Exemplo de libro

Sitio: CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro
Curso: Curso de formación en moodle: Iniciación
Libro: Exemplo de libro
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 27 de setembro de 2024, 12:12 AM

1. O magosto

O magosto

O magosto é unha festa tradicional galega que se tamén se dá noutros lugares da xeografía española. que se celebra no mes de novembro, fundamentalmente, entre o día de Todos os Santos (1 de novembro) e o día de San Martiño (11 de novembro), sendo os seus elementos principais o lume e as castañas, aínda que tampouco debe faltar o viño novo e os chourizos.

O seu nome proven de Magnus Ustus (gran lume), aínda que hai quen di que vén de Magnum Ustum (lume máxico).

É unha celebración de orixe pagán que se remonta a épocas prehistóricas. En moitos sitios asocian as castañas cos defuntos. Por cada castaña que se coma no magosto de Todos os Santos libraremos unha ánima do purgatorio. A súa celebración no bosque xurde dos celtas, xa que era o lugar que utilizaban para as súas cerimonias e celebracións. Polo tanto é unha festa moi ligada ao Samaín que celebra a chegada do inverno.

Ourense é un dos lugares de Galiza onde o magosto ten máis arraigo, coincidindo a súa celebración co día do patrón, San Martiño, o 11 de novembro.

No magosto, a castaña recupera o protagonismo que o millo e as patacas lle restaron desde a chegada da Idade Moderna.

Para realizar o magosto deberemos saír ao bosque e atopar un lugar axeitado, onde realizar un bo lume, sen perigo, a base de leña e follas. Cando as brasas estean listas empregaremos o tixolo furado para asar as castañas directamente nas brasas. Nel colócanse as castañas, dándolles un corte, para que non estoupen, e removéndoas cada pouco, para que se asen ben.

Ao terminar de comer as castañas, os asistentes ao magosto emborrállanse entre si e saltan sobre o lume, xa que din que dá boa sorte.

2. O castiñeiro

O castiñeiro

(Texto elaborado polo EDL do IES Monte Carrasco)

O castiñeiro,  ou  castiro, castanea sativa, vive en terreos profundos, ricos en materia orgánica e pouco arxilosos. Embelece a paisaxe e protexe e mellora o ecosistema humano. Constitúe en Galicia unha especie autóctona, sábese que antes da chegada dos romanos, os poboadores das nosas terras moían as castañas e utilizábanas como alimento.

O seu cultivo promoveuse coa chegada dos romanos a Galicia, ano 139 a. C., pero será durante a Idade Media, coa implantación de varios mosteiros, cando se estenda  a súa plantación. O seu froito, foi tan importante que chegou a denominarse árbore do pan, xa que en épocas de fame garantiu a supervivencia de moita xente. Serían, pois, os monxes que se asentaron nas ladeiras máis produtivas os que substituíron os matos improdutivos por soutos e viñedos.

A partir do s. XVII o consumo da castaña foi substituído pola pataca chegada de América. Hoxe, o castiñeiro está a piques de desaparecer na nosa terra debido a dúas pestes que o atacan: o chancro e a tinta, e tamén á expansión dos piñeiros e eucaliptos que fan os nosos montes presa dos incendios. Hoxe búscanse árbores híbridos de distintas especies ou cruces de castiñeiros do país con xaponeses para facelos resistentes a estas enfermidades. O agrónomo e xenetista pontevedrés Cruz Gallástegui conseguiu en 1925 o primeiro híbrido de castiñeiro. En Lourizán (Pontevedra) levan anos traballando neste problema e conseguiron repoboar moitos soutos, pero os resultados a longo prazo están por comprobar.

Na actualidade quedan reliquias do que antes foron os grandes soutos nas terras de Samos, do Sil (Ribeira Sacra) e nos montes de Courel, Ancares, Cebreiro e Queixa.

Un castiñeiro demoucado, cun pé centenario, en Cerdedelo, no souto de Oucedelo.

A madeira do castiñeiro é moi apreciada para a construción e para ebanistería, chegando a denominarse a caoba de Galicia, e o seu froito, a castaña, ten múltiples usos na alimentación de persoas e animais, sendo tamén un recurso natural moi importante na economía dalgunhas zonas de Galicia.

Da flor do castiñeiro, a candea, as abellas extraen mel con propiedades curativas en problemas de anemia por falta de ferro, acelera a circulación sanguínea e tamén actúa de astrinxente en diarreas.

3. A castaña

O magosto

A castaña é o froito do castiñeiro, e xa desde a prehistoria formou parte da dieta alimenticia da humanidade, chegando a ser a base alimenticia da poboación na Idade Antiga e Media. Empregábase ao longo de todo o ano como froito fresco, seco ou moído, dependendo da época. Na Idade Moderna perde importancia como alimento base a favor do millo e a pataca traídos do Novo Mundo.

A castaña é un alimento con moito valor nutritivo. En 100g de castaña atopamos os seguintes nutrientes:

  • 45 g de hidratos de carbono.
  • 517 mg de potasio.
  • 184 mg de fósforo.
  • 72 mg de sodio.
  • 76 g de magnesio..
  • 1,9 g de graxas.
  • 49 g de auga.

A súa recolleita pódese facer de dúas maneiras:

  • Unha consiste en ir recollendo unha a unha as castañas que van pingando ao chan
  • Outra en varear coa baloira ou cun pau as ramas do castiñeiro para que caian os ourizos, estes apíñanse nunha pila chamada ouriceira e espérase a que podrezan para que solten máis fácil as castañas.

Unha vez recollidas as castañas hai que secalas para que non podrezan ben nun sitio ventilado ou no canizo, enriba da lareira.

Variedades e tipos de castañas:

  • Caraboleca: que non se criou. Que só ten casca.
  • Bullada: a que se saca do ourizo.
  • Degraída: a que cae por si soa do ourizo.
  • Martiñesa: a serodia, tardía.
  • Sanmigueliña: a temperá.

Os seguintes adxectivos tamén serven para definir ás castañas: Abadá, agrela, branquiña, bicuda, brava, buxeira, cabezuda, chatadesa, galeza, garrida, leinova, lemos, loura, luguesa, mansa, martesa, pagaíña, picón, rañuda, riá, ribeira, verdella, vermella, senra.