Skip to Content

LIbros de texto 2024/25

Colaboradores/as comedor escolar 2024/25

As nais, os pais, os/as titores/a legais e os/as acolledores/as familiares do alumnado deste centro de ensino, que desexen, ao longo do curso 2024-2025, colaborar de xeito altruísta* nas tarefas de atención e apoio aos escolares usuarios do comedor escolar, poderán apuntarse nas listas de admisión, que, habilitadas para este fin, se atopan na Dirección.

O prazo para presentar solicitudes permanecerá inicialmente aberto ata o 8 de setembro de 2024, podéndose reabrir un novo prazo, de ser o caso, ata o 22 de decembro de 2024.

Durante o curso escolar 2024-2025 só se contará coa colaboración das persoas que figuren anotadas nestas listas.

* Os pais/nais recibirán unha compensación económica de 12,50€ cada día que colaboren polos gastos de dedicación e desprazamentos. Os importes resultantes aboaranse mediante tres pagamentos que comprenderán os meses de setembro a decembro, xaneiro a marzo e abril a xuño (a eses importes aplicáraselle a retención fiscal que corresponda). Ademais, os días que colaboran poden comer gratuitamente no comedor escolar.

En que consiste a colaboración?

Funcións das persoas colaboradoras:

a) Cumprir co labor de coidado, atención educativa ao alumnado e apoio ás actividades establecidas de acordo co programa anual do servizo de comedor escolar.
b) Coordinar tarefas relativas á educación para a saúde, adquisición de hábitos sociais e unha correcta utilización e conservación da menaxe de comedor.
c) Axudar os alumnos e as alumnas que, por idade ou necesidades asociadas a condicións persoais específicas de discapacidade, necesiten a colaboración e soporte dun adulto nas actividades de alimentación e aseo.
d) Informar o equipo directivo do centro, no modelo de impreso que este lles facilitará, de calquera incidencia relacionada co desenvolvemento do servizo de comedor, para que aquel o poña en coñecemento das familias.
e) Atención ao alumnado nos períodos de antes e despois do xantar (dende as 14:30 ata as 16:00), basicamente no exercicio e desenvolvemento de actividades programadas para eses períodos, atendendo ás orientacións do encargado do servizo de comedor escolar.
f) En razón do carácter educativo do servizo de comedor escolar fomentarase a colaboración do alumnado a partir de 5o de primaria, sen que iso supoña, a ausencia física ou substitución do persoal habitual encargado da atención no devandito servizo.
O persoal  que participe voluntariamente na tarefa de atención ao alumnado no servizo de comedor escolar non poderá abandonala, a non ser por causa xustificada, e sempre con coñecemento e autorización da dirección do centro (artigo 8.2 da Orde do 21 de febreiro de 2007).

Nin quito nin poño 2024

Un ano máis, chega o noso xornal "Nin quito nin poño". Premendo na portada podedes acceder á versión dixital da mesma. Agardamos que vos guste!

Solicitude praza comedor escolar 2024/25

Prazo de presentación de solicitudes para facer uso do servizo de comedor escolar no curso 2024/25: do 18 ao 28 de xuño de 2024.

Documentación a presentar:

*Especificacións para cubrir correctamente a autodeclaración AQUÍ.

Aos efectos de orientar ás familias sobre o cálculo do importe dos prezos públicos polo uso do servizo de comedor escolar, incorpórase unha calculadora a través da páxina web da consellería que facilita o cálculo en función da renda neta per cápita da unidade familiar e do número de menores en idade escolar. O acceso a calculadora estará dispoñible a través do link: https://www.edu.xunta.es/comedores/calculadora.jsp


Segundo establece o artigo 11 do Decreto 132/2013, serán usuarios gratuítos os seguinte:

  • Alumnado que curse a ensinanza básica e/ou segundo ciclo de educación infantil cun grao de discapacidade declarado igual ou superior ao 33%.
  • Alumnado que curse a ensinanza básica e/ou segundo ciclo de educación infantil pertencente a unidades familiares que se atopen en situación socioeconómica de exclusión social certificada polos servizos sociais autonómicos ou municipais correspondentes.
  • Alumnado que curse a ensinanza básica e/ou segundo ciclo de educación infantil que se atope en situación de acollemento residencial ou familiar.
  • Alumnado que curse a ensinanza básica e/ou segundo ciclo de educación infantil pertencente a unidades familiares vítimas de terrorismo ou de violencia de xénero acreditada documentalmente.

E, segundo a disposición adicional primeira do citado Decreto, o alumnado escolarizado nun centro distinto ao que lle correspondería por domicilio ou lugar de traballo das persoas proxenitoras ten que pagar o máximo (4,50€) o primeiro ano (excepto se xa ten irmáns no centro, que pagará segundo o resultado da autodeclaración).

Exposición NamorArte

O vindeiro Martes 18 de xuño ás 16:00 abrirá as portas a Exposición Namor-Arte, produto final do proxecto anual de BiblioCervo. Ese día faremos unha inauguración especial á cal nos encantaría que nos acompañárades xa que sen vós esto non sería posible.
A exposición será na sala “As Carboeiras” en Sargadelos e poderá visitarse tamén o mércores, xoves e venres de 16:00 a 18:00!
Agardámosvos!

Matrícula alumnado nova incorporación 2024/25

DESTINATARIOS:

O novo alumnado admitido para o curso 2024/25 ten que formalizar a matrícula no prazo que se indica a continuación (o alumnado que xa está cursando estudos no centro NON ten que presentar nada).

PRAZO de presentación:

Do 24 ao 28 de xuño de 2024 (ambos incluídos).

FORMA de presentación:

Presencialmente no centro en horario de 10:00 a 14:00.

DOCUMENTACIÓN a entregar:

  • Formulario de matrícula debidamente cuberto.
  • Fotocopia da tarxeta sanitaria.
  • 3 fotos tamaño carné.
  • Fotocopia do boletín de vacinas.

Festival fin de curso

O festival fin de curso 2023/24 terá lugar no salón de actos do Concello de Cervo o venres 21 de xuño a partir das 11:30. Todas as familias estades convidadas!

Esta é a orde de actuación:

  1. Grupo 1 Infantil: O rock da ducha
  2. Grupo 2 Infantil: Perico Pérez
  3. Grupo 3 Infantil: La macarena
  4. Grupo 1 Primaria: Flowers
  5. Grupo 2 Primaria: Thriller
  6. Grupo 3 Primaria: Eso que tú me das
  7. Grupo 4 Primaria: Mix: The lazy song, Happy e What makes you beautiful
  8. Grupo 5 Primaria: Mix: Can`t hold us, Saturday night e I gotta feeling
  9. Actuación final 6º de Primaria

Conforme ao disposto na normativa vixente en materia de protección de datos persoais, as persoas asistentes poderán gravar imaxes do evento exclusivamente para o seu uso persoal e doméstico. A difusión das imaxes captadas polas familias e demais asistentes fóra do ámbito privado, familiar ou de amizade, por exemplo, mediante a súa publicación na Internet accesible en aberto, será responsabilidade única daqueles que leven a cabo a devandita comunicación, que requiriría o consentimento de todas as persoas afectadas.

 

Fin do proxecto "Novos espazos de aprendizaxe para unha educación inclusiva"

O alumnado de 6º de Primaria do noso centro, acompañado por 2 mestras e 1 mestre, acudiron a semana pasada (do 20 ao 24 de maio) a un importante encontro no CEIP Doctor Juan Espino Sánchez da Villa de Ingenio (As Palmas de Gran Canaria), que acolleu tamén a alumnado e profesorado procedentes do CEP Antonio de Ulloa (Cartaxena) e do CEIP Arias Montano (Badaxoz). Este encontro era o último do programa "Agrupacións de Centros Educativos" denominado ‘Novos espazos de aprendizaxe para unha educación inclusiva, subvencionado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. No caso do noso centro o Concello de Cervo tamén colaborou para que se puideran levar a cabo todas as mobilidades previstas. Os obxectivos principais do programa foron potenciar a inclusión educativa, crear vínculos entre centros de diferentes comunidades e o seu alumnado a través da realización de proxectos comúns, compartindo experiencias para aprender uns de outros e impulsar o intercambio e a mobilidade entre os centros.

O martes 21 de maio foron recibidas/os calurosamente por toda a comunidade educativa do CEIP Dr. Espino. O mércores 22 as delegacións foron recibidas oficialmente pola alcaldesa da Villa de Ingenio, Vanesa Martín, e outras autoridades locais. Trala recepción oficial, continuaron os obradoiros no centro, pechando a xornada cunha visita ás Palmas de Gran Canaria (Vegueta – Triana – Las Canteras). O xoves 23 a loita canaria foi a gran protagonista xa que os catro centros participaron pola mañá nunha animada sesión deportiva que lle encantou a todas as personas asistentes. Pola tarde visitaron a zona sur da illa. O venres 24 realizaron varios obradoiros de radio, xornal escolar e xadrez.

Este programa de Agrupacións Escolares desenvolveuse ao longo dos cursos 2022/23 e 2023/24 seguindo varias liñas de traballo: creación de novos espazos educativos (aula ou espazos do futuro), TIC e metodoloxías activas, educación inclusiva, dinamización de recreos (inclusivos), a biblioteca como núcleo vertebrador de proxectos, educación emocional, horta escolar, laboratorio e robótica. Incluiu durante este tempo actividades como intercambio de postais de Nadal ou de presentacións para dar a coñecer o máis destacado de cada localidade, un banco de sementes, dossiers sobre xogos tradicionais, programas de radio, xornal escolar, booktubers, técnicas audiovisuais con croma, actividades de programación e pensamiento computacional, entre moitas outras.

Sen dúbida, a mobilidade entre os centros foi o máis destacado e enriquecedor deste proxecto. En outubro de 2022 desenvolveuse o primeiro encontro de profesorado no noso centro. En abril de 2023 Cartaxena convertíase en punto de encontro. Badaxoz foi a sede do encontro dos centros en marzo deste 2024, pechándose a experiencia agora en maio na Villa de Ingenio cun balance moi positivo tanto do profesorado como do alumnado.

Neste artigo dun xornal canario podedes ver máis detalles e fotografías do encontro da semana pasada e a continuación deixámosvos un vídeo da televisión local:

Os nosos patios

Como sabedes, durante os cursos 22/23 e 23/24 vimos participando no "Programa de Agrupaciones de Centros Educativos" do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Este programa promove a colaboración entre centros públicos de diferentes Comunidades Autónomas mediante a realización e posta en práctica de proxectos comúns, que potencien a educación inclusiva, a innovación educativa e a creatividade do alumnado.

Desta maneira estamos a compartir experiencias co CEP Antonio de Ulloa (Cartagena), o CEIP Arias Montano (Badajoz) e o CEIP Dr. Juan Espino Sánchez (Ingenio-Gran Canaria) dentro dun proxecto común chamado "Creación de nuevos espacios de aprendizaje para una educación inclusiva".

Hoxe queremos compartir con vós unha das últimas actividades conxuntas que tivemos, posto que entre as plantexadas inicialmente estaba a de ensinarnos mutuamente como son os nosos patios e zonas de lecer, e así aprender uns dos outros e ver como podemos mellorar os nosos espazos.

O alumnado de 4º de Infantil, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria elaboraron conxuntamente e con moita ilusión un AUDIOVISUAL presentándolles ao resto dos colexios como de especiais son OS NOSOS PATIOS, como nos organizamos, que cousas podemos facer nos tempos de lecer e cales son as nosas preferidas.

Esperamos que vos gusten os nosos espazos de lecer e que, entre todos e todas, nun futuro próximo podamos contribuir a seguir mellorándoos.

 

Fondo de libros e axudas material escolar 2024/25

DESTINATARIAS:

  • Fondo solidario de libros de texto:

Alumnado que vaia cursar 3º ou 4º de Primaria no vindeiro curso 2024/25.

  • Axudas para adquirir libros de texto:

Alumnado que vaia cursar 1º ou 2º de Primaria no vindeiro curso 2024/25.

  • Axudas para adquirir material escolar:

Alumnado que vaia cursar 1º, 2º, 3º, 4º, 5º ou 6º de Primaria no vindeiro curso 2024/25.

PRAZO de presentación de solicitudes:

Dende o 21 de maio ata o 21 de xuño de 2024.

FORMA de presentación:

  • As solicitudes presentaranse prefereiblemente a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Iniciando sesión na web Fondolibros con Chave365 ou certificado dixital.
  • Opcionalmente tamén se pode facer de forma presencial no centro* (en horario de 9:35 a 10:30). Deberán presentar a solicitude debidamente cubertos e asinados xunto cunha copia do libro de familia ou equivalente onde figuren todos os membros computables. En caso de separación deberán presentar sentenza xudicial e/ou convenio regulador. Se fose o caso, deberán presentar tamén certificado acreditativo do grao de discapacidade.

*O alumnado que actualmente está en 6º de Primaria terá que presentar a solicitude no IES no que está admitido.

Publicación das LISTAXES PROVISIONAIS e DEFINITIVAS:

  • Listaxe provisional: 25 de xuño de 2024   2 de xullo de 2024
  • Período de reclamacións á listaxe provisional: 26 e 27 de xuño de 2024 3 e 4 de xullo de 2024
  • Listaxe definitiva: 28 de xuño de 2024 5 de xullo de 2024

Na ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 podedes ver a contía das axudas (artigo 2) en función da renda per cápita (artigo 3), que se calcula en base aos membros computables da unidade familiar (artigo 4).

Carreira Solidaria "Corre por Nós"

Boas familias!

Un ano máis o noso centro organiza a Carreira Solidaria “Corre Por Nós”; nesta ocasión imos participar na XIX Edición quilómetros de Solidariedad co obxectivo de recadar diñeiro para o fondo de emerxencias da ONG Save the Children para apoiar aos nenos e nenas vítimas de conflitos.

A carreira celebrarase o xoves 30 de maio ás 11:30 h. nas pistas de atletismo de San Cibrao (Campo de fútbol A Veiga), grazas á colaboración do Concello de Cervo que nos proporciona o transporte e cédenos as instalacións. As familias estades convidadas como público!

Enviamos hoxe polo alumnado os Carnés dos Corredores para que cada neno/a comece a buscar os seus patrocinadores, entre familiares e amigos, que se comprometan a dar “x” euros/céntimos por cada volta ao circuíto (as voltas estarán adaptadas ás distintas idades). Para iso, anotarán o nome dos seus patrocinadores e os euros/céntimos que lles darán por cada volta (as cantidades ofrecidas deben ser realistas para que se poidan respectar) e entregarano de novo no colexio antes do día da carreira.

Unha vez concluída a carreira, multiplicaranse as voltas percorridas pola cantidade ofrecida por cada patrocinador, e cada alumno/a recada os cartos, ensinando o seu carné aos seus patrocinadores para xustificar as voltas realizadas. Por último, os corredores entregarán o diñeiro recadado no centro antes do 14 de xuño, para facerllo chegar a Save the Children.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

O equipo docente

Froita na escola 2º período

Durante esta semana (do luns 6 ao venres 10 de maio), a froita repartida no recreo a todo o alumnado do centro será ecolóxica e de tempada, grazas ás axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido ao alumnado de centros escolares. Cada día ofrecerase unha froita en concreto. Hoxe luns repartíronse amorodos e para os outros días (en función da súa madurez) temos nísperos, nectarinas amarelas, albaricoques e sandías mini.

Listaxe definitivo de admitidas/os para o curso 2024/25

No taboleiro interior do centro está publicada a relación nominal do novo alumnado admitido para o curso 2024/25.

Xa que as solicitudes presentadas non superaron a oferta de prazas, todas as solicitudes foron admitidas.

Lembramos que o prazo para a formalización da matrícula será do 20 ao 30 de xuño.

Café con libros 2023/2024 - Terceira xuntanza

Queridas familias.

Temos unha nova e última edición de CAFÉ CON LIBROS! Despois destas dúas últimas edicións cheas de reflexións, experiencias compartidas e moita emoción, Puca proponnos que este terceiro trimestre o destinemos a unha temática diferente... que tal un pouco de cómic en galego? Comezaremos coa lectura do libro "Fun home: unha familia traxicómica" de Alison Bechdel e destinaremos a xuntanza para compartir unha sesión coa Asociación ALAS para falar da diversidade, orientación sexual e identidade de xénero. Se queres compartir este momento con nós, non o dúbides e cubre a información que ves na parte inferior da entrada. 

A continuación, todos os datos sobre a xuntanza:

Sorriso Que? Xuntanza para reflexionar sobre a diversidade e saborear un té e/ou café e saudables petiscos. 

Sorriso Como? Con gana de pasar un tempo agradable e co único requisito de ter lido previamente o libro de Alison Bechdel. 

Sorriso Cando? O mércores 29 de maio de 16:00 a 18:00.

Sorriso Onde? En Bibliocervo.

Teredes ata o venres 24 de maio para anotarvos. Se queredes ler máis información sobre a obra de Alison, premede na seguinte imaxe.

Xornada de formación: Falamos do noso patio?

 

Queridas familias,

Queremos convidarvos a todas e todos a participar nunha Xornada de formación para analizar o noso patio, xa que estamos en proceso de cambio e gustaríanos poder contar coa opinión e a visión de toda a Comunidade Educativa para lograr unha transformación efectiva do mesmo.

Esta Xornada será impartida por Judit Santos Almeida, psicóloga da Cooperativa Miudiño. Podedes consultar a web no seguinte enlace: https://miudinho.gal/patios-vivos/

Podedes comunicar a vosa asistencia poñendo o voso nome e apelidos no seguinte formulario. Agardámosvos!

PROCESO DE ADMISIÓN PARA O CURSO 2024-2025

Prazo de presentación das solicitudes de admisión: do 1 ao 20 de marzo.

Para solicitar a admisión deberase presentar:

  • Solicitude debidamente cuberta e asinada (Anexo II e Anexo II-Bis). Poden descargala AQUÍ.
  • Copia do libro de familia ou documento equivalente.
  • En caso de separación ou divorcio, sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a custodia do/a menor.

As solicitudes (ED550B) presentaranse preferiblemente por vía electrónica, mediante o formulario normalizado dispoñible na aplicación informática admisionalumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente no centro docente indicado en primeiro lugar.

CRITERIOS A TER EN CONTA:

  • Cada alumno/a só pode presentar unha única solicitude, e será presentada no centro no que solicite praza en primeiro lugar (sexa público ou concertado). A infracción determinará a perda dos dereitos de prioridade que poidan corresponderlle. Na solicitude poderanse solicitar ata 6 centros, por orde de preferencia.
  • O alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto, deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe.
  • O alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto, deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión (antes do 1 de marzo)
  • O alumnado matriculado actualmente no centro ten asegurada a reserva de praza para o vindeiro curso.

DATAS DE INTERESE:

Data de publicación da listaxe provisional de admitidas/os: 25 de abril.

Data de publicación da listaxe definitiva de admitidas/os: 15 de maio.

Prazo para formalizar a matrícula: do 20 ao 30 de xuño.

INFORMACIÓNS VARIAS

Servizos complementarios que ofrece o centro: comedor e transporte escolar.

A admisión e matriculación nun centro docente público implica respectar o Proxecto Educativo do centro. Podedes consultar o noso aquí.

Na aplicación admisionalumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado) poden consultar:

a) O cronograma coas datas dos trámites principais do procedemento de reserva, admisión ordinaria e matrícula.

b) A previsión de postos escolares dispoñibles e as súas modificacións.

c) A relación do alumnado de cada curso, co número da solicitude de admisión asignado pola aplicación admisionalumnado no momento da súa gravación.

d) O estado de tramitación da súa solicitude utilizando o número de solicitude e o número de DNI da persoa solicitante.

e) A listaxe do alumnado con posto reservado e a listaxe provisional e definitiva do alumnado admitido coa puntuación total e do alumnado non admitido, utilizando calquera dos mecanismos de identificación admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o certificado dixital e Chave365.

NORMATIVA REGULADORA DO PROCEDEMENTO

DECRETO 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

CAMPAÑA SOLIDARIA DE RECOLLIDA DE ROUPA E CALZADO

Durante estes días colaboraremos coa Campaña Solidaria Mariola de recollida de roupa e calzado en beneficio da ONG Global Humanitaria. A recollida terá lugar o vindeiro xoves 7 de marzo e levarase a cabo no noso centro, polo que se estades interesados en participar, agradecémosvos que traiades a roupa e calzado que consideredes na bolsa que vos enviamos ou en calquera outra bolsa, antes dese día.

 

Para máis información sobre esta Campaña e o proxecto co que colabora Mariola podedes consultar a súa web: https://www.csmariola.com/solidarios/

 

          

CONFERENCIA ACOSO E CIBERACOSO ESCOLAR

Estimadas familias,

Queremos convidarvos á Conferencia que terá lugar no noso centro o vinderio mércores 6 de marzo ás 16:30, sobre Acoso e Ciberacoso impartida polo Equipo do Plan Director da Garda Civil de Lugo (Héctor Méndez, psicólogo formador especializado en Acoso Escolar) coa colaboración de Educando en Familia.

Tendes máis información sobre en que consisten estas charlas no código QR.

Agardámosvos!!

 

Semana de Entroido

Boas familias!

A semana que vén celebramos o Entroido no cole e, coma sempre, relacionámolo co proxecto que estamos a traballar dende Bibliocervo, que nesta ocasión é "Namor-Arte" e a temática principal serán as emocións.

A organización será a seguinte:

  • LUNS: "Correr a auga". Para ese día é necesario traer unha muda completa para cambiarse ao finalizar a actividade. Traerán tamén botellas, pistolas... ou algún utensilio que sirva para mollarse (si se reutilizan botes ou botellas de outros productos temos que asegurarnos que veñan ben limpos e sen restos). A festa será de 13:00 a 13:45 e estades convidados a vir!
  • MARTES: Pequena caracterización de bebé.
  • MÉRCORES: Pequena caracterización de ancián.
  • XOVES: Disfrace libre! (os elementos que poidan causar algún dano, como espadas, lanzas...poderán ser retirados).
  • VENRES: Para este día agradecemos a vosa colaboración traendo postres típicos de Entroido para degustar no recreo (o recipiente ten que traer o nome da nena/neno para identificalo). Desfile de Entroido! Ás 12:30 comezará o desfile ata a Praza do Souto, se o tempo o permite (senon será no pavillón). Por suposto, estades tamén convidados!

Distribuir contido


by Dr. Radut