Skip to Content

Primeira sesión do "Coro das Emocións"

Estimadas familias,

O noso centro educativo comezou este curso a súa andaina no programa de Educación Responsable da Fundación Botín. Unha das partes deste programa é o Coro das Emocións, no que estamos inmersos toda a etapa de Educación Infantil. Pretendemos que este sexa un primeiro contacto coa actividade coral e o canto en grupo e que poidan establecer as bases para acadar unha autoestima vocal positiva así como a riqueza emocional, social e creativa que o canto en grupo pode chegar a supoñer.

Cada nivel realizaremos 6 sesións apoiadas por un profesional exterior ao centro, especializado en educación musical, e o resto das tarefas serán realizadas polas propias titoras e especialistas colaboradores.

Deberemos ensaiar e representar con todo o alumnado de infantil 3 pezas musicais:

-       A primeira terá carácter motivador (para achegalos con ledicia ao mundo musical): traballaremos o quentamento corporal e vocal, a imaxinación e a diversión a través do canto.

-       A segunda terá un carácter máis bailable: bailar mentres se canta evita rixideces e tensións corporais e vocais e facilita a creatividade e o benestar persoal.

-       A terceira terá un carácter máis emocional, buscando a sensibilidade, a delicadeza e a empatía.

O colofón final será unha gran actuación de todo o alumnado de Educación Infantil interpretando xuntos as tres pezas.

Queremos transmitirvos a ilusión coa que nos involucramos neste proxecto, e as ansias que vemos no noso alumnado. Iremos facéndovos partícipes de todas as actividades que iremos desenvolvendo, xa que lles pediremos aos cativos que vos fagan algunha demostración no fogar. Mostrádelles interese pola marcha da actividade, reforzade positivamente as súas interpretacións..., para que a súa ilusión non decaia.

Do mesmo xeito, nas vindeiras semanas tamén vos mandaremos un pequeno documento para casa, para que respondades a unhas sinxelas preguntas para subsanar a curiosidade dos vosos fillos e fillas.



book | by Dr. Radut