ADIVIÑA O DEBUXO - Luns 18 de maio

OLA DE NOVO FAMILIAS, NENOS E NENAS!

De volta da fin de semana, hoxe propoño un xogo no que afondamos na percepción a través dos sentidos, a través dunha proposta que pode ser moi moi divertida para xogar na casa. 

É moi sinxelo e só necesitamos folios, lápis, rotuladores ou bolígrafos, e un pouco de cinta adhesiva. O xogo, que é por parellas, consiste en que un dos xogadores colocará un folio pegado nunha parede e mirará cara ese folio, e o outro xogador, colgará un folio nas costas do primeiro xogador fixado cun pouco de cinta adhesiva. Feito isto, o xogador que mira para o folio da parede, intentará reproducir os trazos e debuxos que o outro xogador lle está pintando nas costas; se lle pintan un círculo, intentará facer o mesmo, se lle pintan unha raia baixo o círculo, ten que debuxala no folio da parede, e así sucesivamente. Coma sempre e para maior ilustración, aquí tedes un vídeo:

Como apreciades no vídeo, o xogador que pinta no folio da parede, intenta adiviñar, o que o outro lle está debuxando; intenta darlle sentido ao que lle están debuxando nas costas e ao final debuxa unha especie de gato semellante ao que lle estaban debuxando. Porén, cos nosos nenos e nenas será suficiente con pintarlles trazos máis sinxelos e que os reproduzan (sobre todo cos de 3, é suficiente con que intenten facer un pau, un círculo, un cadrado... cousas moi moi sinxelas), e ao mellor cos nenos e nenas de 5 anos, podemos intentar xogar a que adiviñen o que lles estamos debuxando e que o reproduzan, mais é complicado polo nivel de desenvolvemento dos nenos de infantil.

Aínda que non o pareza, este exercicio resulta moi importante e interesante nos nenos e nenas, xa que traballa os sentidos, a concentración, a orientación espacial (intentando colocar o trazo no mesmo sitio do folio que nos pintaron a nós nas costas)... Pero o máis importante, traballa o xogo en equipo!! porque para que a parella gañe, hai que acertar o debuxo!! Así que... A DEBUXAR!!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU AO ANTERIOR