LIBRO DE PSICOMOTRICIDADE

Sitio: Aula Virtual do CEIP Campomaior
Curso: PSICOMOTRICIDADE EDUCACIÓN INFANTIL
Libro: LIBRO DE PSICOMOTRICIDADE
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 27 de setembro de 2024, 5:50 AM

Descrición

↑↑↑↑ SE PINCHADES NESTE ENLACE ENCONTRAREDES TODAS AS ACTUALIZACIÓNS QUE VOS VOU ENLAZANDO NO PRINCIPIO DA PÁXINA SOBRE:

                                                                                     

P S I C O M O T R I C I D A D E                                   

CRUZAR O RÍO - Xoves 14 de maio

Ola familias!

Aquí vos deixo hoxe un xoguiño con dúas partes para que xoguedes en familia.

Trátase dunha "carreira" que podedes facer de dous en dous, ou cronometrando o tempo que tarda cada xogador en completar o percorrido. 

Na primeira parte da carreira necesitades ter 2 follas de papeis vellos, ou 2 coxíns, ou 2 aros... calquera cousa que podades poñer polo chan e que sirva como unha especie de "casiña" onde teredes que poñer os vosos pés. Para co

mezar o xogo, poñede un lugar de saída (a porta dunha habitación, por exemplo), e para avanzar, teredes que poñer os dous pes sempre nesa "casiña", polo cal, avanzaredes un paso a un dos papeis, poñeredesvos enriba, colocaredes o outro papel diante, daredes outro paso enriba, colleredes o papel que quedou atrás para colocalo de novo diante vosa, poñeredesvos enriba, colleredes outra vez o papel que deixastes atrás e colocarédelo diante para poñer os pés enriba... e así sucesivamente ata que cheguedes á "meta". A consigna do xogo, pode ser que ides atravesar un río, e tedes que ir tirando pedras para poder pasar dun lado a outro. Aínda así, como non hai mellor explicación que unha imaxe, aquí vos queda un vídeo onde veredes a dinámica desta primeira parte:

Ben, unha vez cheguedes á meta, podedes poñer outro reto máis, que pode ser, por exemplo, facer unha torre de vasos de plástico, como os que vedes na foto, ou encestar unha pelota nunha papeleira. 

Como veredes, aquí combinamos varios aspectos importantes na psicomotricidade infantil: a coordinación de movementos ao ter que poñer os papeis antes de avanzar, o equilibrio, ao ter que estar enriba do papel, as manipulacións montando a torre de vasos... e tamén contestar a unha pregunta... Quen gañará? Quen fará o percorrido en menor tempo? E por último, e máis importante, o que imos facer con esta actividade é.... DIVERTIRNOS!! PASAR UN BO RATO EN FAMILIA!!

Así que... A XOGAR!!!!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU AO ANTERIOR  

ADIVIÑA O DEBUXO - Luns 18 de maio

OLA DE NOVO FAMILIAS, NENOS E NENAS!

De volta da fin de semana, hoxe propoño un xogo no que afondamos na percepción a través dos sentidos, a través dunha proposta que pode ser moi moi divertida para xogar na casa. 

É moi sinxelo e só necesitamos folios, lápis, rotuladores ou bolígrafos, e un pouco de cinta adhesiva. O xogo, que é por parellas, consiste en que un dos xogadores colocará un folio pegado nunha parede e mirará cara ese folio, e o outro xogador, colgará un folio nas costas do primeiro xogador fixado cun pouco de cinta adhesiva. Feito isto, o xogador que mira para o folio da parede, intentará reproducir os trazos e debuxos que o outro xogador lle está pintando nas costas; se lle pintan un círculo, intentará facer o mesmo, se lle pintan unha raia baixo o círculo, ten que debuxala no folio da parede, e así sucesivamente. Coma sempre e para maior ilustración, aquí tedes un vídeo:

Como apreciades no vídeo, o xogador que pinta no folio da parede, intenta adiviñar, o que o outro lle está debuxando; intenta darlle sentido ao que lle están debuxando nas costas e ao final debuxa unha especie de gato semellante ao que lle estaban debuxando. Porén, cos nosos nenos e nenas será suficiente con pintarlles trazos máis sinxelos e que os reproduzan (sobre todo cos de 3, é suficiente con que intenten facer un pau, un círculo, un cadrado... cousas moi moi sinxelas), e ao mellor cos nenos e nenas de 5 anos, podemos intentar xogar a que adiviñen o que lles estamos debuxando e que o reproduzan, mais é complicado polo nivel de desenvolvemento dos nenos de infantil.

Aínda que non o pareza, este exercicio resulta moi importante e interesante nos nenos e nenas, xa que traballa os sentidos, a concentración, a orientación espacial (intentando colocar o trazo no mesmo sitio do folio que nos pintaron a nós nas costas)... Pero o máis importante, traballa o xogo en equipo!! porque para que a parella gañe, hai que acertar o debuxo!! Así que... A DEBUXAR!!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU AO ANTERIOR  

CIRCUITO - Venres 22 de maio

BLABLABLA

Ola familias !! 

Para esta fin de semana, propóñovos de novo un circuíto para facer na casa, divertido, sinxelo, e coma sempre, moi proveitoso para a motricidade dos nenos e nenas.

Para este circuito precisaredes de ter: unha bolsa coas asas o máis longas posibles (tipo as bolsas reutilizables que venden nos supermercados) para facer de "saco", unhas poucas botellas de auga ou botes de refresco, 3 ou 4 pares de calcetíns, uns cestos ou recipientes que sirvan de canastra, unhas pelotas (de ping pong, bolas de goma, ou feitas por vos con papel de prata por exemplo, pero ollo! que van ir á auga!), uns recipientes con auga, e utensilios tipo cucharas ou cucharóns para as pelotas. 

Con todo isto, imos ir estación por estación:

1ª ESTACIÓN: nesta primeira fase, poñeremos as botellas ou botes de refresco nun pasillo ou unha zona alongada, distanciadas un pouco unhas de outras. Cando comece o xogo, temos que meter os pés dentro da bolsa, e dando saltos e facendo zigzag, facer o percorrido rodeando as botellas... e sen tiralas!! Velaquí un vídeo ilustrativo:

2ª ESTACIÓN: esta parte do circuíto divídese en dúas misións: na primeira, hay que coller os pares de calcetíns que coincidan (non vale poñer un de lunares con outro de raias !!!), e facer con eles unha bola, intentando meter un calcetín dentro de outro, ou facendo unha bola e dándolle a volta ao calcetín para que non se desfaga... a ver qué tal vos amañades !! Unha vez teñamos as bolas de calcetín, teremos que poñelas nos nosos pés e intentar metelas nas canastras que collemos anteriormente (serven tamén recipientes de cociña como tápers, por exemplo). É máis complexo do que parece rapaces e rapazas!! Aos máis pequenos podemos deixar que poñan o calcetín coa man, pero aos maiorciños, pidámoslles que teñan as mans nas costas, para complicárllelo algo máis. De novo con este vídeo veredes mellor a misión aquí:

3ª ESTACIÓN: por último, teremos preparado noutra dependencia da casa, a poder ser unha tina grande con auga, ou senón, no mesmo baño, encheremos o lavabo con auga e botaremos alí as pelotas, bolas ou boliñas que teñamos. E a última misión é ben sinxela! Con cucharas ou cucharóns, teremos que sacar todas as boliñas da auga e metelas noutro recipiente. Aquí familias podedes complicar o xogo tanto como queirades: canto maiores sexan, máis pequenas as bolas e tamén a cuchara, e o oco por onde teñan que meter as bolas "rescatadas" da auga... E por suposto, cantas máis pelotas... máis divertido!!!! 

E nada máis, cronometrádevos, poñede as misións cada vez máis complicadas, competide coa familia a ver quen remata antes, pero sobre todo... P A S A L O    B E N !!!!!

SAUDIÑOS!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU AO ANTERIOR  

CAMIÑOS NA MESA - Luns 25 de maio

Bo día a todos e todas!!
Neste comezo de semana, imos a cambiar un pouco espazo onde "exercitarnos".
Normalmente usamos toda a casa verdade? O corredor, as habitacións... pero hoxe imos traballar nunha mesa!
O xogo é moi sinxelo pero pode ser moi divertido, e aínda que non ten un compoñente de equipo (xógase individualmente), si que se pode xogar a superarnos a nós mesmos (coma sempre dicimos, máis interesante que superar aos demais!), intentando facer as misións o máis á presa posible! 
Primeiro necesitamos papeis, a poder ser en branco; se temos folios, xuntaremos dous folios e pegarémolos con cinta adhesiva para facer unha superficie maior, e se non temos folios, poden valer xornais ou papeis de revista. Agora colledes uns rotuladores (se poden ser de punta fina, mellor), e pedide á familia, que vos debuxen uns  "camiños", pero, ollo! Teñen que ser simétricos! Unha vez feitas varias follas con diferentes camiños, collede dous tapóns de botella (de auga, de leite, de refresco... o que teñades!), poñede un tapón no dedo índice esquerdo, e o outro tapón no índice dereito e... a percorrer os camiños !!!!! Veña! Cada vez máis rápido !!! 
Coma sempre, e para que o vexades mellor, déixovos unhas fotos:
Fonte: pinterest.es
Fonte: pinterest.es
A outra versión deste xogo, sobre todo para os máis pequenos, é pintar os camiños e que os percorran con coches ou outros xoguetes pequenos que teñades pola casa. Isto seralles máis sinxelo que cos tapóns, sobre todo por manexar o tapón coa man non dominante (se por exemplo, son destros, conducir o tapón coa esquerda é todo un reto!). Tamén podedes poñer nun anaco de papel uns "obstáculos" (como na segunda foto), que debuxen os camiños ao redor deles, e logo que sigan o camiño que eles mesmos/as crearon!:
 
Fonte: pinterest.es
Fonte: pinterest.es
Nada máis por hoxe, tan só que consultedes o apartado de LECTURAS, porque penso que igual hai unha sorpresiña....
Bo luns!!!
USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU AO ANTERIOR 

MOVEMOS O ESQUELETO! - Venres 29 de maio

Bo día a todos e todas!

Para este fin de semana, imos a menear un pouco o esqueleto !!

Na aula como xa teño comentado, moitas veces non usabamos a música porque ás veces non funcionaba ben, ou mesmo a profe non era quen de enchufala! E como as sesións de psicomotricidade ás veces son tan curtiñas, e non temos pantalla dixital no ximnasio, prescindiamos moitas veces da música.

Pero sabemos que é algo ben importante, moi motivador e sobre todo... moi divertido !! Así que para este fin de semana que chega tan asollado, déixovos unhas cancións para traballar sobre o corpo, as súas partes, os seus movementos... algunhas estou segura de que as coñecedes, e a ver se con outras vos sorprendo!!

E tamén, para cando rematemos de bailar, déixovos unha sesión de Ioga moi especial, veredes, da man dun gato e... ben, non vos digo máis, o mellor e que vós mesmos e mesmas o vexades!!


Bo fin de semana a todos e todas, e seguide ben !!

Saúdos agarimosos !!!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU AO ANTERIOR 

 

NON DEIXES QUE CAIA - Martes 2 de xuño

Ola de novo familias!!

Como seguimos? Agardo que moi ben.

Hoxe nas propostas de psicomotricidade, tráiovos unha ben sinxela de facer na casa e que coido que será divertida e ao mesmo tempo moi produtiva.
Trátase de novo de coordinación dos movementos, pero neste caso para non deixar que un pau caia. Primeiro déixovos o vídeo para que vexades de que vai o xogo:

Como vedes neste vídeo están traballando con "picas" como as que temos no colexio, pero eu propóñovos que xoguedes na casa cunha vasoira e unha fregona, por exemplo, e posto que a base destas ferramentas é mais estable que a que se ve nos vídeos, podedes afastar un pouco mais aos xogadores entre si para complicar a tarefa. O demais, ben fácil: dous xogadores que teñen que, ao contar 3, cambiar de posición antes de que o a vasoira ou a fregona caian ao chan, ou que ao contar 3, teñen que dar un choque de mans, ou que ao contar 3, teñan que tocarse os pés e volver a coller o pau, ou que ao contar 3, dean unha volta sobre si mesmos e collan o pau... Infinidade de variantes!!! Iso si, tede coidado non mancarvos!!

Coma sempre, pasade un bo rato, divertídevos, ride, gozade e... a seguir coidándose!!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU ANTERIOR

SUPERCIRCUÍTO - Xoves 4 de xuño


Ola ola!!

Xa que estamos preto da fin de semana, voltamos hoxe cun... SUPER CIRCUÍTO !!

Con este circuíto, imos traballar moito as pernas, así que preparádevos !!

Nesta ocasión, só vamos precisar unha estancia da casa, preferiblemente o corredor, ou unha zona onde haxa suficiente espazo para "correr"... coma sempre, adaptade o xogo ás vosas circunstancias, xa que aínda que non teñades un corredor longo na casa, ao mellor podedes librar un pouco de espazo no salón e facer o circuíto pero en forma de círculo, ou tal vez teñades unha terraza onde se poda facer.
Dito isto, o circuíto é sempre no mesmo traxecto, pero con diferentes "fases", e ollo, temos que ir calzados con tenis ou algo parecido:

1ª fase: dun lado ao outro do corredor (ou da zona que determinedes para o circuíto), hai que percorrelo cunha toalla ou manta no cu, na que nos temos que sentar e avanzar usando só os pes e as pernas. Fíxate no vídeo:



2ª fase: cando chegues ao final do corredor, saca os tenis dos pés, e tes que poñelos nas túas mans!! Agora, camiña a catro patas cara diante cos tenis nas mans (primeira parte do vídeo):



3ª fase: cando chegues de novo ao final do corredor, saca os tenis das mans, colócaos de novo nos pes, e colle uns cantos libros ou obxectos que che sirvan de obstáculos. Colócaos no corredor (tes que facelo ti, e teñen que quedar de pé, non poden estar tirados no chan), e salta os obstáculos:



4ª e última fase: cando chegues de novo ao final do corredor, volve quitar os tenis dos pés, colócaos de novo nas mans, e agora vai a catro patas ate o a outra parte do corredor pero indo de lado (non é tan fácil como parece, así que coidado non te manques!!). Observa a segunda parte do vídeo:



Cando chegues de novo á outra parte do corredor, e volvas colocarte ben os tenis nos pés... finaaaaaaaaaaal !!!
Cansa verdade ??? Pois agora un pouco de estiramentos nas pernas e... repíteo!! Pide que che conten o tempo que tardas en facer o circuíto e intenta facelo máis rápido, compite con alguén da familia, inventade novas fases !!
E coma sempre... PASÁDEO PIPA !!

SAÚDOS!!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU ANTERIOR

XOGO CON XORNAIS - Martes 09 de xuño

BO DÍA A TODOS E TODAS !!

Desexo que vos atopedes ben, e xa pretiño de rematar este curso estraño e pouco convencional, non imos deixar de xogar e facer exercicio verdade?!

Pois hoxe propóñovos facer uns xogos con... follas de xornais!

Exactamente propóñovos dous xogos, un de equilibrio e outro de lanzamentos.

O primeiro é ben sinxelo, trátase de coller unha folla de xornal e tratar de transportala dun lado a outro usando diferentes desprazamentos e partes do corpo; parece unha cousa moi simple, pero veredes que por exemplo, levar a folla de xornal con unha sola man, apoiada na palma, non é tan sinxelo, ou se a poñemos na cabeza, tamén cae con facilidade... así que, veña, a intentalo !
E o segundo xogo, é algo de máis movemento, explícovos: o primeiro, é coller follas de xornais e facer bolas, o cal vainos vir xenial para a motricidade fina tamén, ao engurrar e apertar o papel para facer bolas. Logo, temos que buscar unha localización concreta na casa, por exemplo, un corredor, e buscar outro xogador. Dividiremos o campo de xogo en dúas partes iguais, colleremos as bolas de xornais (cantas máis, mellor), e as repartiremos entre os dous campos de xogo, pousándoas no chan. E cando digamos XA... a baleirar o campo de bolas!!!!! Como? Lanzándollas ao outro xogador!!!! Veredes que é divertidísimo, moi cansado, pero moi moi moi divertido. Gañará o xogador que antes consiga baleirar o seu campo de bolas de xornal, así que hai que tirarllas ao opoñente para librarnos delas... pero ollo!!! Non vale tirar as bolas a ningunha parte do corpo do outro xogador! Iso é outro xogo, neste só se tiran as bolas ao campo do contrario. Veredes que non é tan fácil librarse de todas as bolas, así que a partida pode durar un rato ben largo... se non vos da un ataque de risa!!!
Aquí vos deixo un vídeo para que vexades os dous xogos:


Nada máis por hoxe, gozade, seguide ben, saúdos, e saúde!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU ANTERIOR

RETOS CON GLOBOS - Venres 12 de xuño

Ola familias!

Para estes días, propóñovos facer un percorrido ou unha serie de retos con globos. Velaquí os tedes:

1º. Por un corredor ou un espazo amplo, sentados no chan e co globo entre os xeonllos, arrastra o cu para avanzar o máis rápido que podas!

2º. Polo mesmo espazo que para o reto anterior, ponte de pé, pon de novo o globo entre os xeonllos e, sen que caia, vai dando saltos e percorre o espazo o máis rápido que podas!

3º. Tes un compañeiro ou compañeira con quen xogar? Pois os dous con globos nos xeonllos, intentade quitarlle ao outro o globo! Pero coidado non vos manquedes!

4º. Fuches capaz de facer equilibrios cos xornais? Pois a ver que tal cos globos... colle o globo na palma da man e intenta percorrer o espazo sen que caia. Tamén podes intentar levalo con outras partes do corpo (na cabeza, conducíndoo co nariz, co peito... próbate a ti mesmo!).

5º. Golpea o globo coas diferentes partes do corpo que che indique alguén que xogue contigo: coa cabeza, co ombreiro, co xeonllo, co pé... iso si, teñen que ser golpes suaves e repetidos e... sen que o globo toque o chan!

6º. Tiñas un compañeiro ou compañeira? Pois collede o globo entre os dous apertándoo cunha parte do corpo (por exemplo, fronte con fronte), e intentade transportalo xuntos por un corredor ou outro espazo.

Aquí tedes un vídeo resumo de todos estes retos, para que o vexades máis claramente:

Gozade destes días e a seguir coidándose!!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU ANTERIOR

SOPRA, SOPRA! - Luns 15 de xuño

Ola familias!

Entramos na última semana de actualizacións neste remate de curso, que cando menos, vai ser ben estraño... Pero non imos poñernos tristes senón que imos seguir xogando!
Hoxe, volvemos con máis retos pero... de soprar!
En cada un deles, precisaredes materiais que de seguro tedes na casa, aquí vai a explicación primeiro, e despois un vídeo explicativo.

1º. Os sopradores: en parellas ou tríos, escollemos un campo de xogo, que pode ser mesmamente unha mesa. Os xogadores terán unha palliña de refresco cada un (ten coidado de usar só a túa, e despois de usala, desbótaa ou lávaa), e deberán soprar intentando que unha boliña (feita de papel, de poriexpán, ou unha pelota de ping-pong) non chegue ao seu campo de xogo, para o que podemos marcar onde comeza o noso terreo.


2º. Bola flotante: este reto é individual, e para facelo precisamos unha boliña (do mesmo material que no anterior reto), unha palliña de refresco e unha botella de plástico baleira. No vídeo vedes como montar un aparello coa parte de arriba da botella e a palliña metida por un furado do tapón (pide a un adulto que te axude a facer o aparello). Unha vez feito, só temos que intentar que a bola flote coma unha pantasma!!


3º. Conduce os barquiños: aquí necesitas unha palliña e tapóns de botellas. Con estes materiais, colle un recipiente alongado, ou podes facelo no vertedeiro, bótalle auga e intenta soprar o barquiño (que é o tapón) de un lado a outro do recipiente. No vídeo verás que mesmo lle podes poñer unha vela con números, e tamén poñer algún obstáculo.


4º. O foguete: neste caso necesitas un debuxo dun foguete (que podes facer ti mesmo), un escarvadentes ou pau dos que serven para facer brochetas, e unha palliña. Cando decores o teu foguete, recórtao e pégalle por detrás o escarvadentes ou pau, que meterás polo furado da palliña, e cando sopres por esta... DESPEGUE!!! Aquí vos queda un enlace para fabricar o foguete: CONSTRÚE O FOGUETE.

E agora o vídeo para que vexades e entendades mellor os retos:


Así que chicos e chicas... a sopraaaaaar !!!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO SEGUINTE OU ANTERIOR

PERCORRIDO SENSORIAL - Xoves 18 de xuño

Bo día!

Aquí temos a última proposta de xogos para a semana... parece que foi onte que empezou o curso verdade? Un curso especial, iso sen dúbida, que non esqueceremos, pero do que seguro que temos extraído moitas aprendizaxes...

Sexa como sexa, hoxe compártovos o último xogo deste curso, que como non podía ser doutro xeito é... UN CIRCUÍTO! Pero un circuíto moi especial, porque é un circuíto sensorial, ou sexa que imos poñer a proba o noso sentido do tacto.

Aproveitaremos que semella que veñen días bastante asollados, e sempre se prestan máis a este tipo de actividades. Para este circuíto, o que si precisaredes serán varios recipientes, canto máis grandes mellor, nos que poidades meter os pés a ser posible. Se non tedes esta posibilidade, non hai problema, podedes coller varios recipientes da cociña, dos que usades para gardar alimentos por exemplo, e facer o mesmo percorrido que propoño, pero en vez de metendo os pés nos recipientesmetendo as mans.

En resumo, trátase de que nos recipientes metades distintos tipos de materiais, sen que os pequenos e pequenas saiban cales son, e que pisen cos pés nus dentro de cada recipiente intentando adiviñar que é o que están a pisar. Unha vez teñamos os recipientes con materiais, logo podemos xogar a poñer un detrás de outro e pisar cos dous pés, volver a comezar o percorrido e cambiar a orde dos recipientes a ver se adiviñan onde está cada material, poñer dous recipientes un ao lado do outro e meter un pé en cada recipiente, adiviñando o que hai no esquerdo e no dereito... xa sabedes, é cuestión de imaxinación.

A miña proposta de materiais para os recipientes, pola facilidade que podedes ter para atopalos sería: un recipiente con pedriñas, outro con bolas de papel de xornal, outro con fariña ou sal, outro con follas ou herbas collidas da natureza, outro con toallas pequenas (das de secar as mans) enroladas, e outro con lentellas, garavanzos ou similar.
Por suposto, e coma sempre, todo queda aberto ás vosas posibilidades e ao que teñades na casa, pero aquí vos deixo unhas fotografías dun exemplo dun percorrido sensorial. Como vedes nas fotos, os nenos e nenas van cos ollos abertos, mais eu anímovos a que o fagades máis en forma de xogo, e cos ollos pechados sempre lles fará máis gracia!

fonte: laclasedemiren.blogspot.com

Se despois do percorrido, ademais de pedirlles á cativada que adiviñen que pisaron (podedes pedirlles que o escriban, sobre todo aos maiorciños de Infantil), lles dicides que expresen as texturas vividas (brando, duro, pringoso, suave, mollado... faremos moito máis completa a actividade!

Espero que o gocedes, pasádeo ben, e mañá volverei para despedirme de todos e todas vós.

Saúdos!

USA AS FRECHAS PARA IR AO XOGO ANTERIOR OU AO SEGUINTE

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN - XOGOS TRADICIONAIS

Pois ben chicos e chicas de infantil... xa estamos no derradeiro día deste curso, e quero deixarvos un par de achegas para este verán.

Como agora xa podemos saír máis e todo iso, pois déixovos dúas webs con xogos tradicionais galegos:

XOGOS POPULARES

UNHA DUCIA DE XOGOS TRADICIONAIS GALEGOS

Xa veredes que algúns xogos son coñecidos, e outros ao mellor non, pero anímovos a que xoguedes a eles, en familia, con amigos/as... ao mellor algún avó ou avoa vos pode dicir dalgún máis, ou coñecen os que aparecen nesas ligazóns. 

E o que sempre dicimos, pasádeo ben, gozade, tede coidado! E... seguir sendo como sodes!!!

Envíovos unha aperta a todos e cada unha e un de vós, deséxovos un bo verán, e grazas, grazas, grazas por todo. 

Pero aínda non vos digo adeus, pola tarde visitade de novo a aula, e veredes unha sorpresiña...

UN BICO XIGANTE E DE NOVO...

via GIPHY