Nesta semana na aula dos Soles, o alumnado puxo as súas manciñas en acción co fin de realizar unha vendima tan tradicional pola contorna que nos rodea.
Esta actividade é moi sensorial xa que activa todos os sentidos e é un traballo en equipo que nos encanta. Moitos deles xa se acordaban do curso pasado da nosa técnica para vendimar. Porén, aínda así fomos explicando e investigando pouco a pouco e en equipo que son as videiras, como se recollen as uvas e o proceso de elaboración cos nosos carteis e diferentes adiviñas que fomos aprendendo.
Por outra banda, unha vez afondado no tema en cuestión, comezamos a práctica. Para iso, primeiramente, presentamos as uvas de cor verde e as de cor rosada.
A continuación como tiñamos varios acios de uvas, repartimos unha serie de números e cada neno e nena tiña que poñer no seu pratiño o número de uvas que se indicaba, iniciándonos desta maneira no conteo e nos cuantificadores de máis, menos, moito, pouco...
Despois, como nos encanta aprender xogando, fixemos de cociñeiros elaborando as nosas brochetas de uvas. Así pois, repartimos uns pinchos e cada discente tiña que pinchar uvas neles traballando desta maneira a motricidade fina e cuxo resultado podedes ver nas fotiños.
Por último, chegou á hora da verdade e puxémonos a vendimar, levamos os nosos pinchiños para a mesa de experimentación e comezamos a esmagar todas as uvas ata que comezou a saír o zume!
Menudos vendimadores teño!! A seguir traballando e gozando así de ben meus soles!
Premede aquí para ver máis fotos!