Skip to Content

¿QUE DEBO SABER PARA COMPRAR UN ORDENADOR?

¿QUE DEBO SABER PARA COMPRAR UN ORDENADOR?

 

 

A todos/as nos ten pasado que á hora de comprar un ordenador atopámonos cunha inmensa cantidade de siglas, características, termos... que non coñecemos ou que nos soan pero non sabemos exactamente para que serven. Neste pequeno artigo pretendo aclarar as principais características que teñen os ordenadores dun xeito familiar aínda que iso supoña a perda de certa exactitude.

Quero destacar que antes de comprar un ordenador o primeiro que debemos facer é preguntarnos ¿cal é o uso que lle imos dar? Xa que a resposta que se de condicionará os compoñentes que terá o noso ordenador.

 

PROCESADOR OU MICRO:

 

É o microchip encargado de procesar toda a información coa que trata o ordenador, tanto instrucións como datos. Actualmente hai dúas grandes marcas AMD e INTEL. Neste momento os procesadores i7 de Intel son os máis potentes, pero a relación calidade prezo está a favor de AMD.

Características a ter en conta:

  • -          A velocidade: Ven indicada en MHz, canto máis alta máis rápido fará os calculos
  • -          Número de núcleos: Dende fai algún tempo os procesadores teñen varios núcleos o que fai que realmente poidan executar varias ordes ó mesmo tempo. Podemos atopar procesadores de ata 8 núcleos pero con 4 sería suficiente.

 

MEMORIA RAM

 

Son un conxunto de chips onde se cargan os datos e programas para poder ser executados. É unha memoria volátil, e dicir, os datos alí gardados pérdense ó apagar o ordenador. Non hai que confundila ca memoria do disco duro.

Características a ter en conta:

  • -          Tipo: A tecnoloxía coa que se fabrica está evolucionando constantemente o que fai que sexa cada vez máis eficiente e rápida. Neste momento as memorias tipo DDR3 son as máis estendidas.
  • -          Velocidade: Dentro do mesmo tipo de memoria haina de distintas velocidades, canto máis rápida, mellor.
  • -          Cantidade: Na actualidade non se debe comprar ningún ordenador de sobremesa con menos de 4GB de memoria RAM. É importante destacar que unha cantidade xenerosa de RAM axuda a que o ordenador vaia máis fluído á hora de executar os programas, de nada serve ter un procesador moi potente se non temos suficiente cantidade de RAM.

 

DISCO DURO

 

É o responsable de gardar todo tipo de información, tanto de datos como de programas. Son memorias non volátiles, isto é, non se perde a información cando se apaga o ordenador. Un tamaño folgado para programas, fotos, vídeos, documentos... sería 1TB

Características a ter en conta:

  • -          Capacidade: Como anteriormente comentei 1TB é máis que suficiente
  • -          Velocidade: Na actualidade hai dous grandes tipos de discos duros, os máis estendidos e económicos son os HD SERIAL ATA 3, ofrecen unha boa relación entre precio-capacidade-velocidade. Por outra banda, están xurdindo os discos duros de estado sólido (SSD) que ofrecen unhas prestacións altísimas, consumos mínimos (moi adecuados a ordenadores portátiles, netbooks...) pero que teñen un prezo moi elevado de momento.

PLACA BASE

 

Tódolos compoñentes do ordenador van “enchufados” nunha placa que permite que se comuniquen entre si. É moi importante escoller unha placa adecuada e equilibrada co resto dos compoñentes xa que se non é así pódense formar “cuellos de botella” que diminuirán o rendemento do noso ordenador, de nada serve ter o mellor procesador se a placa base non está a súa altura, sería como ter un Ferrari con rodas de bicicleta.

 

Características a ter en conta:

  • -          Ampliación: Unha boa placa base estará preparada para admitir no noso ordenador novos elementos que xurdan e disporá de conexións para futuras ampliacións (memoria RAM, tarxeta gráfica...).
  • -          Equilibrada: Adecuada ó resto dos compoñentes.
  • -          Conexións: Deberá ter un número adecuado de conexións internas e externas (por exemplo tipo USB, PCIE...) para poder conectar dispositivos que vaiamos necesitando.
  • -          Melloras: Moitas placas teñen melloras xa incluídas como procesamento de son, de imaxe, conexión a redes... Hai que ter en conta que estas melloras evítanos ter que comprar un compoñente dedicado a esa función reducíndonos moito o gasto pero, xeralmente, o rendemento das melloras incluídas nas placas é moito peor que se conectamos un dispositivo especificamente dedicado a unha función. Un claro exemplo disto último son as placas que traen o procesamento gráfico incluído xa que teñen un rendemento moi por debaixo dunha tarxeta gráfica dedicada polo que non son nada recomendables para ordenadores nos que se queiran usar xogos ou programas que necesiten elevados cálculos gráficos.

 

 

TARXETA GRÁFICA

 

Se o ordenador que queremos comprar ten un uso principalmente ofimático (navegación, correo, procesador de textos...) teremos suficiente co procesamento gráfico que nos ofrece unha placa ca gráfica integrada. Pero si queremos darlle un uso máis “gamer” deberemos dedicar unha parte importante do noso presuposto á tarxeta gráfica. Na actualidade dous son os fabricantes principais de chips gráficos: NVIDIA e AMD-ATI, cunha enorme variedade de modelos de gama baixa, media e alta, incluso temos a posibilidade de montar varias tarxetas gráficas na mesma placa base conseguindo aumentar o rendemento gráfico. Debido a isto, é difícil aconsellar un, polo que se recomenda consultar no momento da compra para axustalo as nosas necesidades.

 

 

FONTE DE ALIMENTACIÓN

 

Encárgase de suministrar a enerxía eléctrica de xeito estable e suficiente para o correcto funcionamento do ordenador. A elección vai depender da cantidade de compoñentes que teñamos no noso ordenador, 500w poden ser suficientes se non temos tarxetas gráficas dedicadas e só un disco duro, en caso contrario habería que comprobar as especificacións da nosa tarxeta gráfica para saber que requirimentos precisa.

Características a ter en conta:

  • -          Potencia de saída: É o número de w que suministra fonte de alimentación.
  • -          Estabilidade: Capacidade que ten a fonte de manter constante a potencia de saída
  • -          Intensidade: Nalgunhas tarxetas gráficas de alto rendemento precísase un elevado amperaxe para o seu correcto funcionamento

 

MONITOR

 

Será o periférico encargado de visualizar toda a información que nos proporciona o ordenador. Igual que nas TV existe moita variedade, incluso podemos atopar monitores con TDT integrado converténdose así nun híbrido monitor-tv. A mellor forma de escollelo é ver “in situ” a calidade da imaxe.

Características a ter en conta:

  • -          Tamaño: Non debería ser menos de 22” en formato panorámico
  • -          Tecnoloxía: Tipo LED
  • -          Resolución: Como mínimo Full HD
  • -          Refresco: Para imaxes con moito movemento é conveniente dispor de un monitor que teña a suficiente rapidez para que non se noten “saltos”. Existe diversos valores pero o mellor é comprobalo de xeito práctico véndoo antes de compralo.

 

 

OUTROS COMPOÑENTES

 

Outra serie de compoñentes que non imos tratar son o teclado e o rato (normalmente sen fíos), lectores de tarxetas (moi útiles para os móbiles, cámaras...), lector–gravador de DVD ou BluRayDisc (para visualizar discos en formato HD), a caixa onde meter tódolos compoñentes...

 

Esta é unha visión xeral sobre as distintas características que podemos atopar á hora de compara un ordenador con algúns consellos. Se tedes algunha consulta podedes poñela no blog e tratarei de contestala.

 

NOTA: No documento adxunto que subín tedes este mesmo texto acompañado de fotos ilustrativas.


Un saúdo a todos/as

 

Luís Sánchez

Coordinador TIC do CEIP RICARDO TOBÍO

AdxuntoTamaño
COMPRAR UN ORDENADOR.doc201.5 KB


blog | by Dr. Radut