VISITA DE ...XAVIER ESTÉVEZ, ESCRITOR

 

 

O 18 de maio visitounos Xavier Estévez, autor de “Os camiños do vento”, libro que leramos na aula durante o mes de marzo na “hora de ler”.

Contounos que é profesor nunha escola de Vigo e que lle encanta ler e escribir. Díxonos tamén que lle encanta a maxia, a radio, o cine…

Escomezou a publicar os seus libros despois de ter cumpridos os 30 anos. Non o fixo antes porque tiña medo de que non gustasen as historias que escribía dende neno e que gardaba nun caixón.

Dixo que fora un erro e animounos a mostrar sempre as nosas potencialidades.

“Avións de papel” é a primeira historia publicada, e Lucas e Sara son os protagonistas que investigan…

“Os camiños do vento” (o libro que limos) é outra historia cos mesmos protagonistas, Sara e Lucas, que reflicte o drama do pobo sirio, encarnado en dous irmáns refuxiados que chegan ao noso país e no que as vidas dos catro se entrecruzan e levarán ao lector, dunha maneira moi amena, ao coñecemento da realidade dos refuxiados e da vida dos protagonistas, alumnos de 12 anos.

Falounos tamén da importancia de atopar un libro que nos guste, pois iso é o que propicia o gusto pola lectura.

Para el é fundamental “a maxia” na lectura, a sorpresa para quen o le, por iso en moitos dos seus libros hai historias paralelas, que aparentemente non están relacionadas, mais ao final conflúen e sorprenden ao lector.

 

¡QUE GOZADA DE CHARLA!