Cada seis días unha aldea fica deshabitada en Galiza. Xa imos camiño das 2.000
Perto de 1.700 lugares están abandonados en Galiza e máis de 2.000 están a piques de estalo ao ter 2 ou menos habitantes.
Pinga a pinga, unha aldea menos en Galiza. Á espera de que en xaneiro saían as estatísticas relativas ao ano que despedimos, unha simple mirada atrás, aos anos anteriores, permite comprobar o nivel do despoboamento do rural galego. O 2015 fechou cun rexistro de 1.669 aldeas deshabitadas en Galiza. Desde 2010 até entón ficaron deshabitados perto de 400 lugares, en concreto 390. Unha media dunha aldea abandonada cada seis días.
Estamos, ademais, perante unha tendencia que vai a máis. A eses núcleos sen poboación hai que engadir aqueles que en breve van estalo, dado que están habitados por dúas ou menos persoas e estas son, na maioría dos casos, dunha idade avanzada. No 2015 eran 1.971 os lugares nesta situación. Temos, pois máis de 3.000 lugares en Galiza que están despoboados ou a piques de estalo. O 10 por cento dos existentes no noso país.
Ao longo de 2015 foron 55 lugares os que ficaron deshabitados.O ano anterior, 2014, esa cifra foi de 75 mentres que no 2013 rexistráranse 70 aldeas abandonadas nese exercicio. En 2012 ficaron sen habitantes 60 núcleos, en 2011 foron 67 e en 2010, 63.
O 41 por cento dos galegos viven en 70 das 3.790 parroquias que hai en Galiza, 70 parroquias que supoñen apenas o 1,2% da superficie do noso país. Máis dun millón cento cincuenta mil persoas concentradas en menos de 348 quilómetros cadrados dos perto de 30.000 que ten Galiza. O 24% da poboación galega viven en zonas pouco poboadas (ZPP ‘superbaixa’) e que ocupan o 87,5% do territorio galego