Amplo abano de propostas para conmemorar o Día do Libro
A actividade do colexio estes días tivo un carácter especial. Practicamente todas as iniciativas que levamos a cabo tiñan como denominador común un claro obxectivo: fomentar no alumnado o gusto pola lectura no marco da conmemoración do Día do Libro.
Así, houbo propostas adaptadas ao nivel e destrezas do alumnado, propostas para todos e todas e para todos os gustos.
O alumnado de 3º ciclo demostrou, a través dun percorrido polas aulas, os seus progresos coa lectura lendo en voz alta o coñecido libro "A Illa do Tesouro". Que ben o pasamos e que orgullosos estivemos os mestres vendo o ben que o facían os nosos lectores e o atentos que escoitaban os seus compañeiros!
En educación infantil as lecturas acompañáronse de representacións teatrais con marionetas. E é que hai moitas maneiras de seguir as historias que contan os libros!
A nosa biblioteca, por outra banda, tivo estes días as súas portas máis abertas que nunca.
Dende onte, ademais, acolle a exposición A Historia do Libro, que pode visitar tanto o alumnado como o público xeral ata o 7 de maio en horario de mañá ou de tarde. ¡Animádevos a vir!
Pódense ver aqui as fotos das actividades.