O Orientador responde...16/05 "Ensinanza na casa. Decálogo para as familias"

16/05

 O primeiro espazo educativo é a familia. Logo a escola. A situación de confinamento continuado na casa das crianzas durante xa máis de dous meses debería converterse nunha oportunidade para reconsiderar o papel fundamental da familia na súa educación.

 As familias deberían considerar esta longa corentena na que os escolares están lonxe das aulas como unha oportunidade para participar no seu proceso educativo e colaborar co profesorado do colexio para que continúen dende casa coas súas tarefas escolares e non perdan as rutinas e hábitos de estudo.

 O Laboratorio de Educación y Nuevas Tecnologías de la Universidad de la Laguna, dirixido polo catedrático galego Manuel Area Moreira, dedicou unha das súas guías da colección «Enseñar y aprender desde casa», ao papel da familia nesta tarefa (pode descargarse aquí, 8 páxinas).

 Recollemos unha síntese do decálogo de orientacións xerais para as familias sobre a ensinanza non presencial:

  • 1–. Axuda a establecer horarios e rutinas nos teus fillos e fillas. No día hai tempo para o traballo de clase, para o descanso e para un lecer responsable. Recoméndase establecer un horario no que se respecte que por cada 45 minutos de traballo haxa un descanso de 15 de descanso (para beber auga, pasear pola casa ou facer un pouco de exercicio).
  • 2–. Edúcaos no aproveitamento produtivo do tempo de traballo. É importante que no tempo dedicado ao traballo estean concentrados na tarefa, polo que para fomentar a súa concentración é necesario reducir das distraccións e crear un ambiente tranquilo.
  • 3–. Revisa as medidas de seguridade e prevención dos dispositivos dixitais. Comproba que tes instalado un antivirus que protexe os dispositivos de calquera ameaza que poidamos atopar en internet. Ten a man os contrasinais dos accesos e procura que sexan seguras e intransferibles.
  • 4–. Coordínate co profesorado para favorecer a súa aprendizaxe. Comunícate coa titora, sen que isto supoña saturala de mensaxes. Pensa que, como lle sucede ás familias, ela está vivindo tamén unha situación complicada sen poder estar cerca do seu alumnado. Se tes dúbidas ou precisas información, aproveita as canles do colexio para solicitala.
  • 5–. Fomenta un uso racional e responsable dos recursos tecnolóxicos. Hai que ser responsables no uso da tecnoloxía, o que supón o respecto dalgunhas normas. Dependendo das idades das crianzas haberá unhas horas para facer as tarefas do cole no ordenador, outras para ver a televisión, outra para os videoxogos da tablet ou do móbil.
  • 6–. As tarefas escolares na casa non deben ser só dixitais. Ensina aos teus fillos a estar desconectado. É necesario diversificar o uso dos recursos dispoñibles, xa sexa dixitais ou analóxico para favorecer a desconexión da tecnoloxía e capacidade creativas en diferentes soportes. É importante poñer un límite ás horas diante das pantallas (tele, videoxogos, redes sociais, segundo a idade) e propoñer outro tipo de actividades atractivas como a lectura.
  • 7–. Selecciona ben os dispositivos tecnolóxicos utilizados para a educación na casa e interésate en buscar recursos educativos na rede. É unha realidade que non todas as familias teñen a mesma capacidade de acceso a un ordenador ou tablet para poñela a disposición dos fillos. Se tes dificultade, procura axuda do centro para procurar unha solución.
  • 8–. Procura xerar un clima agradable e positivo á hora de poñerse a traballar. Fomentar un ambiente positivo axudará a manter un mellor ánimo e unha sensación de benestar. É importante manter unha actitude aberta diante das posibilidades educativas das TIC.
  • 9–. Déixalles espazo e autonomía na realización das súas tarefas. Tanto as crianzas como as adolescentes necesitan asumir a responsabilidade das súas tarefas e obrigas. As familias deben axudar na realización das tarefas se os nenos teñen dificultades ou lembrarllas no caso de que as esquecera ou que de forma consciente non as estea asumindo. Porén, é esencial respectar o espazo e deixar que aprendan a gañar autonomía e o liderado na xestión da súa propia aprendizaxe.
  • 10–. Busca espazos e tempos para conectar coa familia. É indispensable que estes días contribúan a conectar máis coa familia e a xerar un bo ambiente familiar. Proponlles actividades que poidan compartir e divertir a todos os membros, mais tamén para falar e coñecerse mellor.

Consellos específicos para Educación Infantil

  • 1–. Evita que os picariños usen a tecnoloxía sen compañía dunha persoa adulta.
  • 2–.Usa a tecnoloxía nos espazos compartidos da casa.
  • 3–. Favorece a comunicación sobre o que fan, gustaríalles facer ou van facer logo. O diálogo é esencial na súa aprendizaxe. Organiza rutinas de conversa do que van facer ao longo do día.
  • 4–. Atende ás recomendacións da titora na realización das actividades.
  • 5– Delimita  tempo de uso dos dispositivos para a realización das actividades escolares e de lecer.
  • 6– Propón diversidade de actividades, que supoñan o uso ou non de dispositivos (lecturas, xogos, actividades físicas, escoitar música...).
  • 7–. Utiliza recursos educativos dixitais con fins concretos. Recoméndase o uso de repositorios e portais educativos institucionais ou os recomendados polo profesorado.
  • 8–. Coordínate e comunícate con outras familias. É recomendable que os nenos e as nenas sigan mantendo espazos de comunicación virtual cos seus compañeiros co fin de xogar ou simplemente comunicarse.

Consellos específicos para Educación Primaria

  • 1–. Usa a tecnoloxía en espazos compartidos. Non é aconsellable que o utilizan os ordenadores, tablets ou móbiles nos eu cuarto.
  • 2. Axúdaos a organizarse co traballo, utilizando os criterios propostos polo profesorado.
  • 3–. Anímaos a poñerse en contacto con outros compañeiros de xeito virtual, para intercambiar ideas sobre os traballos.
  • 4–. Favorece a comunicación sobre o que fan, gustaríalles facer ou van facer despois. As familias deben coñecer cales son as súas tarefas, non para facerllas, mais si para ofrecerlles orientación e axuda.
  • 5–. Axúdaos a ser críticos coa información que buscan, a descubrir bulos e a contrastar a información. Os nenos e nenas teñen que saber que non toda a información que atopen en internet é fiable.
  • 6–. Pide que compartan contigo o traballo que van facendo para facerlles suxestións, animalos e facer crítica construtiva. O feito de non ir a clase, onde o seu traballo é guiado polo profesorado e compartido cos seus colegas, non debe supoñer a realización das tarefas en solitario.
  • 7–. Establece compromisos de traballo: é importante establecer un tempo para cousa de xeito que os nenos e nenas acepten o recoñecemento do seu deber de realizar tarefas para poder gozar do seu tempo de lecer.
  • 8–. Axúdaos a identificar que información persoal non é axeitado difundir nin compartir con outras persoas coñecidas ou descoñecidas.

Manuel Bragado Orientación do CEIP de Laredo.