Inauguramos as nosas bibliotecas
O xoves, 29 e o venres, 30 de novembro celebramos a inauguración das nosas novas bibliotecas (infantil e primaria). Para iso contamos coa presenza de Anxo Moure quen, coma sempre, fixo as delicias de todo o alumnado, dende os máis cativos ata os maiores, incluíndo o profesorado. Aínda que el nos agradeceu o convite e manifestou sentirse moi honrado porque pensaramos nel precisamente para inaugurar as bibliotecas, debemos dicir que o pracer foi todo noso. As súas dotes narrativas, a súa paixón pola lingua e a natureza e o seu engado e xeito tan persoais fixeron que os diversos grupos que foron pasando pola biblioteca gozaran enormemente escoitando as súas historias, rindo, cantando e bailando xuntos.
Dende o Equipo da Biblioteca queremos agradecer todo o esforzo que fixo a dirección do centro para que este proxecto fose posible. Así mesmo, tamén queremos recoñecer o apoio inestimable do concello e dos seus operarios, algún dos cales invertiu moito tempo, mesmo fóra do seu horario laboral, para realizar algúns proxectos, crear mobiliario a medida e axudarnos a rematar todas as obras que se levaron a cabo. E como non, tamén tivemos a inmensa sorte de contar coa nosa Nati que, máis ca unha conserxe, é unha compañeira, traballadora incansable, creativa e sempre disposta a colaborar; ela tamén empregou moito do seu tempo libre traballando para que as nenas e nenos do PadínTruiteiro poidan ter hoxe unha das mellores bibliotecas escolares da contorna.
Moitas grazas a todas e todos!
MARTES 27 DE nOVEMBRO
HORARIO: 11:00-12- 1º e 2º
12:30-13:30 - 3º e 4º