Neste ano 2015, o día das Letras Galegas adicóuselle ao escritor e mestre Xosé Fernando Filgueira Valverde.
Os nenos e nenas de Educación Infantil, dentro das nosas posibilidades, traballamos sobre o autor.
Grazas á xenerosidade de diferentes persoas, a mestra de Educación Musical mostrounos a todos e todas unha pequena selección de vestimentas e instrumentos musicais tradicionais de Galicia. Agora xa coñecemos como se chaman e cal é o nome das diferentes partes da vestimenta.
Tamén coa mestra Pili, ensaiamos o Himno Galego, a canción de "A Saia da Carolina" e outro tema portugués que ía acompañado dun baile moi divertido e que se chamaba "O garotiño".
Mirade algunhas fotos do día no que celebramos as Letras Galegas interpretando e bailando.
Ademais, ese mesmo día, puidemos desfrutar dunha interpretación espectacular dunha pandereitada por parte dunhas compañeiras e dun compañeiro de 3º e 4º de Educación Primaria que estiveron ensaiando para a ocasión.
E non nos podemos esquecer da visita do avó dunha alumna do colexio, Evaristo, que constrúe gaitas e que nos explicou como as facía e finalmente nos interpretou diferentes temas que nos fixeron bailar.
Moitas grazas pola visita!