Mais lois

   
 

Deseño de Séchu Sende (Made in Galiza)

 

 

 

 

Comezou o Ano de Lois Pereiro, poeta monfortino ao que a Academia da Lingua Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas 2011 co obxectivo de valorar e reivindicar unha figura que conecta a poesía galega cos movementos da cultura europea dos 80 e a contracultura. Segundo o presidente da institución, Xosé Luis Méndez Ferrín, a figura de Pereiro é distinta ao perfil habitual dos homenaxeados no Día das Letras e posúe un carácter simbólico especial para a institución. "Nas letras galegas", asegurou Ferrín, "constitúe unha liña de intensidade vital e de formas contemporáneas".

Lois Pereiro (Monforte, 1958 - A Coruña, 1996) iniciouse na literatura nunha revista experimental, Loia, aos dezasete anos. Naquela publicación o seu nome apareceu ligado a un grupo de mozos e mozas universitarios galegos como como Antón Patiño, Menchu Lamas, Manuel Rivas, o seu irmán Xosé Manuel Pereiro, Fermín Bouza ou Vicente Araguas, que editaban esta revista no Madrid dos anos 70. Máis tarde, formou parte do Grupo de Amor e Desamor, un colectivo que editou a mediados dos 80 na Coruña dous libros homónimos. O seu primeiro poemario non veu a luz até 1991, Poemas 1981/1991, ao que seguiu en 1994 Poesía última de amor e enfermidade. A súa obra tamén se pode atopar en antoloxías como Después de la modernidad (1987) e en revistas culturais daquela altura. Tras a súa morte publicouse Poemas para unha Loia, unha escolma da súa poesía de xuventude que tamén inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Tamén postumamente apareceu unha novela inconclusa co título Náufragos do paradiso (revista Luzes de Galiza).