INFORMACIÓN XERAL

 LIÑA METODOLÓXICA

Este centro opta por unha liña metodolóxica innovadora, introducindo paulatinamente dinámicas  favorecedoras da formación competencial do noso alumnado a través de 5 eixos fundamentais:

O movemento como ferramenta fundamental para o desenvolvemento integral do noso alumnado. Coas sesións diarias de psicomotricidade ao inicio de cada xornada escolar procúrase a estimulación das conexións neuronais, o coñecemento de sí mesmo e da contorna e as relacións cos demais.

Contextos de aprendizaxe. O noso centro propón unha dinámica de aula baseada en contextos (comunicativo-lingüístico, lóxico-matemático e científico-social) que favorezan a posta en práctica dos contidos conceptuais a través de tarefas experienciais e reais con trascendencia social para o noso alumnado, empregando dinámicas e estruturas propias daaprendizaxe cooperativa.

Formación continua do Equipo Docente a través de Programas de Formación Para o Profesorado, Seminarios, ponencias, cursos e obradoiros co obxectivo de mellorar a práctica docente.

Convivencia Escolar Positiva. O noso centro valora as aportacións de todos os membros da comunidade educativa, por este motivo traballamos xuntos/as a través das comisións de Asesoramento ao alumnadoAsesoramento ao Profesorado, Encontros periódicos entre Familia-Escola e a nosa Escola de Familias "Lameira".

 

RECURSOS

O principal recurso para a obtención de experiencias que favorezan unha aprendizaxe activa e significativa é a actividade conxunta de toda a Comunidade Educativa.

Por outra banda consideramos que o maior recurso do que dispoñemos é o noso EQUIPO DOCENTE, que ten presente cada día a mellora da súa práctica e que traballa de xeito coordinado aprendendo continuamente do seu grupo de iguais, de xeito similar ao seu alumnado.

Ademáis dispoñemos dos recursos propios dun centro destas características: biblioteca, aula de idiomas, aula de música, recursos tics en todas as aulas, ximnasio..., destacando a nosa aula de cociña e a horta escolar (dentro do programa hortas escolares do noso Concello) que son referencia no traballo cooperativo e competencial do alumnado.

 

DATAS SIGNIFICATIVAS

Preservar a cultura galega e as nosas tradicións ten un lugar prioritario no desenvolvemento do proceso de ensinanza-aprendizaxe  do colexio Josefa Alonso de Alonso. É por isto que todo o noso alumnado participa, da man dos seus docentes, de forma activa na celebración de festas, conmemoracións e outras datas de interese cultural relacionadas coa comunidade galega: Samaín, Magosto cos nosos Maiores, Día de Rosalía, Letras Galegas, Maios, Cortalumes, Semana Cultural, Concursos de Ortografía Intercentros.... O equipo de dinamización da lingua promove un amplo abano de actividades encamiñadas nesta dirección, na que cada vez participan máis activamente as familias. O principal Obxectivo destas datas é concienciar a toda a Comunidade Educativa da necesidade de traballar xuntos para respectar a contorna, as súas costumes e a súa riqueza.

 

ORIENTACIÓN EDUCATIVA E INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS

         O departamento de orientación está constituído pola orientadora e as mestras especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe que traballan de forma conxunta co resto de docentes e nunha doble vertente: atender ás necesidades específicas das nenas e nenos que precisan apoio e orientar ás familias en aspectos relacionados coa educación dos seus fillos e fillas.

  

Para este obxectivo o noso DO traballa dun xeito interprofesional cos Equipo Específicos, Gabinetes e Profesionais do ámbito clínico.

 

Os informes que recollen a evolución académica de alumnas e alumnos entréganse persoalmente nunha data concreta sinalada para ese fin ao remate de cada trimestre o que favorece a relación entre familias e escola.

Na etapa de Educación Infantil a mestra especialista en AL (audición e linguaxe) imparte obradoiros para a estimulación da linguaxe oral.

 

SECCIÓN BILINGÜE

En primeiro e segundo curso de Educación Primaria impártese a Educación Plástica en lingua inglesa.