Fin de curso 2010/2011

Onte celebramos o FESTIVAL e hoxe a DESPEDIDA DO CURSO, con sendeirismo e maleta de Chispa. Casualmente, por algún que outro problemiña, só temos fotos da saída de hoxe, pero contámosvos todo o que fixemos.
Este foi o programa da festa de onte. Houbo algo de música, algo de teatro, algo de poesía, audiovisuais, un recordo para os momentos importantes do curso e outro para Xoán Farias; a entrega de orlas para os que se nos marchan para o instituto... En fin, un mar de acontecementos.
Hoxe tocou unha marcha por Doniños; alí despedímonos do curso, dos compañeiros e compañeiras ata o ano que vén, pero tamén houbo algunha que outra bágoa polos amigos que cambian de centro.
Ao regreso, aos dous minutos de chegar, empezou a soar por todos os corredores do cole unha música... A MÚSICA DE CHISPA!! E alí estaba a maleta. Coma sempre cun montón de libros, coa agarimosa carta que adoita escribir, coas recomendacións de lectura para o verán e cunhas fermosas libretiñas... ¡Ai! ¡Que fermosas libretiñas! Non sei de onde sacaría a idea, non sei como se lle ocurriría, pero a verdade é que alí estaban. Non nos terían feito tanta ilusión se non fose porque levaban unha sorpresa encerrada: son
LIBRETAS-PARA-ESCRIBIR-HISTORIAS. ¿Vós recordades que "hai anos, moitos, case tantos coma os que levo ao lombo, un mestre de escola díxome, díxonos:
Agora, e ata que medie setembro, cando non saibades que facer, escribide un libro."? ("Desde o corazón da mazá") ¿A que si que nos soan estas palabras? ¿Cantas veces a recordaremos? Este verán guiados da man de Xoán Farias, ao mellor algúns nenos e nenas, ou profes tamén, ou mamis e papis se animen a contar algo nas LIBRETAS-PARA-ESCRIBIR-HISTORIAS. Se así é, desde a nosa Biblioteca estaremos desexando escoitalas.
Esta é a portada das todas as libretas. ¿Que vos parecen?

Agora, deixámosvos cunha longa reportaxe da saída de hoxe a Doniños.


¿Queredes ver un vídeo que nos envían desde pequesPazos. Acaba de saír do forno, vén quentiño, quentiño. Está feito con sorrisos de mel, xeados de tenrura e doces apertas de caramelo. ¡Mmmmmm! Que vídeo máis rico. Grazas, profe Rosa; e grazas, "peques".
Ademais, vouvos contar un segredo, algunhas escenas están gravadas por eses grandullóns que van pasar dentro de dous meses a primaria. ¿A que xa son todos uns especialistas?
Que o disfrutedes.