Prezadas familias.
Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do cole poñémonos en contacto convosco para solicitar de novo a vosa colaboración na actividade titulada “Palabras con Memoria” (orixinario da AELG). A actividade segue tendo por obxecto recuperar palabras e expresións nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción e así darlles a oportunidade de manter a súa vixencia.
Propoñemos que, ao igual que o curso pasado, recuperemos aquelas palabras ou expresións que non hai moito tempo estaban nas nosas conversas cotiás, pero pouco a pouco foron perdendo o seu espazo e se viron substituídas por outras. Seguro que se facedes memoria atopades aquelas palabras ou expresións que, sen ter por que figurar actualmente nos dicionarios, si tiñan un significado moi próximo a nós, porque nolas dicían as nosas avoas e avós ou llas escoitabamos a elas... Ao longo do curso, sen ter que facer esforzo, seguro que nos veñen a memoria algunhas verbas ben fermosas.
Podedes enviarnos esas palabras, acompañadas do seu significado e da situación na que eran empregadas, por distintos medios:
- A seguinte dirección de correo electrónico edlgsoutodonas@gmail.com
- Na páxina web do cole no apartado de Normalización atoparedes un formulario para enviárnolas
As palabras ou expresións terán que ser en galego.
A data límite para a recollida será o 31 de maio.
De novo moitas grazas por participar nesta actividade. Abofé que atoparedes palabras e/ou expresións tan fermosas como:
“Andar en carrancho”, “porfiar”, “aciacú”, “estribillar”, “deloirar”, que che trouxo teu pai da feira: un estentalá e un correverás par as pernas de atrás, un tiverás.
Un saúdo do EDLG