Chegou o Samaín! Cabazas decoradas, portas, disfraces, cantigas...A continuación tedes a explicación desta festa tan popular:
Os celtas celebraban co Samaín o paso do ano, a fin do tempo das colleitas e, con el do ano vello, e o comezo do inverno e, con el, do ano novo. Igualmente, o Samaín era o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar aos familiares aínda vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira, polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar.
Coincidía así, nesta noite do 31 de outubro ao 1 de novembro e tamén ao 2 de novembro, a festa do paso dun ano a outro, co momento da apertura ás ánimas do outro mundo.
Pero outras fontes dan unha explicación contraria. A chegada das ánimas nesta noite representaba un potencial perigo do que se defendían colocando sobre os muros ou nos vaos das paredes as caveiras dos seus inimigos, para que as ánimas que puidesen vir non se achegase aos castros nin ás casas. Dentro desas caveiras colocaban unha candea de sebo acesa.
Disque, nestas mesmas datas, prendíanse lumes sagrados e que con esta cacharela inicial alimentábanse as lareiras de todas as casas. Estas fogueiras tamén podían cumprir o obxectivo de guiar os mortos na escuridade da noite e facilitarlles así que atopasen os seus fogares e os seus parentes.
Afírmase que polo Samaín era costume baleirar nabos de gran tamaño para pórlles dentro candeas, e esta tradición, conservada en Irlanda, puido ter sido exportada aos Estados Unidos de América polos irlandeses coas migracións a este país no século XIX e comezos do XX. De ser así, a tradición tería continuidade nas festas de Halloween, do que sería o seu precedente, nunha adaptación do Samaín na cultura estadounidense, semellante a un entroido, na que os nabos foron substituídos por grandes cabazas. Co paso do tempo, a influencia cultural estadounidense no resto do mundo conseguiu que o Halloween regresase a Europa para converterse nunha festividade cada vez máis popular. O Magosto é outra tradición galega onde as castañas simbolizan a alma dos difuntos. Din que con cada castaña comida, unha alma librábase do purgatorio e se unía á festa, festa de comunidade, lume, castañas,viño e colleitas, festa de vida e morte!