18/03 |
Quedar na casa durante canto menos catorce días obriga a todas as familias a adoptar novas rutinas para facer fronte a unha situación excepcional e para evitar os prexuízos que este peche poida provocar no estado emocional e desenvolvemento académico dos nenos e nenas.
Por fortuna, as crianzas saben que este non é un período vacacional, razón pola que continúan coa actividade escolar dende a casa, establecida diariamente de forma telemática por candasúa titora. Con todo, é preciso que cada familia asuma esta situación como un reto, tanto pola dificultade de adoptar un novo modelo de conciliación e organización dos coidados e das actividades das crianzas e das persoas maiores (moitas delas teletraballando desde o fogar), como pola necesidade de organizar de forma consensuada os tempos e os espazos.
Nesa nova organización das rutinas é necesario que os nenos e as nenas realicen diverso tipo de actividades para evitar a pasividade ou a ansiedade que esta reclusión obrigada poida ocasionarlles.
Recomendamos manter os horarios habituais para erguerse e deitarse, así como para as horas do almorzo, xantar, merenda e cea.
Cremos que as horas da mañá deben estar ocupadas pola realización das actividades académicas titorizadas dende o centro , establecendo varios descansos e tempo de xogo libre, dependendo da súa idade.
Pola tarde sería o momento ideal do día para ter unha hora específica dedicada á lectura e a escritura, tanto dos textos propostos polo centro como doutros dispoñibles na biblioteca familiar.
Debe existir tamén outro tempo diario para as actividades artísticas e plásticas (manualidades, debuxo, pintura, mandalas, construcións...). Desde o centro proponse diariamente a realización dun Coronareto deste carácter, como tamén existen outras propostas deste tipo na rede: « 15 días,15 debuxos », « O arco da vella. Todo vai ir ben »...
As rutinas deben contemplar un tempo para o movemento e a actividade física, o que sabemos pode ser difícil en moitos fogares ou mesmo imposible. Mais o que si o será en todos é que os nenos e nenas compartan as tarefas domésticas de limpeza e arranxo do cuarto, o que fomenta a súa responsabilidade, autonomía e a igualdade entre homes e mulleres.
Neste confinamento debe existir un tempo diario para a comunicación dixital ou telefónica coas amizades e cos familiares, así como outro para o xogo individual (videoxogos e outras actividades lúdicas) como tamén para o xogo en familia, tanto compartindo xogos de mesa como acometendo retos ou proxectos nos que participan maiores e crianzas.
Con certeza que haberá aínda tempo cada día para escoitar música, ver a televisión ou vídeos de You Tube ou visitar espazos seguros para os menores en Internet , preparados para esta corentena.
Con todo, dende o punto de vista formativo o máis importante desta reclusión, que non poderemos evitar que nalgún momento resulta molesta e aburrida, é que os nenos e as nenas comprendan a razón pola que se fai: contribuír a parar o contaxio dun virus perigoso para a saúde de todas as persoas. Corresponde as persoas adultas compartir a información dispoñible e non ignorar os medos e dúbidas dos menores sobre a súa evolución.
Tarefa na que o Departamento de Orientación do centro amosa toda a súa dispoñibilidade a colaborar. Estas orientacións poden ser ampliadas nos recursos recomendados polo Departamento de Orientación na web do centro .
En próximas entregas comentaremos algúns destes recursos así como outros novos que iremos engadindo.
Manuel Bragado Orientador do CEIP Laredo