Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE

ORIENTACIÓNS PARA AS FAMILIAS

  O contorno familiar non só é o ámbito natural para o desenvolvemento da comunicación, é tamén o único que pode proporcionar unha estimulación intensiva ao longo dos 365 días do ano. Por outra parte, esta estimulación está profundamente unida ás condutas espontáneas e naturais da vida cotiá.

  Dentro das actividades da vida diaria hai algunhas que, pola especial relación que se produce entre @ nen@ e os pais, son moi apropiadas para a estimulación da linguaxe: a comida, o baño, o vestirse, o deitarse, cando @ fill@ xoga….

 Pero ademais non só se poden aproveitar estas situacións naturais e espontáneas da vida diaria para a estimulación da linguaxe d@ nen@, tamén podemos provocar nós algunhas situacións como comprar un conto e lerllo ou polo menos mirar os debuxos, contarlle algún conto adaptado á súa idade, ir a unha feira, ao campo, ao parque... e comentar o que vemos.

ALGUNHAS ACTIVIDADES MÁIS CONCRETAS

     Non darlle demasiados mecos

  • A sobreprotección atrasa o desenvolvemento xeral e, polo tanto, a linguaxe. Débese fomentar a autonomía, animándoo a facer cousas e valorar o que fai aínda que sexa imperfecto.

     Calquera forma de comunicación é interesante

  •  Favorecer un clima familiar agradable no que @ nen@ experimente o pracer e a necesidade de comunicarse. Esta comunicación pode ser oral, utilizando algún son ou palabra, e tamén xestual, sinalando ou indicando algo coa man.

    Ofrecer bos modelos de expresión oral

  •  Non falarlle á présa.
  •  Evitar a afectación e o meco ao falarlle.
  •  Articular ben.
  •  Utilizar un vocabulario adaptado  @ nen@, pero facendo este cada vez máis amplo. Fomentar a conversa aínda que, por parte d@ neno@, sexa moi sinxela.

    Favorecer a mobilidade e a axilidade dos órganos buco-faciais

  • Xogar a poñer caras feas, a facer movementos da lingua, a facer vibrar os labios… e observar a cara nun espello.
  • Acostumar @ nen@ a utilizar un pano cantas veces o necesite e a limpar os mocos correctamente de forma autónoma.

    Favorecer a percepción auditiva

  • Chamar a atención sobre algún son e pedirlle silencio para escoitar mellor, procurando que centre a atención no que oe: ”parece que chamaron á porta, quen será?”, “óense voces, quen chegaría?”

  •  No campo: óese cantar un paxaro, onde estará?, Igualmente escoitamos as ras dun estanque, o zoar do vento entre as árbores, os sons doutros animais, o son da choiva...

  •  Na cociña: fixámonos no ruído da batedor, do muíño, no son rítmico de bater os ovos, da auga da billa…

  •  Cando lemos un conto ou xogamos c@ nen@, imitar as voces das distintas personaxes, enfatizando a entoación.Imitar os sons de obxectos ou animais contribúe ao desenvolvemento da expresión

  •  Xogar a adiviñar polo son o que acontece en sitios próximos: a ver se adiviñas que pasa na rúa?, que fai mamá na cociña?, que programas emiten na tele?...

  •  Pechamos os ollos e escoitamos un anuncio da tele intentando identificar distintos sons.

  •  Confeccionar un “dicionario infantil” utilizando debuxos feitos pol@ nen@, recortes de publicidade... e ir clasificándoos pola súa letra inicial e engadindo os que vaian xurdindo.

    Que fomenten a correcta articulación

  • Cando @ nen@  ten dificultades específicas nalgún fonema, non convén que as persoas adultas fixen constantemente a súa atención e a d@ nen@  sobre este defecto. É mellor devolverllo ben pronunciado, poñendo énfase na articulación correcta pero sen chamar a atención d@ nen@  sobre o fonema mal articulado.

    Que amplíen o vocabulario comprensivo e expresivo

  • Observar o que vemos polas fiestras da casa.

  • Comentar o que vemos a través da fiestra do coche adaptándonos á idade d@ nen@: animais, árbores, edificacións, características da paisaxe...

  •   Nos contos con pouco texto e abundantes imaxes, ir nomeando o que aparece nos debuxos, fotos, láminas... segundo o seu interese.

  •  Cando facemos algunha reparación na casa -ao ordenar caixóns, armarios…- buscar a colaboración d@ nen@ e ir verbalizando o que facemos. Da mesma maneira podemos proceder cando facemos unha ensalada, un pastel ou outra comida.

  •  Ao saír de compras, comentar as cousas que hai na tenda. Nomear o máximo de cousas e non só o que se vai comprar.

  •  Aproveitar a excursión ao campo ou unha saída ao parque para ampliar o seu vocabulario.

  •  Fomentar e propiciar as situacións de diálogo . Falarlle e escoitalo moito, de maneira que se estableza unha situación estimulante, desde o punto de vista lingüístico, na que @ nen@ reciba numerosas e variadas mensaxes e sexa incitad@ a responder activamente coa súa propia linguaxe.

  •  Responder as preguntas que faga: que é?, para que serve?, por que? Convén que as respostas sexan sinxelas e teñan un carácter explicativo.

  •  Comentar en voz alta o que se está a facer.

  •  Comezar a resposta d@ nen@ dicíndolle a primeira sílaba, palabra ou frase para que a remate: ”poñemos o panta…”, “a tesoira serve para…”

  • Non importa que a resposta sexa incorrecta, como “eta” por chaqueta ou “atos” por zapatos. O importante é que se exprese. Nós reforzaremos a resposta devolvéndolle a palabra completa, pero sen corrixila de forma explícita

  •  Recoller o enunciado que construíu mal e devolverllo aplicándolle algunha corrección e/ou ampliación. Esta técnica podemos aplicala tanto ao nivel fonético como semántico ou morfosintáctico.P. ex :

      - Nai: Que é?

      - Neno: U fate

      - Nai: Un elefante grande

  

  FACER DA ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE UN XOGO DIVERTIDO NO QUE TOMAN PARTE  @S NEN@E AS SÚAS FAMILIAS.

Estas recomendacións están extraídas dun material elaborado pola Xunta de Galicia e mailos Equipos de Orientación específicos.