Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

O Samaín de quinto

Esta mañá foi moi intensa na escola! O alumnado chegou ao cole cos seus disfraces, cada un máis atarrecedor. Había de todo: bruxas e magas chegados desde Hogwarts, zombies, unha vampira, unha arlequín terrorífica, unha cabaza, esqueletos e ata tiñamos ao mesmo Jack O’Lantern, á boneca Anabelle e a Mércores Addams! Pero ollo, se pensades que todo isto da medo, non vos perdades de que ía Gabriel, porque é das cousas máis arrepiantes que podemos atopar: ía de susto da factura da luz! Orixinalidade non lles faltaba!
Eu, que non quería ser menos, púxenme enriba todas as plumas de corvo que atopei e uns cornos ben grandes e revirados e disfraceime de Maléfica.
Despois de facer unhas fotos, estiveron xogando con Fer na pista ao ritmo da música con cancións moi acordes a esta festa, para empezar a mañá con enerxía.
Despois, fomos á aula e alí agardábanos a nosa propia versión do xogo Os homes Lobo de Castronegro, xa que adaptei un pouco a narración para xogar aos Lobishomes de Fene. Expliqueilles en que consiste un xogo de rol e de identidades ocultas e as personaxes do xogo. Metémonos en ambiente cunha pequena narración dos acontecementos que están a ter lugar polas noites en Fene, unha aldea na que últimamente hai sucesos estraños, pois os habitantes deste lugar polas noites transfórmanse en lobishomes e atacan aos seus veciños e veciñas e comezamos o xogo. Foi moi emocionante e divertido! Metéronse nos seus papeis de marabilla e daba xenio escoitar como argumentaban para defenderse ou para acusar de licantropía aos seus veciños.
Gustoulles tanto que, cando foi hora de saír ao recreo, preferían seguir na clase xogando!
Para rematar a xornada, tocou lectura dos seus propios contos de terror. Menos mal que tiñamos lanternas, porque inexplicablemente, marchou a luz… Misterios do Samaín!
Recoméndovos que non lles perdades a pista, porque pode que en quinto estean os futuros H. P. Lovecraft, Mary Shelley, Bram Stoker, Robert E. Howard, Stephen King ou Clive Barker, non vos digo máis, porque vaia historias de medo, misterio e suspense que escribiron!
 
Desfrutade moito desta ponte e vémonos á volta!