Pasámolo xenial no noso circuíto de psicomotricidade

Nas últimas décadas, a Educación Infantil adquiriu unha importancia e consideración social relevantes, configurándose como unha etapa educativa con entidade propia, dotada dunhas características que a definen e, á súa vez, diferencian de niveis posteriores.

A Educación Infantil adquire importancia por si mesma se se respectan as peculiaridades e características propias deste ciclo educativo en canto ao seu funcionamento, metodoloxía e diferenzas que existen en relación con outros tramos da educación. Trátase de dotar ao alumnado das competencias, destrezas, hábitos e actitudes que poidan facilitar a súa posterior adaptación á Educación Primaria.

A través do movemento vaise organizando mentalmente o mundo exterior polo que as actividades de psicomotricidade na Educación Infantil van encamiñadas a conseguir, co movemento físico, a activación do mental.

O neno/a coas actividades de psicomotricidade, adquire nocións espaciais, temporais, de lateralidade, relativas ao seu corpo, aos obxectos, a situacións que lle facilitan a adquisición de novas aprendizaxes e desenvolve as súas capacidades.

Nunha das primeiras sesións do curso, fixemos un divertido circuíto de psicomotricidade para coñecer o nivel psicomotriz dos alumnos/as.