar correspondente para abordar cada escena e achegar solucións, sempre en inglés, para garantir a práctica desta competencia lingüística.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez salienta a importancia de recuperar a figura do matemático de Bermés, “que contribuíu a poñer Galicia no mapa da ciencia e o progreso”

Novas Consellería de Educación - Xov, 03/10/2024 - 14:14

Summary: 

Participa na presentación do libro ‘José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime’, coeditado polo Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, salientou hoxe a importancia de recuperar figuras “da talla humana e intelectual do Matemático Rodríguez, que contribuíron a poñer Galicia no mapa da ilustración, da ciencia e do progreso”. Fíxoo na presentación do libro José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime, co que o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias recuperan a traxectoria vital e profesional do tamén coñecido como Matemático de Bermés nomeado Científico do Ano 2024.

O representante da Xunta salientou o valor deste libro para contribuír á divulgación dos aspectos máis técnicos da obra do intelectual lalinense “e reivindicar así o seu vigor e a súa influencia”. Neste sentido, sinalou o bicentenario do pasamento do científico como unha boa oportunidade para reivindicar “unha figura tan senlleira non só das nosas matemáticas, senón da nosa identidade”.

Na presentación, celebrada na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, participaron tamén o reitor da USC, Antonio López; a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; o editor do volume, Juan José Nieto Roig, e os autores, José Ángel Docobo, Daniel González Alén e José Manuel García Iglesias.

Programa de actividades

A edición do libro forma parte do amplo catálogo de iniciativas para homenaxear ao Matemático Rodríguez ao longo do ano. Neste marco, a Xunta de Galicia impulsa unha exposición itinerante baixo o título José Rodríguez, o matemático do Bermés, coordinada pola Real Academia Galega de Ciencias. A mostra, que ten como obxectivo de divulgar e dar a coñecer a figura e a obra do científico, comezará o seu percorrido en Santiago de Compostela para despois viaxar ata Lalín -municipio que o viu nacer- e a Madrid.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Resolución do 25 de setembro de 2024 pola que se resolve a convocatoria da Orde do 11 de marzo de 2024 de axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+

Novas Consellería de Educación - Xov, 03/10/2024 - 09:23
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 25 de setembro de 2024 pola que se resolve a convocatoria da Orde do 11 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2023/24 (código de procedemento ED322A).

 

Anuncio principal: 

Convocatoria de axudas de mobilidade complementarias Erasmus+ para as ensinanzas artísticas superiores, curso 2023/24

Tema: 

Bolsas Programas e plans Erasmus

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime especial Ensinanzas de conservación e restauración de bens culturais Ensinanzas de arte dramática Ensinanzas superiores de deseño Ensinanzas de música

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

Colectivo: 

Alumnado

Román Rodríguez dá a benvida a 665 auxiliares de conversa de 24 países dos 5 continentes que traballarán nas aulas galegas este curso

Novas Consellería de Educación - Mér, 02/10/2024 - 17:58

Summary: 

O número de auxiliares de conversa alcanza un récord histórico, reforzando o apoio á aprendizaxe de linguas en Galicia

Galicia destina máis de 4,7M€ a esta iniciativa no marco da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida a 665 auxiliares de conversa de 24 países dos cinco continentes nun acto celebrado na Cidade da Cultura. Este evento serviu como punto de encontro para os novos auxiliares que durante o curso 2024/25 apoiarán a aprendizaxe de inglés, francés, portugués, alemán e chinés nas aulas galegas.

A xornada reuniu a cifra máis alta dos auxiliares de conversa que se incorporan a 511 centros educativos de todo o territorio galego. Isto permite que o 75% dos centros educativos sostidos con fondos públicos poidan desenvolver programas plurilingües en diversas etapas: Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

O representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou a importancia deste programa plurilingüe, subliñando o impacto que terá a “presenza destes profesionais no sistema educativo, xa que non só colaboran no ensino de linguas estranxeiras, senón que traen consigo unha visión internacional que enriquece o noso alumnado e abre as portas ao mundo”.

Durante  a xornada, realízase unha presentación detallada do programa de auxiliares de conversa e varias sesións informativas, nas que se abordaron aspectos prácticos como os trámites de estranxeiría e a vida en Galicia. Estas actividades axudan aos novos auxiliares a adaptarse ao seu novo entorno e ás súas responsabilidades.

De Singapur a Brasil

Cos 665 auxiliares de conversación, Galicia continúa consolidándose como líder na promoción do plurilingüismo, fortalecendo a educación e abrindo novas portas ao futuro do alumnado galego. Estes profesionais proceden de cinco continentes distintos e dos seguintes países: Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Bulgaria, Canadá, China, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Hungría, India, Irlanda, Italia, Lituania, Marrocos, Nova Zelandia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Singapur e Tunisia.

Liderado en auxiliares de conversa de alto perfil

Román Rodríguez resaltou o compromiso da Xunta coa aprendizaxe de idiomas nos centros educativos galegos. Así, este curso aprobáronse acordos co Ministerio de Educación, a Comisión Fulbright, a Hanban (entidade académica chinesa) e o Instituto Camões de Portugal. Os catro convenios permiten a incorporación de auxiliares de conversa.

De feito, o titular de Educación destacou que a semana pasada asinou o convenio coa Comisión Fulbright, o cal posiciona a Galicia como a comunidade autónoma con maior número de auxiliares estadounidense de alto perfil académico. Este acordo permite que 40 auxiliares impartan nas aulas galegas este curso, unha cifra destacada dentro do conxunto de 184 auxiliares repartidos por todo o Estado.

Aposta decidida polo plurilingüismo

A incorporación de auxiliares de conversa no ensino galego inscríbese na Estratexia Edulingüe 2030, que busca consolidar os logros acadados na última década no ensino de linguas estranxeiras. Un dos puntos clave desta estratexia é a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira en centros de educación obrigatoria, modelo iniciado no curso 2010/11. A partir do 2017, este sistema foi ampliado a Infantil, Bacharelato e Formación Profesional, alcanzando os 511 centros plurilingües no curso 2024/25. O éxito destas políticas queda reflectido nos resultados do alumnado galego, que figura entre os mellores de España en nivel de inglés, segundo o ranking internacional EF EPI.

Alta satisfacción e renovación do programa

Os auxiliares de conversa non só enriquecen a aprendizaxe das linguas, senón que tamén son valorados como unha ferramenta fundamental para achegar a cultura e realidade dos seus países de orixe ao alumnado galego. Segundo as valoracións das persoas coordinadoras nos centros educativos, o 99% considera moi positivo este apoio. Ademais, o 33% dos auxiliares solicita renovar a súa estadía en Galicia para o seguinte curso. Durante a súa estancia, recibirán unha axuda económica e contarán co apoio dun profesor titor que os guiará nas súas tarefas de apoio á docencia.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta de Galicia e o Concello do Carballiño cooperarán para mellorar os centros educativos a través dun convenio

Novas Consellería de Educación - Mér, 02/10/2024 - 17:53

Summary: 

Román Rodríguez pon en valor as actuacións realizadas no municipio, por máis de 2,5 millóns de euros, dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024

Construirase un pavillón e un patio cuberto no CEIP Calvo Sotelo do municipio

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, para analizar as necesidades en materia educativa da localidade ourensá e avanzar nun convenio de colaboración.

O representante da Xunta de Galicia puxo en valor o traballo realizado no municipio do Carballiño nos últimos anos dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024, no que se realizaron obras de mellora por valor de máis de 2,5M€. Concretamente, levouse a cabo a ampliación do IES Manuel Chamoso Lamas, a substitución da cuberta de fibrocemento, a mellora da funcionalidade dos baños para infantil e a substitución da iluminación e colocación do falso teito do CEIP Calvo Sotelo, e a instalación fotovoltaica no IES Nº1. Ademais, durante o verán tamén se acometeron pequenas obras de mellora no colexio Calvo Sotelo e no instituto Nº1. 

Durante a reunión, na que tamén estiveron presentes o secretario xeral técnico, Manuel Vila; o tenente de alcalde, José Rafael Castro-Gil, e a concelleira de Educación, Lorena Castro, acordaron a sinatura dun convenio de colaboración para levar a cabo melloras nos centros educativos do concello. “A colaboración entre Administracións é fundamental para acadar mellores servizos”, sinalou Román Rodríguez.

Neste sentido, e a través do futuro convenio entre Xunta e Concello, a Consellería de Educación comprométese a atender novas necesidades dos centros. Entre elas destaca a solicitude do Concello de acometer a obra do peche do pavillón do CEIP Calvo Sotelo, así como a construción de vestiarios, baños e gradas no mesmo recinto e poder abrir, deste xeito, a infraestrutura ao uso público. Ademais, tamén se valorará a posibilidade de facer un patio cuberto no mesmo colexio.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Xunta e Concello de Silleda reúnense para analizar melloras nos centros educativos

Novas Consellería de Educación - Mér, 02/10/2024 - 17:50

Summary: 

Román Rodríguez pon en valor as actuacións realizadas no municipio, por case un millón de euros, e compromete melloras no CEIP Plurilingüe de Silleda

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, para valorar diversas actuacións neste municipio de cara a mellora dos centros educativos.

Na reunión, na que tamén estiveron presentes o secretario xeral técnico, Manuel Vila, e a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, o representante da Xunta puxo en valor os investimentos realizados no concello de Silleda estes últimos anos e ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024. 

Concretamente, realizáronse tres grandes obras por case 1M€. Son melloras sectoriais e cambios de luminarias no IES Plurilingüe Pintor Colmeiro; melloras da cuberta, falsos teitos e aseos no CEIP Ramón de Valenzuela, e obras de reforma de aseos, substitución de cubertas e ampliación da aula de música no CEIP Plurilingüe de Silleda. Ademais, este verán a Consellería de Educación tamén acometeu pequenas obras de mellora no Instituto Pintor Colmeiro.

Tal e como foi comprometido xa con anterioridade coa comunidade educativa realizaranse melloras nos centros educativos do municipio. Entre elas destacan varias actuacións no CEIP Plurilingüe de Silleda, onde se cambiarán as fiestras para a mellora da eficiencia enerxética e se analizarán as posibilidades de facer un patio cuberto en colaboración coa Administración local. Así mesmo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tamén valorará a posibilidade de ceder unha parte do patio do centro educativo para mellorar as instalacións da escola infantil.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Distribuir contido

Back to top