PLANTACIÓN DE ÁRBORES

Hai case un ano o Concello de Narón comezou a construción do novo pavillón dentro do noso recinto escolar. Naquel momento, aínda que con moita dor por parte de toda a comunidade educativa, foi necesario talar varias árbores. O martes 17, en compensación a aquela perda, estivemos plantando baixo a auga de abril. Grazas á nosa participación en Voz Natura puidemos facernos con doce exemplares de diversas árbores e arbustos: pícea, oliveira, salgueiro, carballo, loureiro, buxo, teixo, magnolia grandiflora, magnolia loebneri, araucaria, arce e acivro. Mollámonos, pero estaba todo pensado, dixéronnos que había que regalas moito estes meses. Cada clase tiña asignada unha árbore e agora temos que cuidala, regala e aloumiñala. Uns marcharán nuns meses para o instituto, pero a outros vailles tocar protexelas durante case nove anos. Contamos con que estas árbores e arbustos teñan unha longa vida e nos acompañen a nós e aos que teñan que vir despois. Oxalá os netos dos que hoxe plantaron teñan o pracer de desfrutar algún día da súa sombra.

Podes consultar aquí a noticia na edición ferrolana de La Voz de Galicia do 18 de abril. Tamén tes a opción de ver a galería de imaxes.