Ata pronto!!

                                                             

 Hai nada que estabamos en Setembro reencontrándonos, saudándonos e desexando para todos un curso frutífero e feliz e… alá foi!! Xa estamos en xuño, xa pasaron os dez meses de curso e todo foi nun suspiro, sen apenas decatarnos.

Despedimos este curso cun festival cheo de actuacións que todos fixemos con moita ilusión e cunha xornada de convivencia que non puido ser en Beche por causas alleas a nós pero que non por iso deixou de ser un día diferente e compartido.

É certo que ao longo deste curso pasaron moitas cousas. Houbo acordos e desacordos, alegrías e penas, festas e exames, saídas escolares e duras xornadas de traballos pero sempre, sempre estivemos a aprender. Cada cousa que facemos, cada actividade que se organiza,  cada charla, cada encontro … todo ten un fin educativo. Polo menos esa é a nosa intención e tamén a nosa inquedanza coma mestres, aprender algo novo cada día, aprender os uns dos outros e tratar de sacar proveito de cada paso que damos.

Aquí remata o curso 2016/17 e como cada ano remata coa satisfacción do deber cumprido, do traballo feito con ilusión, pero tamén coa tristura dos alumnos e alumnas que marchan para comezar unha nova andaina nas súas vidas. Nós sempre estaremos aquí, agardando a súa visita.

Moi bo verán para todos, descansade e recuperade folgos para Setembro, e moita sorte aos que nos deixan. Sede felices e loitade polo voso futuro con toda  a enerxía da que sexades capaces.

Ata a volta.

PD. Lembrade botar unha ollada á galería. Hai moitas fotos que vos gustarán.

Powered by Drupal - Design by artinet