Agregador de novas

A Xunta celebra o Día da Ciencia en Galicia e traballa para impulsar o sector no panorama internacional

EduXunta - Mar, 08/10/2024 - 12:55

Summary: 

O acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, está dedicado este ano ao Matemático Rodríguez, coincidindo co bicentenario do seu falecemento

Tamén se entregaron as Medallas de Investigación a cinco científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e do CSIC

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia súmase a celebración do Día da Ciencia en Galicia, dedicado este ano ao Matemático Rodríguez. Organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), durante o acto fíxose un percorrido pola vida e obra do primeiro científico galego con pegada internacional, ademais da entrega da sexta edición das Medallas de Investigación.

 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiron a esta cita anual, onde puxeron en valor o labor da Academia a prol da ciencia en Galicia. “A entrega de medallas é un claro exemplo de como a RAGC busca destacar o traballo que se fai desde Galicia no eido da investigación científica”, sinalaron.

 

Este 2024 a Academia galega recoñece a traxectoria de cinco científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e do CSIC. O investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC Antonio Figueras recibiu a Medalla Ánxeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; o catedrático de Economía Aplicada da USC Santiago Lago fíxose coa Medalla Domingo García-Sabell da sección de Ciencias Económicas e Sociais; o catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Uvigo Pedro Arias foi recoñecido no campo das Ciencias Técnicas coa Medalla Isidro Parga Pondal; o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigador do CiTIUS Alberto Bugarín recibiu a Medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, e, finalmente, o investigador do CiQUS Diego Peña obtivo a Medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía.

 

Durante o acto tamén se proxectou un vídeo divulgativo sobre a José Rodríguez científico do ano, coincidindo co bicentenario do seu falecemento, e o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e académico da Real Academia de Farmacia de Galicia, Francisco Díaz-Fierros, impartiu unha conferencia ao redor da súa figura.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Rueda anuncia que a Xunta construirá no polígono da Sionlla o novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia para impulsar o seu liderado internacional

EduXunta - Lun, 07/10/2024 - 17:27

Summary: 

Salienta que a obra, dotada de 56 M€, será “o maior investimento na historia do Cesga” e se prevé que estea rematada “a mediados do 2026”

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP resalta que a nova sede albergará o Finisterrae IV, o futuro supercomputador que cubrirá tamén necesidades vinculadas á intelixencia artificial

O proxecto levantarase nunha superficie de máis de 9.100 metros cadrados propiedade da Xunta, coidando tanto a súa funcionalidade como a estética

O obxectivo destas actuacións é reforzar o Cesga como un centro de referencia europea que estea á vangarda en infraestruturas de computación 

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonómico vai destinar “56 millóns de euros” á construción do novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) “que estará situado no polígono da Sionlla”. 

“Será o maior investimento feito no Cesga ao longo da súa historia e a previsión é que estea listo a mediados de 2026”, indicou o presidente, quen resaltou que o obxectivo é que o Cesga siga a manterse “coma un referente a nivel nacional e internacional”.

O novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) albergará as novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas do centro que estarán a disposición da comunidade científica e das empresas. Tal e como explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, a actuación realizarase cun orzamento de máis de 56 M€ de fondos europeos e do Goberno galego, tras lograr captar 47,4M€ procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do PERTE Chip. De feito, Galicia é a comunidade que consegue unha maior achega entre todos os membros da Rede española de supercomputación (RES), formada por 14 nodos distribuídos por todo o Estado, que recibe, no seu conxunto, 63 millóns de euros. É dicir, que Galicia capta o 75% dos fondos repartidos en toda España.

Para poder levar a cabo todas as actuacións do proxecto, a Xunta de Galicia incrementa o orzamento nun 20%, posibilitando o impulso do Cesga no seu liderado internacional. Ademais desta achega, dispón do soar do polígono da Sionlla en que se construirá o novo centro co fin de poñer en funcionamento este servizo nos prazos establecidos.

O edificio situarase nun soar cunha superficie de máis de 9.100 metros cadrados e terá unha superficie construída de 5.800 metros cadrados, que cumpre con todos os requirimentos imprescindibles para o seu funcionamento. Pola natureza singular do proxecto, e de cara a unha futura ampliación e adaptación á súa evolución, é necesario realizar un deseño integrado que aliñe todos os aspectos interrelacionados entre si. Deste xeito, a disposición do novo data center terá en conta os sistemas construtivos e as instalacións, pero tamén aspectos de planificación do espazo, a funcionalidade de cada subsistema, e a seguridade das persoas e equipamentos, entre outras características.

Respecto ao aspecto máis arquitectónico, e no que atinxe á estética do novo edificio, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional busca convertelo nun referente non só en canto á súa funcionalidade, senón tamén a nivel estético, sen esquecer no proceso aspectos tan importantes coma os ambientais e de eficiencia enerxética. 

Ampliación das capacidades do Cesga

O obxectivo deste investimento é reforzar o Cesga como un centro de referencia no ámbito nacional e europeo, que estea á vangarda en infraestruturas de computación, así como no coñecemento sobre tales infraestruturas. Para iso, ademais da nova sede do Cesga que contará cun orzamento de máis de 12 millóns de euros, están previstas unha serie de actuacións para mellorar a calidade dos servizos ofrecidos á comunidade científica e tecnolóxica coa dotación de novas infraestruturas. 

O conselleiro detallou que o Cesga contará cun novo supercomputador, o Finisterrae IV, que proporcionará unha potencia computacional adicional cubrindo necesidades de intelixencia artificial, entre outras, e ao que se destinarán “18,6 millóns de euros”. Tamén se ampliará a capacidade de almacenamento do centro mediante unha nova infraestrutura que permitirá almacenar gran cantidade de datos de modo permanente e prestar servizos de datos avanzados, á que se destinarán “7,8 millóns”.

Completarase a oferta actual do Cesga en computación cuántica con novas capacidades que impulsen o desenvolvemento do ecosistema de computación cuántica e favoreza o seu liderado internacional, que contará cun investimento “de 18 millóns”. 

Todas estas novas infraestruturas serán localizadas no novo edificio do polígono da Sionlla, que será complementario ao centro de procesamento de datos actual do Cesga situado no campus universitario, e funcionará como centro de procesamento de datos específico e adaptado a estas novidades. Así, ampliaranse as capacidades de aloxamento de infraestruturas tecnolóxicas avanzadas deste centro dependente da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). 

Avanzar na xeración de coñecemento

Este proxecto que despregará o Goberno autonómico suporá un importante incremento da capacidade de cálculo e almacenamento científico do Cesga, o que permitirá á comunidade científica galega e ao CSIC avanzar máis rapidamente na xeración de coñecemento e na innovación en áreas como a física de altas enerxías, a climatoloxía, a meteoroloxía, a oceanografía, as ciencias da vida, o deseño de fármacos, a ciencia de materiais, a medicina especializada, a intelixencia artificial, a optimización de procesos industriais, a sustentabilidade e moitas máis. 

Ademais, achegará vantaxes competitivas aos grupos de investigación que son usuarios do nodo Cesga como membros da Infraestrutura científica e técnica singular (ICTS) integrada na Rede española de supercomputación (RES), ante a crecente demanda destes. Actualmente o Cesga conta cunha nómina de usuarios moi significativa, uns 1.400 usuarios, dos cales o 25% son de fora de Galicia.

Así mesmo, estas infraestruturas permitirán ao Cesga seguir mellorando os servizos que presta e que redundan nunha mellora da calidade de vida dos galegos, como dar soporte computacional á predición diaria do estado do mar para  toda a fachada atlántica europea para o sistema de monitorización europeo Copernicus, á predición xeral do tempo en Galicia para MeteoGalicia, á simulación de asolagamentos na bacía hidrográfica Galicia-Costa para Augas de Galicia ou á produción das preto de 40.000 análises xenómicas de pacientes que a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica produce anualmente.

Por último, contribuirán a un fortalecemento e ampliación das colaboracións que o centro mantén con empresas tractoras de diversos sectores como Finsa, Hijos de Rivera ou Mestrelab e que resultan en melloras competitivas destas. Actualmente, o Cesga conta con dúas infraestruturas de computación: o Finisterrae III e o Qmio, dous recursos moi  potentes que están á disposición do ecosistema de I+D+i, o que repercute nun beneficio para practicamente todos os sectores económicos. 

Na aposta decidida da Xunta de Galicia pola supercomputación e a promoción de servizos comúns de apoio ás tarefas de investigación, naceu o Cesga, unha das infraestruturas máis relevantes da área de computación de altas prestacións en España. “Galicia conta cun dos mellores centros de cuántica do sur de Europa e este novo edificio vai manter a Galicia á vangarda neste eido”, indicou Rodríguez, quen salientou que se trata “dun proceso ambicioso que vai marcar o desenvolvemento de áreas clave como a biotecnoloxía ou a intelixencia artificial”.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez dá conta ante o Consello Escolar de Galicia do novo impulso do ensino nos vindeiros anos a través de plans específicos desde infantil ata FP

EduXunta - Lun, 07/10/2024 - 17:25

Summary: 

O conselleiro preside a reunión deste órgano de consulta, onde agradece o labor da comunidade educativa para que este curso arrancara con normalidade

Na xuntanza analizáronse os desafíos de futuro do sistema cos retos da nova ordenación da FP, da nova ABAU e da intelixencia artificial entre outros

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu hoxe a xuntanza do Consello Escolar de Galicia para analizar o comezo do curso, así como para dar conta das principais accións de futuro impulsadas pola Xunta de Galicia co obxectivo de afianzar “a maior transformación histórica do ensino galego dos últimos 30 anos” que abrangue retos como seguir implementando o acordo de mellora que arrancou este ano coa baixada de rateos e a ponderación do alumnado con necesidades, entre outros; a posta en marcha da nova Abau, a aplicación da nova ordenación da Formación Profesional, a incorporación da intelixencia artificial ou a modernización das infraestruturas educativas.

Román Rodríguez quixo aproveitar a súa intervención ante este órgano de participación e consulta no eido do ensino para, en primeiro lugar, agradecer a profesionalidade e a responsabilidade coa que actuaron tanto os profesores como familias e alumnos neste inicio de curso, que fixo que arrancara con normalidade.

O titular de Educación referiuse aos “grandes avances” nos últimos anos en parámetros que miden a calidade e a equidade grazas a un “modelo propio” que agora cómpre “seguir preparando para os retos e desafíos de futuro” con accións específicas para todas as etapas educativas, desde Infantil e Primaria ata ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Neste obxectivo enmárcase o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, que é a estratexia do Goberno galego para incrementar o nivel de competencias clave do alumnado, personalizar o apoio educativo e a atención ás necesidades específicas.

Formación Profesional

No eido da Formación Profesional -que este ano acada un novo récord histórico de matriculados- a Consellería porá en marcha o Plan FPGal360 de orientación profesional integral, co que se busca que o 100% dos mozos sigan formándose ata, polo menos, cumprir os 18 anos, e tamén atraer ao sistema educativo persoas con baixa cualificación ou que queren mellorar a que teñen. Román Rodríguez referiuse tamén á nova ordenación da FP, para a cal a Xunta, ante os retrasos do Ministerio, adiantouse cunha normativa propia que inclúe a posta en marcha da FP Dual Intensiva e o reforzo das prácticas en empresas e das horas en inglés ata duplicar as existentes ata o de agora.

Así mesmo, outro dos retos a partir deste curso vai ser a posta en marcha da primeira proba de ABAU común con outras 11 comunidades autónomas e na que desde a Consellería xa se está traballando en coordinación coas tres universidades públicas co fin de dar certezas ao profesorado e ao alumnado e acabar coas desigualdades.

Finalmente, Román Rodríguez referiuse tamén á folla de ruta establecida no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para seguir modernizando e mellorando as infraestruturas educativas, coa construción de novos centros e a rehabilitación e ampliación de outros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Unha mostra da Xunta e da Real Academia Galega de Ciencias homenaxea ao matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento

EduXunta - Lun, 07/10/2024 - 17:23

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na inauguración da exposición ‘José Rodríguez. O matemático de Bermés’

Román Rodríguez anima á cidadanía a descubrir “novas luces sobre a súa figura e contribución para poñer Galicia no mapa da ciencia”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da exposición José Rodríguez. O matemático de Bermés, organizada pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Xunta de Galicia. Esta mostra, que se poderá visitar na Igrexa da Universidade, súmase ás celebracións que homenaxean ao longo deste ano ao Matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento.

Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o titular de Ciencia puxo en valor o legado que deixou este ilustre matemático de Bermés. “Estamos ante un dos maiores e máis cativadores xenios da nosa historia, capaz de poñer o nome de Lalín nos principais foros científicos da súa época grazas a súa inigualable sabedoría e, en consecuencia, contribuíu a poñer Galicia no mapa da ciencia e o progreso”, sinalou o conselleiro. “Acadou grandes éxitos, como os seus estudos relacionados co meridiano de Greenwich ou os cálculos precisos do arco do meridiano terrestre, e fíxoo sempre reivindicando as súas raíces”, engadiu Román Rodríguez, quen apuntou que agora “é o noso deber como galegos homenaxear a súa figura”.

O representante da Xunta tamén salientou o apoio do Goberno galego, que celebra poder sumarse aos actos de conmemoración da figura do Matemático. A exposición coincide co seu nomeamento como científico galego do ano 2024. Enmarcada nas actividades do Día da Ciencia en Galicia, unha celebración promovida pola Academia de Ciencias, este traballo reivindica o valor da investigación científica a través de figuras destacadas como é o caso do Matemático Rodríguez.

Santiago, Lalín e Madrid

A mostra, que será itinerante, estará en Santiago ata o 12 de novembro para despois viaxa ata Lalín para rematar o seu percorrido no 2025 en Madrid. “Esta exposición única desprázase aos espazos que fixeron grande a lenda do Matemático: aquí en Santiago, no seu Lalín natal e tamén en Madrid, unha demostración máis da universalidade do persoeiro dentro e fóra das nosas fronteiras”, destacou Román Rodríguez. “É unha oportunidade para coñecer novas luces sobre a súa figura”, remarcou animando á cidadanía a coñecer as curiosidades da exposición.

Na súa primeira sede, na compostelá Igrexa da Universidade, a mostra poderá visitarse de luns a sábado, de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas, e os domingos de 11 a 14 horas. Con este traballo a Xunta de Galicia avanza na promoción do talento galego e na divulgación da nosa historia científica e cultural. Este proxecto subliña a importancia de preservar e difundir a memoria dos grandes científicos galegos, asegurando así que as novas xeracións descubran e valoren a súa contribución ao avance do coñecemento.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez subliña a importancia que xogan a educación e a formación para garantir un uso ético e responsable das novas ferramentas tecnolóxicas

EduXunta - Sáb, 05/10/2024 - 13:48

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, participa na ‘Pythom Conference España’, un evento internacional sobre esta linguaxe de programación

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez,asistiu hoxe á Python Conference España, o evento sobre esta linguaxe de programación referente para tecnoloxías como a intelixencia artificial, a robótica, a ciencia de datos e o big data que reúne na cidade olívica a preto de 1.000 profesionais a nivel internacional.  

O titular de Educación e Ciencia do Goberno galego, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, subliñou a importancia do papel que xoga a educación e a formación para garantir un uso “ético e responsable” das novas ferramentas tecnolóxicas, ao tempo que gabou as oportunidades que se abren para avanzar en equidade e igualdade de oportunidades de aprendizaxe, xa que a tecnoloxía “non representa unha ameaza, senón un recurso sen parangón para o ensino presente e futuro”. 

Nese contexto, explicou que desde a Consellería se está traballando para “asegurar unha canalización correcta da intelixencia artificial desde a educación, pola educación e para a educación”, a través de proxectos como EdugalIA, unha iniciativa pioneira da Xunta para que Galicia se converta na primeira comunidade en incorporar a IA á xestión educativa, ou o desenvolvemento dun marco ético que oriente cara un uso responsable e respectuoso desta tecnoloxía. 

No marco deste evento desenvólvense máis de 70 charlas, talleres e conferencias para compartir coñecemento e experiencias sobre o uso da linguaxe Python, no eido tecnolóxico en xeral e tamén desde a perspectiva da atención á diversidade e a inclusión. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta convoca axudas para que 15 estudantes desenvolvan a súa tese doutoral contratados en empresas da comunidade

EduXunta - Sáb, 05/10/2024 - 11:17

Summary: 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP abre o prazo, ata o 4 de novembro, para sumarse a cuarta edición do programa de Doutoramentos Industriais

Permite realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial orientada á resolución de necesidades ou problemas da empresa ou do centro de innovación e tecnoloxía, en colaboración cunha universidade do SUG encargada da formación

En conxunto, as tres edicións anteriores deste programa permitiron a contratación de 46 persoas doutorandas

Idioma Gallego

Xa está aberta a convocatoria da cuarta edición do programa Doutoramentos industriais, unha iniciativa dotada con preto de 12M€ que apoia a contratación de 15 estudantes de doutoramento do Sistema  Universitario Galego en empresas e centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade nos que desenvolverán a súa tese doutoral. Como se indica no Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de novembro.

O programa, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, permite deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico, en colaboración cunha universidade que se encargará da formación investigadora da persoa doutoranda.

Deste xeito, esta iniciativa favorece a investigación colaborativa entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e a universidade, e con iso os procesos de transferencia; promove a formación de mozos e mozas investigadores no marco de proxectos de interese empresarial, e estimula a súa posible inserción laboral unha vez que remate a axuda.

Estadías de tres meses no estranxeiro

Os doutorandos deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade pública e ter unha persoa directora de tese vinculada ao programa. As axudas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro, como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade e o custo da matrícula.

Este programa, que xa permitiu a contratación de 46 persoas doutorandas industriais nas tres edicións anteriores, complétase con outras medidas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Talento Sénior, Oportunius, Ignicia ou os programas de apoio predoutoral e posdoutoral.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez gaba a creatividade dos 77 alumnos de 11 centros educativos premiados polas súas ideas de negocio no concurso ‘Atrévete a ter unha idea’

EduXunta - Ven, 04/10/2024 - 17:42

Summary: 

“Hai unha gran valentía nas vosas propostas e ese valor é o que debe levarvos a traballar para cambiar as cousas”, sinala o representante da Xunta

Enmarcado no Plan Eduemprende, o concurso busca promover o espírito proactivo e colaborativo dos alumnos e inclúe visitas a asociacións empresariais e centros de FP

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu o acto de entrega de premios a un total de 77 alumnos de 11 centros de Primaria e Secundaria que resultaron galardoados no certame Atrévete a ter unha idea, unha iniciativa da Xunta de Galicia enmarcada no Plan Eduemprende que promove o emprendemento entre os escolares.

O responsable da área de Educación do Goberno galego gabou a calidade e a creatividade dos proxectos presentados e animou aos alumnos a seguir a senda do traballo e a responsabilidade. “Hai unha gran valentía en todas as vosas propostas, e é precisamente o valor o que debe levarvos a traballar para cambiar as cousas para mellor”, sinalou dirixíndose aos asistentes ao acto que tivo lugar no Centro Integrado de FP CIFP Politécnico, en Santiago, e que contou coa presenza de representantes de distintas entidades empresariais de Galicia.

Román Rodríguez destacou a importancia de fomentar a cultura emprendedora desde o sistema educativo como vector de transformación do conxunto da sociedade. Neste senso, comprometeuse a seguir impulsando accións para o apoio ás iniciativas que xurdan do traballo entre o alumnado e o profesorado como os programas de fomento da cultura emprendedora, a rede de aulas de emprendemento e a rede de viveiros de empresa

Competencias persoais e sociais

Enmarcado no Plan Eduemprende, o concurso ten entre os seus obxectivos promover as competencias persoais e sociais, relacionadas co emprendemento, que fomenten un espírito crítico, proactivo e colaborativo entre o alumnado así como dar a coñecer aos estudantes o tecido industrial.

O concurso conta con catro modalidades de participación –individual Educación Primaria, individual Educación Secundaria, grupal Educación Primaria e grupal Educación Secundaria– e son premiadas as tres mellores ideas de cada categoría. O alumnado galardoado recibe un dispositivo dixital ou unha experiencia multiaventura, segundo o premio sexa individual ou grupal, respectivamente.

Primaria

Os proxectos premiados na modalidade individual de Primaria foron desde unha empresa de aluguer de bicicletas eléctricas desenvolvida polo colexio CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo), ata unha máquina que corta e coloca a leña, pensada no CEIP Vicente Risco (Cualedro), pasando por un coche que funciona con enerxía eólica e que foi ideado por un alumno do CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo).

Na categoría grupal de Primaria, as ideas que mereceron recoñecemento foron un hotel no que a clientela pode cultivar as súas propias hortalizas, proposto polo CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade); unha cesta que calcula o prezo dos produtos que se queren adquirir antes de chegar á caixa, ideado polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa), e un proxecto co que reaproveitar as instalacións da antiga central térmica de As Pontes, deseñado no CEIP Plurilingüe A Fraga (As Pontes).

Secundaria

O alumnado premiado en individual de Secundaria propuxo ideas como un espazo artístico multidisciplinar, desde o IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes); unha empresa de pendentes personalizables, creada no CPR Plurilingüe Lar (Mos); e un servizo de limpeza integral de zapatillas, nacido no IES Alexandre Bóveda (Vigo).

Finalmente, na modalidade grupal de Secundaria, foron premiados o IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela), cunhas gafas que se adaptan ás necesidades do usuario e que ademais permiten cargar outros dispositivos grazas á enerxía solar. Tamén recibiron recoñecemento as ideas do IES Leliadoura (Ribeira), que presentou unha axencia de viaxes personalizadas e especializada no Barbanza e a do CPR Plurilingüe Lar (Mos), que propón unha máquina expendedora que permite facer a compra a persoas con mobilidade reducida.

Modalidade

Centro

Concello

Idea de negocio

Premio individual Educación Primaria

CEIP Xesús San Luís Romero

Carballo

Eco ciclo

CEIP Vicente Risco

Cualedro

Cortaleña

CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro

Vigo

Coche eólico

Premio grupal Educación Primaria

CEIP Plurilingüe A Fraga

As Pontes de García Rodríguez

A gran central espacial

CEIP Plurilingüe de Carballedo

Cercedo-Cotobade

Hortatel Carballedo

CEIP Plurilingüe de Riomaior

Vilaboa

Caretillo 3000

Premio individual Educación Secundaria

IES Plurilingüe Castro da Uz

As Pontes de García Rodríguez

Túa expresión

CPR Plurilingüe Lar

Mos

Pendentes magnetizados

IES Alexandre Bóveda

Vigo

Zapas como novas

Premio grupal Educación Secundaria

IES Eduardo Pondal

Santiago de Compostela

Vistas futuristas

IES Leliadoura

Ribeira

Cornamusa

CPR Plurilingüe Lar

Mos

MAC-PV

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta licita a redacción do proxecto para construír o primeiro instituto público do Pereiro de Aguiar, por máis de 9 M€

EduXunta - Ven, 04/10/2024 - 17:33

Summary: 

“Con esta nova actuación damos resposta á crecente demanda de prazas neste concello, evitando que o desprazamento do alumnado a Ourense”, di Román Rodríguez

O novo instituto enmarcarase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta, cun orzamento de 210M€ para o período 2025-2028

Este compromiso súmase ao xa adquirido con anterioridade para ampliar o Colexio CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey, neste mesmo municipio

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, anunciaron hoxe a licitación da redacción do proxecto para construír o que será o primeiro instituto público deste concello ourensán, que suporá un investimento de máis de 9M€. A previsión inicial é que o centro, que terá capacidade para 320 alumnos, abra as súas portas para o curso 2026/27.

“Con esta nova actuación, damos resposta á crecente demanda de prazas neste concello, evitando que o alumnado se teña que desprazar a Ourense, como ocorre neste momento, para cursar ESO e Bacharelato”, sinalou o responsable de Educación do Goberno galego.

Román Rodríguez explicou que este compromiso deriva do protocolo asinado co Concello do Pereiro de Aguiar o pasado mes de decembro para ampliar o Colexio CEIP Pluriingüe Ben-Cho-Shey e para estudar as posible vías de implantación da Educación Secundaria no municipio.

“Como facemos sempre cando hai que tomar unha decisión deste tipo, analizamos os datos demográficos do concello e, ao comprobar que rexistran un constante crecemento nos últimos anos, optamos por construír un instituto”, explicou o conselleiro, indicando que se prevé un incremento de arredor de 200 alumnos no ensino secundario obrigatorio nos vindeiros cursos.

Esta nova obra de construción enmarcarase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para os vindeiros tres anos, que conta cun orzamento de máis de 210M€.

Prazos

A redacción do proxecto licítase hoxe mesmo, coa previsión de poder licitar a obra (unha vez entregado e supervisado o proxecto) arredor do mes de xullo de 2025. Deste xeito poderíanse iniciar os traballos de construción no último trimestre de 2025.

O investimento previsto supera os 9M€ e o prazo de execución das obras, segundo as estimacións iniciais, será de 18 meses. O instituto contará con aulas para oito grupos de ESO e catro de Bacharelato. Para a súa edificación, o Concello cederá á Consellería unha parcela de 20.000 m².

Á espera do que se concrete no proxecto, o centro disporá dunha superficie útil de 3.276,4 m². Ademais das devanditas 12 aulas para ESO e Bacharelato, contará con aulas de apoio educativo e desdobres, así como outras específicas para música, tecnoloxía, plástica, laboratorios, seminarios.... Tamén albergará un espazo aberto e multifuncional de foro, seguindo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, biblioteca, ximnasio, aseos vestiarios, tanto estándar como adaptados.

A área de administración contará con todos os espazos necesarios para o cadro de profesorado e equipo directivo e, ademais, dotarase o edificio dun local para cafetería.

Ampliación do colexio

A construción do primeiro instituto do Pereiro de Aguiar súmase ao compromiso xa adquirido o decembro pasado para ampliar o Colexio CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey, neste mesmo municipio, co obxectivo de dar cabida á matrícula crecente en Educación Infantil e Primaria. Actualmente está en fase de redacción o proxecto básico e a intervención está entre as prioridades para o ano 2025.

A ampliación do colexio engadirase ao conxunto de melloras das que xa foi obxecto o centro nos últimos anos cun investimento de máis de 1,2M€ por parte da Xunta, entre as que destaca a ampliación realizada no 2013 por case medio millón de euros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Consellería de Educación anima aos centros a sumarse aos programas de impulso das bibliotecas escolares

EduXunta - Ven, 04/10/2024 - 12:33

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o Colexio CEIP Virxe do Rocío, un dos participantes en ‘Biblioteca Creativa’, cuxa convocatoria está aberta

Tamén se poden presentar as solicitudes para o programa ‘Lectura e familias’

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou hoxe a biblioteca escolar do Colexio Virxe do Rocío de Vigo, un dos participantes no programa Biblioteca Creativa, cuxa convocatoria está aberta ata o 8 de outubro para os centros que desexen incorporarse este curso.

Esta iniciativa busca estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de actividades manipulativas, entre outras, introducindo un espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e ao profesorado os recursos e materiais axeitados. Trabállase a prol de ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e mediática, o razoamento lóxico, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. Neste momento participan no programa 169 centros e poderán incorporarse 25 novos.

No transcurso da visita, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP animou aos centros a sumarse aos diferentes programas de impulso da biblioteca escolar que a Xunta ten en marcha no marco do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe). Entre eles destacou, ademais do devandito, o de Lectura e Familias, tamén coa convocatoria aberta, e que ten entre os seus obxectivos o fomento da participación dos integrantes do fogar nas actividades da biblioteca.

Familias nas bibliotecas

O programa Lectura e Familias busca estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar. Isto abrangue tanto experiencias de lectura como de traballo coa información e medios de comunicación. O obxectivo é que as nais e pais poidan, á súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como persoas lectoras e usuarias de información.

Poderán presentar solicitude para integrarse nesta iniciativa os centros que participen no Plan de mellora de bibliotecas escolares e seleccionaranse un máximo de 25 centros, que se sumarán aos 115 que participan xa no programa. O prazo está aberto ata o 16 de outubro.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta salienta o potencial do Conservatorio Superior de Música de Vigo cunha aposta pola formación especializada e a internacionalización

EduXunta - Ven, 04/10/2024 - 12:30

Summary: 

A directora xeral de FP participa na apertura do curso académico 2024-25, onde destaca o apoio do Goberno galego coa matrícula gratuíta e o reforzo da oferta académica

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, subliña o potencial  do Conservatorio Superior de Música de Vigo, un centro dependente da Xunta cunha destacada aposta pola formación especializada e a internacionalización que se traduce nunha alta calidade académica dos seus graduados.

Así o salientou esta tarde con motivo da apertura do curso académico 2024-25 do conservatorio, onde a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou o apoio do Goberno galego ás ensinanzas artísticas en Galicia en xeral e en Vigo en particular. Non en balde, a Xunta implantou este ano a gratuidade da matrícula nos estudos de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores, unha medida pioneira a nivel estatal. Tamén se referiu ao  reforzo, o curso pasado, da oferta do Conservatorio Superior de Vigo coa posta en marcha do primeiro máster en ensinanzas artísticas en Creación, Interpretación e Investigación Musical, que actualmente están a cursar 38 alumnos dos máis de 300 matriculados neste centro.

O Conservatorio Superior de Música de Vigo ofrece unha ampla variedade de estudos de calidade. Entre eles, máis de 20 opcións instrumentais na especialidade de interpretación, así como as especialidades de Composición, Produción e Xestión, Musicoloxía ou Pedagoxía. Tamén destaca como un referente pola súa proxección internacional a través do programa Erasmus e este curso conta con novos acordos de intercambio coa Royal University of Arts de Pnom Phem de Camboia e con Mahidol University de Bangkok.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A FP galega incorpora a primeira ferramenta de intelixencia artificial para que os alumnos poidan recrear na aula situacións reais en inglés

EduXunta - Xov, 03/10/2024 - 13:21

Summary: 

A través dunha interface en 3D, o alumnado poderá interactuar con avatares en distintos escenarios deseñados polo profesorado que simulan patróns do día a día

Román Rodríguez subliña que se trata dun proxecto educativo “innovador e rupturista” que optimiza a formación lingüística mediante un simulacro profesional

A primeira fase do proxecto aplicarase ao ciclo de Xestión de aloxamentos turísticos, no que participan os sete centros integrados que ofertan estas ensinanzas

A Consellería prevé incorporar esta ferramenta ao resto das familias profesionais

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai incorporar á Formación Profesional galega a primeira ferramenta de intelixencia artificial nestes ensinanzas para que os alumnos poidan recrear na aula situacións reais en inglés a través dunha interface en 3D que lles permite interactuar con avatares en distintos escenarios que simulan patróns do día a día. Isto é, os estudantes de FP veranse inmersos en multitude de situacións e problemáticas personalizadas polos seus profesores coas particularidades correspondentes segundo a familia profesional de que se trate, e ás que deberán enfrontarse neste idioma inglés ao igual que se estiveran vivindo unha situación real.  

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá no Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, este proxecto educativo que cualificou de “innovador e rupturista” na medida en que combina a práctica das destrezas lingüísticas cos últimos avances tecnolóxicos ao servizo da educación. 

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, subliñou a potencialidade que ofrece a intelixencia artificial no eido educativo na medida que en permite o deseño de recursos didácticos personalizados e a aplicación de metodoloxías innovadoras na aula como é o caso do proxecto presentado hoxe, que se circunscribe á aprendizaxe de idiomas no eido da Formación Profesional.

Así pois, desde o departamento educativo da Xunta estanse dando pasos importantes como que Galicia sexa a primeira comunidade en aplicar os beneficios da IA á xestión educativa a través do proxecto EdugalIA. Neste contexto, o conselleiro lembrou que se vén de constituír o grupo de traballo para o deseño dun marco ético do emprego da IA no eido educativo e, deste xeito, abordar os riscos que se poden producir. Sinalou, así mesmo, que Galicia foi pioneira na creación de dúas materias específicas de IA para 4º de ESO e 1º de Bacharelato, e referiuse tamén á implantación do Grao en Intelixencia Artificial nas universidades e á oferta de másteres en intelixencia artificial e big data na FP.

Primeira fase en sete centros integrados de FP

O proxecto Vetinen de aplicación da Intelixencia Artificial á FP arranca cunha proposta piloto para o ciclo de Xestión de aloxamentos turísticos da familia profesional de Hostalería e Turismo e nela participarán os alumnos dos sete centros integrados de FP que imparten este ciclo en Galicia: Paseo das Pontes (A Coruña), Fraga do Eume (Pontedeume), Compostela (Santiago), Vilamarín (no concello do mesmo nome), A Farixa (Ourense), Manuel Antonio (Vigo) e Carlos Oroza (Pontevedra).

Esta fase piloto, que irá de outubro a decembro, abrangue a preparación da plataforma para a súa posta en servizo (coa configuración de escenas e preparación de actividades), a formación do profesorado para que poida levar a cabo as probas, a realización das probas por parte dos alumnos e a análise dos resultados das mesmas. A partir de aí, a Consellería prevé estender esta ferramenta ao resto das familias profesionais.

Nesta primeira experiencia, o profesorado poderá incorporar situacións personalizadas na que os alumnos manterán unha interacción fluída con avatares adaptados a situacións habituais con clientes e provedores de servizos como, por exemplo, novos clientes que chegan ao hotel para realizar o check-in; clientes xa hospedados que requiren servizos ou información concreta ou persoal de hotel que se atopa ante determinados problemas imprevistos que hai que resolver. En todos os casos, os alumnos poderán, a través da interface en 3D, interactuar co avatar correspondente para abordar cada escena e achegar solucións, sempre en inglés, para garantir a práctica desta competencia lingüística.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez salienta a importancia de recuperar a figura do matemático de Bermés, “que contribuíu a poñer Galicia no mapa da ciencia e o progreso”

EduXunta - Xov, 03/10/2024 - 13:14

Summary: 

Participa na presentación do libro ‘José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime’, coeditado polo Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, salientou hoxe a importancia de recuperar figuras “da talla humana e intelectual do Matemático Rodríguez, que contribuíron a poñer Galicia no mapa da ilustración, da ciencia e do progreso”. Fíxoo na presentación do libro José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime, co que o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias recuperan a traxectoria vital e profesional do tamén coñecido como Matemático de Bermés nomeado Científico do Ano 2024.

O representante da Xunta salientou o valor deste libro para contribuír á divulgación dos aspectos máis técnicos da obra do intelectual lalinense “e reivindicar así o seu vigor e a súa influencia”. Neste sentido, sinalou o bicentenario do pasamento do científico como unha boa oportunidade para reivindicar “unha figura tan senlleira non só das nosas matemáticas, senón da nosa identidade”.

Na presentación, celebrada na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, participaron tamén o reitor da USC, Antonio López; a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; o editor do volume, Juan José Nieto Roig, e os autores, José Ángel Docobo, Daniel González Alén e José Manuel García Iglesias.

Programa de actividades

A edición do libro forma parte do amplo catálogo de iniciativas para homenaxear ao Matemático Rodríguez ao longo do ano. Neste marco, a Xunta de Galicia impulsa unha exposición itinerante baixo o título José Rodríguez, o matemático do Bermés, coordinada pola Real Academia Galega de Ciencias. A mostra, que ten como obxectivo de divulgar e dar a coñecer a figura e a obra do científico, comezará o seu percorrido en Santiago de Compostela para despois viaxar ata Lalín -municipio que o viu nacer- e a Madrid.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez dá a benvida a 665 auxiliares de conversa de 24 países dos 5 continentes que traballarán nas aulas galegas este curso

EduXunta - Mér, 02/10/2024 - 16:58

Summary: 

O número de auxiliares de conversa alcanza un récord histórico, reforzando o apoio á aprendizaxe de linguas en Galicia

Galicia destina máis de 4,7M€ a esta iniciativa no marco da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida a 665 auxiliares de conversa de 24 países dos cinco continentes nun acto celebrado na Cidade da Cultura. Este evento serviu como punto de encontro para os novos auxiliares que durante o curso 2024/25 apoiarán a aprendizaxe de inglés, francés, portugués, alemán e chinés nas aulas galegas.

A xornada reuniu a cifra máis alta dos auxiliares de conversa que se incorporan a 511 centros educativos de todo o territorio galego. Isto permite que o 75% dos centros educativos sostidos con fondos públicos poidan desenvolver programas plurilingües en diversas etapas: Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

O representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou a importancia deste programa plurilingüe, subliñando o impacto que terá a “presenza destes profesionais no sistema educativo, xa que non só colaboran no ensino de linguas estranxeiras, senón que traen consigo unha visión internacional que enriquece o noso alumnado e abre as portas ao mundo”.

Durante  a xornada, realízase unha presentación detallada do programa de auxiliares de conversa e varias sesións informativas, nas que se abordaron aspectos prácticos como os trámites de estranxeiría e a vida en Galicia. Estas actividades axudan aos novos auxiliares a adaptarse ao seu novo entorno e ás súas responsabilidades.

De Singapur a Brasil

Cos 665 auxiliares de conversación, Galicia continúa consolidándose como líder na promoción do plurilingüismo, fortalecendo a educación e abrindo novas portas ao futuro do alumnado galego. Estes profesionais proceden de cinco continentes distintos e dos seguintes países: Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Bulgaria, Canadá, China, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Hungría, India, Irlanda, Italia, Lituania, Marrocos, Nova Zelandia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Singapur e Tunisia.

Liderado en auxiliares de conversa de alto perfil

Román Rodríguez resaltou o compromiso da Xunta coa aprendizaxe de idiomas nos centros educativos galegos. Así, este curso aprobáronse acordos co Ministerio de Educación, a Comisión Fulbright, a Hanban (entidade académica chinesa) e o Instituto Camões de Portugal. Os catro convenios permiten a incorporación de auxiliares de conversa.

De feito, o titular de Educación destacou que a semana pasada asinou o convenio coa Comisión Fulbright, o cal posiciona a Galicia como a comunidade autónoma con maior número de auxiliares estadounidense de alto perfil académico. Este acordo permite que 40 auxiliares impartan nas aulas galegas este curso, unha cifra destacada dentro do conxunto de 184 auxiliares repartidos por todo o Estado.

Aposta decidida polo plurilingüismo

A incorporación de auxiliares de conversa no ensino galego inscríbese na Estratexia Edulingüe 2030, que busca consolidar os logros acadados na última década no ensino de linguas estranxeiras. Un dos puntos clave desta estratexia é a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira en centros de educación obrigatoria, modelo iniciado no curso 2010/11. A partir do 2017, este sistema foi ampliado a Infantil, Bacharelato e Formación Profesional, alcanzando os 511 centros plurilingües no curso 2024/25. O éxito destas políticas queda reflectido nos resultados do alumnado galego, que figura entre os mellores de España en nivel de inglés, segundo o ranking internacional EF EPI.

Alta satisfacción e renovación do programa

Os auxiliares de conversa non só enriquecen a aprendizaxe das linguas, senón que tamén son valorados como unha ferramenta fundamental para achegar a cultura e realidade dos seus países de orixe ao alumnado galego. Segundo as valoracións das persoas coordinadoras nos centros educativos, o 99% considera moi positivo este apoio. Ademais, o 33% dos auxiliares solicita renovar a súa estadía en Galicia para o seguinte curso. Durante a súa estancia, recibirán unha axuda económica e contarán co apoio dun profesor titor que os guiará nas súas tarefas de apoio á docencia.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta de Galicia e o Concello do Carballiño cooperarán para mellorar os centros educativos a través dun convenio

EduXunta - Mér, 02/10/2024 - 16:53

Summary: 

Román Rodríguez pon en valor as actuacións realizadas no municipio, por máis de 2,5 millóns de euros, dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024

Construirase un pavillón e un patio cuberto no CEIP Calvo Sotelo do municipio

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, para analizar as necesidades en materia educativa da localidade ourensá e avanzar nun convenio de colaboración.

O representante da Xunta de Galicia puxo en valor o traballo realizado no municipio do Carballiño nos últimos anos dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024, no que se realizaron obras de mellora por valor de máis de 2,5M€. Concretamente, levouse a cabo a ampliación do IES Manuel Chamoso Lamas, a substitución da cuberta de fibrocemento, a mellora da funcionalidade dos baños para infantil e a substitución da iluminación e colocación do falso teito do CEIP Calvo Sotelo, e a instalación fotovoltaica no IES Nº1. Ademais, durante o verán tamén se acometeron pequenas obras de mellora no colexio Calvo Sotelo e no instituto Nº1. 

Durante a reunión, na que tamén estiveron presentes o secretario xeral técnico, Manuel Vila; o tenente de alcalde, José Rafael Castro-Gil, e a concelleira de Educación, Lorena Castro, acordaron a sinatura dun convenio de colaboración para levar a cabo melloras nos centros educativos do concello. “A colaboración entre Administracións é fundamental para acadar mellores servizos”, sinalou Román Rodríguez.

Neste sentido, e a través do futuro convenio entre Xunta e Concello, a Consellería de Educación comprométese a atender novas necesidades dos centros. Entre elas destaca a solicitude do Concello de acometer a obra do peche do pavillón do CEIP Calvo Sotelo, así como a construción de vestiarios, baños e gradas no mesmo recinto e poder abrir, deste xeito, a infraestrutura ao uso público. Ademais, tamén se valorará a posibilidade de facer un patio cuberto no mesmo colexio.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Xunta e Concello de Silleda reúnense para analizar melloras nos centros educativos

EduXunta - Mér, 02/10/2024 - 16:50

Summary: 

Román Rodríguez pon en valor as actuacións realizadas no municipio, por case un millón de euros, e compromete melloras no CEIP Plurilingüe de Silleda

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, para valorar diversas actuacións neste municipio de cara a mellora dos centros educativos.

Na reunión, na que tamén estiveron presentes o secretario xeral técnico, Manuel Vila, e a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, o representante da Xunta puxo en valor os investimentos realizados no concello de Silleda estes últimos anos e ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024. 

Concretamente, realizáronse tres grandes obras por case 1M€. Son melloras sectoriais e cambios de luminarias no IES Plurilingüe Pintor Colmeiro; melloras da cuberta, falsos teitos e aseos no CEIP Ramón de Valenzuela, e obras de reforma de aseos, substitución de cubertas e ampliación da aula de música no CEIP Plurilingüe de Silleda. Ademais, este verán a Consellería de Educación tamén acometeu pequenas obras de mellora no Instituto Pintor Colmeiro.

Tal e como foi comprometido xa con anterioridade coa comunidade educativa realizaranse melloras nos centros educativos do municipio. Entre elas destacan varias actuacións no CEIP Plurilingüe de Silleda, onde se cambiarán as fiestras para a mellora da eficiencia enerxética e se analizarán as posibilidades de facer un patio cuberto en colaboración coa Administración local. Así mesmo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tamén valorará a posibilidade de ceder unha parte do patio do centro educativo para mellorar as instalacións da escola infantil.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta destaca o traballo a prol da investigación biomédica do CICA, o que apoia cunha inxección de 2 M€

EduXunta - Mér, 02/10/2024 - 12:57

Summary: 

O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación visitan o centro, que conta con máis de 200 investigadores

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), da Universidade da Coruña, para coñecer o seu funcionamento e liñas de investigación a prol da biomedicina. Este centro, que a Xunta de Galicia apoia cunha achega de 2M€, vén de incorporarse este ano á rede de Centros de Investigación de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia, conformada por 13 centros.

Os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no marco das visitas conxuntas que están realizando aos centros de investigación e tecnolóxicos para coñecer o seu funcionamento e atender as necesidades que xurdan no eido da investigación biomédica, destacaron o traballo dos máis de 200 investigadores do CICA co obxectivo de afondar nas causas das principais enfermidades e traducir os resultados da investigación básica en aplicacións médicas en eidos como a neurociencia, as enfermidades crónicas e infecciosas ou a medicina rexenerativa.

O centro está tamén especializado no estudo de como a contaminación, a xestión da auga ou do cambio climático, unha alimentación adecuada e a utilización dunha produción primaria responsable, inciden na mellora da saúde humana.

Nanociencia e retos industriais

José Alberto Díez e Carmen Cotelo coñeceron outras áreas de traballo prioritarias como a nanociencia e os materiais avanzados, con iniciativas para o desenvolvemento de ferramentas biomédicas como plataformas de diagnóstico ou multiterapéuticas, ou ben para abordar novos retos industriais.

Durante a visita, púxose en valor o apoio do Goberno galego a este centro de investigación que, ademais dos 2M€ que recibiron por parte da Xunta este ano, no período 2020-2023 captou 12,7M€ en convocatorias competitivas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

O conselleiro de Ciencia reivindica a figura do Matemático Rodríguez logo do achado da súa sepultura

EduXunta - Mér, 02/10/2024 - 09:08

Summary: 

Destaca que o ‘matemático do Bermés’ foi un dos “maiores xenios científicos” de Galicia que a colocou “no mapa da ilustración, da ciencia e do progreso”

Conmemóranse os 200 anos do pasamento do nomeado Científico do Ano 2024 pola Real Academia Galega de Ciencias

A Xunta súmase á celebración cunha exposición itinerante para divulgar e dar a coñecer a figura e obra do lalinense

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na descuberta da placa que identifica por primeira vez o lugar onde se atopa a tumba do nomeado Científico do Ano 2024 pola Real Academia Galega de Ciencias, José Rodríguez, coñecido como Matemático Rodríguez. Este recoñecemento vai permitir á cidadanía render homenaxe á súa figura no lugar exacto onde foi sepultado e que ata o momento non estaba localizado, na igrexa de San Agostiño, en Santiago de Compostela.

O titular do departamento de Ciencia da Xunta reivindicou a figura do Matemático Rodríguez como “un dos maiores xenios científicos da Historia de Galicia”. Neste sentido, destacou a necesidade de poñer en valor os persoeiros “que contribuíron a situar a Galicia no mapa da ilustración, da ciencia e do progreso”. “Como mestre, como galego e mesmo como lalinense síntome orgulloso de poder colaborar nesta homenaxe”, afirmou.

Neste sentido, o representante da Xunta puxo en valor o papel do catedrático de Astronomía da Universidade de Santiago de Compostela, José Ángel Docobo, promotor da colocación da placa, coa colaboración da igrexa de Santo Agostiño e do Colexio Maior de San Agustín. Carmen Villanueva, autora dunha tese de doutoramento na Universidade de Vigo sobre este ilustre persoeiro, foi quen pescudou no libro de enterramentos dos agostiños en Madrid o lugar exacto onde foran depositados no seu día os restos mortais.

Participaron tamén no acto, entre outras autoridades, o arcebispo emérito de Santiago Julián Barrio; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o alcalde de Lalín, José Crespo.

Exposición itinerante

A descuberta da placa enmárcase nas celebracións que homenaxean ao longo deste ano ao Matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento, nas que a Xunta vai participar impulsando unha exposición itinerante baixo o título José Rodríguez, o matemático do Bermés, coordinada pola Real Academia Galega de Ciencias.

Esta iniciativa, a través das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias, ten como obxectivo de divulgar e dar a coñecer a figura e a obra do científico galego José Rodríguez, nado en Lalín e mestre de Domingo Fontán, coincidindo co 200 aniversario do seu falecemento.

A mostra comezará o seu percorrido en Santiago de Compostela para despois viaxar ata Lalín -municipio que o viu nacer- e a Madrid. José Rodríguez, o matemático do Bermés pretende achegar ao público xeral o legado dun dos matemáticos máis relevantes de Galicia, que destacou no século XIX polo seu traballo en diferentes ramas das Matemáticas e pola súa contribución ao desenvolvemento científico da súa época.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez subliña o crecemento xeneralizado da matrícula de FP no conxunto do territorio e en todas as familias profesionais

EduXunta - Mar, 01/10/2024 - 16:59

Summary: 

Destaca que a “revolución silenciosa” afiánzase “cun novo récord” de estudantes ata acadar os 68.823, o dobre que hai 15 anos, froito dunha “oferta reforzada” e a aposta pola innovación, a tecnificación e alta cualificación

A matrícula medra en todas as provincias, con especial forza nas áreas do Salnés, Deza-Tabeirós-Terra de Montes, A Mariña e Pontevedra

As familias profesionais que máis soben son Instalación e mantemento, Edificación e obra civil, Comercio e márketing, Sanidade e Fabricación mecánica

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, subliña o crecemento “integral” e xeneralizado da matrícula das ensinanzas de FP en todas as provincias e en todas as familias profesionais este curso académico 2024-25, onde “acadamos un novo récord histórico” con 68.823 estudantes, unha cifra que duplica a rexistrada 15 anos atrás.

Así o sinalou esta mañá en Pontevedra durante unha visita ao Instituto IES Luís Seoane, onde debullou os datos pormenorizados destas ensinanzas que, en palabras do titular de Educación, afianzan “a revolución silenciosa da nosa FP”. “Unha dinámica que non é froito da casualidade”, senón dunha aposta polo diálogo permanente cos centros e co tecido socioeconómico, co deseño dunha oferta ampla e variada que chega a todo o territorio e cunha “formación á carta que se adapta ás necesidades e aos intereses de cada persoa”, abondou. Esta tendencia alcista, cun 7% máis de matrícula que o pasado curso (4.235 estudantes máis), reflíctese de xeito xeneralizado en todas as modalidades de FP, en todas as familias profesionais e no conxunto do territorio galego.

Crecemento en todas as provincias

Así pois, rexístrase un crecemento en todas as provincias, onde a de Lugo lidera a suba con case un 8% de aumento (6.998 matriculados, 517 máis que o pasado curso), seguida da provincia de Ourense con case un 7% (6.244 matriculados, 400 máis), A Coruña cun 6% (30.211 matriculados, 1.826 máis) e Pontevedra outro 6% de crecemento (25.370 matrículas, 1.510 máis).

En canto ás areas territoriais delimitadas no Plan FP Conecta (onde se deseñou unha oferta axeitada e axustada ás demandas territoriais e socioeconómicas de cada zona) cómpre destacar o dinamismo experimentado en zonas como as do Salnés (onde se rexistrou unha suba de matrícula do 18%), Deza, Tabeirós e Terra de Montes (un 13% máis), A Mariña (un 11% máis) e Pontevedra (un 9% máis).

Na variable rural-urbano, destaca o eido rural cun aumento de matrícula de case o 8%, o que fai que nesta parte do territorio haxa máis estudantes ca nunca, un total de 7.766, o que supón 553 máis que o pasado curso. No eido urbano o crecemento é do 6% ata acadar as 61.057 matrículas (3.700 máis).

Familias profesionais

No que atinxe ás familias profesionais, das 24 que se poden estudar en Galicia, a matrícula medra en 22 delas. As subas máis destacadas danse en Instalación e mantemento (19% máis), Edificación e obra civil (18% máis), Comercio e márketing (10% máis), Sanidade  (10% máis) e Fabricación mecánica (8% máis).

Doutra banda, Román Rodríguez subliñou a “excelente” resposta ante as novas propostas formativas da Xunta de Galicia, que fan fincapé na alta cualificación profesional. Referíase así ao incremento de matrícula de case o 60% nos títulos de alta especialización (con 347 matriculados, 129 máis que o pasado curso) e dos másteres de FP (que igualmente soben nun 60% ata acadar os 1.006 matriculados).

En palabras do conselleiro, estes datos “reflicten que imos polo bo camiño coa nosa aposta por propostas exclusivas de Galicia para atender demandas específicas do sistema produtivo”. Tamén destacar a FP Dual Intensiva, con 4.042 alumnos e unha suba do 36% (1.068 alumnos máis que o curso pasado).

Por modalidade formativa, neste curso hai 5.643 persoas matriculadas nun ciclo formativo básico (un aumento do 5,4%), 25.397 nun ciclo de grao medio (4,1% máis) e 37.783 persoas matriculadas nun ciclo de grao superior (un 8,5% máis).

Ampliación do IES Luís Seoane

O titular de Educación aproveitou a visita a Pontevedra para destacar especialmente o labor e a implicación dos centros educativos e do seu profesorado como “piar indiscutible” do éxito da FP e puxo como exemplo o IES Luís Seoane, que cualificou coma un “dos buques insignia” destas ensinanzas como avalan os case 900 matriculados este curso (un 10% máis), e que xunto con outros como os centros integrados de FP Carlos Oroza, A Xunqueira e Montecelo, exercen de “polos tractores” nunha cidade como Pontevedra que conta con 4.053 persoas matriculadas en FP. Tamén se referiu ao recén creado Centro Integrado de FP CIFP Escola de Cantería de Galicia en Poio, onde a matrícula se multiplicou por catro.

Román Rodríguez explicou que o reforzo da oferta esixe tamén da necesidade de infraestruturas axeitadas e a isto responde a obra de ampliación do Luís Seoane acometida pola Consellería cun investimento de 723.000 euros, coa cal o centro dispoñe de 1.000 metros cadrados máis de superficie ao servizo do alumnado, con cinco novas aulas, unha aula-taller e unha aula de informática ademais de novos espazos para servizos comúns como vestíbulos, almacéns , aseos, vestiarios e cuartos de instalacións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta incrementa un 8% a colaboración coa ONCE para atender ao alumnado con discapacidade visual

EduXunta - Mar, 01/10/2024 - 16:55

Summary: 

O conselleiro de Educación e o delegado territorial da ONCE asinan un convenio para a mellora da atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave

Destinarase 341.175€ para a contratación de sete profesores especializados

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinou hoxe co delegado territorial da Organización Nacional de Cegos Españoles (ONCE), Manuel Martínez Pan, un convenio co obxectivo de mellorar a atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave en Galicia. Este acordo, a través do cal se incrementa un 8% a partida orzamentaria con respecto ao anterior ata acadar os 341.175€, permitirá a incorporación de sete profesores especializados que traballarán en centros.

Durante a sinatura no Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou que esta sinatura renova o compromiso do Goberno galego coa inclusión educativa, poñendo énfase na atención á diversidade e na eliminación das barreiras que poidan dificultar o acceso á ensinanza do alumnado con discapacidade visual.

O representante da Xunta tamén subliñou que esta colaboración “reforza a nosa aposta por un sistema educativo inclusivo, que aporta os recursos necesarios para garantir a mellor educación ás persoas con discapacidade e lograr a súa integración”. “Galicia lidera a atención á diversidade, hai estatísticas do propio Ministerio que constatan que temos o sistema máis inclusivo, xa que ningunha comunidade autónoma ten un sistema de ponderación do alumnado con necesidades educativas, que conta por dous e tres”, recalcou.

Adaptación de materias didácticos

Grazas a esta acción, recibirán apoio un total de 319 estudantes con discapacidade visual escolarizados en calquera ensino de réxime xeral e especial. Nesta liña, o  titular de Educación explicou que o convenio “non só permite a dotación de profesores especializados, senón que tamén inclúe a adaptación de materiais didácticos a formatos accesibles, empregando plataformas dixitais”.

Ademais, promoverase a adaptación a braille ou a gravación dos libros e materiais curriculares, así como a realización de formación básica para profesores e titores das etapas obrigatorias que traballan con este alumnado.

Por parte da ONCE, a entidade comprométese a poñer a disposición dos estudantes e das súas familias os seus centros e servizos especializados, así como a proporcionar os recursos humanos e materiais necesarios. Tamén promoverá actividades de sensibilización nos centros educativos galegos, co fin de facer visible a realidade das persoas con cegueira e favorecer a súa plena inclusión na contorna escolar.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Unha vintena de alumnos dos CIFP Compostela e Politécnico de Santiago cursaron FP dual intensiva con bolsas da Fondation Amigo

EduXunta - Mar, 01/10/2024 - 16:51

Summary: 

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reúnese con representantes da fundación para facer balance do éxito da iniciativa, que se renova e amplía no presente curso

Destaca a boa valoración da experiencia que fan tanto alumnos como empresas colaboradoras, que xa ofreceron traballo a algúns dos titulados

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe con Nathalie Chaix, Juan Carlos Hergueta e Manuel Montesinos, representantes da Fondation Amigo, para facer seguimento do acordo establecido entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e esta entidade para a formación de alumnos dos centros integrados de FP Compostela e Politécnico de Santiago. No encontro participaron tamén os directores dos centros, Ramiro Esparís e Nicolás Espasandín, respectivamente.

En concreto o curso pasado 19 alumnos destes centros puideron cursar os ciclos de grao medio en Atención a persoas en situación de dependencia e de grao básico en Carpintería e moble na modalidade de FP Dual Intensiva con bolsas da Fondation Amigo. Parte deles obtiveron ofertas de emprego nas empresas nas que fixeron a formación, pero a maioría dos alumnos optaron por seguir completando os seus estudos na FP galega.

A directora xeral enmarcou este acordo na aposta do Goberno galego por estender a modalidade dual intensiva a cada vez máis alumnos e agradeceu a colaboración da Fondation Amigo, que se fai cargo dos custes de contratación dos bolseiros por parte das empresas. Ademais, destacou a boa valoración da experiencia que fan tanto alumnos como empresas colaboradoras. De feito, dado o éxito da iniciativa, esta colaboración ampliarase este curso á familia de Artes Gráficas do CIFP Compostela.

Atención a persoas en situación de dependencia

No caso do CIFP Compostela beneficiáronse do acordo oito alumnas do ciclo de grao medio en Atención a persoas en situación de dependencia. Todas elas acadaron o título e seis recibiron proposta de contrato por parte das empresas nas que complementaron a súa formación.

Participaron na formación como empresas colaboradoras o centro ocupacional e de día Aspas, o Centro de día Salgueiriños-AGADEA, a Asociación de persoas con discapacidade da comarca de Noia (MISELA) e as delegacións de Servisenior Santiago, Brión e Brión I.

Carpintería e moble

No que atinxe ao CIFP Politécnico de Santiago, participaron na iniciativa 11 alumnos do ciclo de grao básico en Carpintería e moble, dos que titularon 10 e un non puido por enfermidade. Tres deles conseguiron unha oferta de traballo na empresa na que realizaron a formación.

Neste caso as empresas participantes foron Carpidiser, Carpintería Marquéz y Vilela, Carpintería Senin, Carpintería y montaje O Sixto SC, Togar Cocinas, Estudio Sangiovanni, JSeoane Design, Jorge Gato Gómez e Ángel Otero Fernández.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Distribuir contido