Visitamos o Parlamento de Galicia
Visitamos o Parlamento de Galicia Galicia, nacionalidade histórica, está constituída en Comunidade Autónoma para acceder ao seu autogoberno de conformidade coa Constitución española de 1978, que recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e das rexións que integran a nación española. O Estatuto de Galicia é a norma institucional básica da Comunidade galega que define as súas institucións, competencia e administración pública, así como a súa economía e facenda. Os poderes públicos de Galicia exércense a través do Parlamento, da Xunta e do seu presidente. Son funcións do Parlamento exercer a potestade lexislativa da Comunidade Autónoma, controlar a acción executiva da Xunta, aprobar os seus orzamentos, designar para cada lexislatura das Cortes Xerais os senadores representantes da Comunidade Autónoma galega, elixir de entre os seus membros o presidente da Xunta de Galicia, esixirlles responsabilidade á Xunta de Galicia e ao seu presidente, solicitar do Goberno do Estado a adopción de proxectos de lei e presentar ante a Mesa do Congreso dos Deputados proposicións de lei, interpoñer recursos de inconstitucionalidade e presentarse perante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos nas leis. O Parlamento representa o pobo de Galicia e constitúe a primeira das institucións da Comunidade Autónoma da que derivan todas as outras.
|