Educación Infantil
Admisión de alumnado curso 2019/2020
Do 1 ao 20 de marzo prazo aberto para admisión de alumnado para o vindeiro curso 2019/2020
ANIVERSARIOS DO MES DE OUTUBRO
Abadín, 1 de novembro de 2013
Outubro foi un mes cargado de aniversarios, nada menos que catro. Como vén sendo costume, o último venres de mes foi a gran festa, tan esperada coma sempre. Celebraron aniversario Leire, Izaskun, Alba e Rubén, de 6º de Infantil, que xa teñen 5 anos. Puxéronnos un gran biscoito con forma de roda e recuberto de fideos de cores. Papámolo todo. Segue pendente a celebración de Daniela que agardamos xuntar aos aniversarios de novembro. Xa vos contaremos.
VISITA MISTERIOSA NA AULA DE EDUCACIÓN INFANTIL
Abadín, 26 de outubro de 2013.
Nos últimos días suceden cousas misteriosas na nosa aula.
O martes pasado apareceu unha vasoira abandonada.
Parecía un despiste. Pero non o era. Ao día seguinte, o mércores, por riba da vasoira, apareceu un gorro cunha forma moi curiosa: era ancho na cabeza e remataba en punta. Era un deses gorros que levan as bruxas dos contos!
Todos tremiamos co medo. Xuntámonos moi ben xuntiños e así fomos achegándonos á vasoira e ao gorro.
Foi daquela cando Alejandra, que nunca lle ten medo a nada, botou a man e colleu o gorro.
Pero non fixo ben. Veredes o que pasou:
De dentro do gorro saíu unha araña. Era grande, moura e moi fea.
Que susto levamos todos!
Pero cando nos fixamos ben, resultou que era unha desas arañas de broma que venden para poñer medo aos nenos tímidos.
Agora xa todos saben de certo que na aula entrou unha bruxa. Non sabemos cal foi a razón de que a escollese nin cal foi a razón de que deixara alí a vasoira, o gorro e a araña de goma.
Se cadra pasaba por alí, foi á cociña para preparar algunha beberaxe nas potas e nas olas que hai alí. Kiara, que tamén é moi ousada, dixo que se cadra estaba de viaxe para visitar o mago Merlín.
Xa sabedes que o mago Merlín é un encantador que anda polas terras de Miranda e tamén de Abadín.
Jaime dixo que se cadra andaba a apañar herbas misteriosas aló por Romariz ou pola ponte Xestido coas que preparar pócimas para facer encantamentos.
O asunto foi que entre todos decidimos deixarlle unha nota escrita nun papel para preguntarlle quen viña sendo ela.
E mentres agardamos que nos conteste todos quixemos poñer o sombreiro por se nos entraba algo dos poderes máxicos que debe ter a bruxa.
Lástima non saber as palabras máxicas que ela di cando fai o conxuro!
Vós sabédelas? pois se cadra poderemos facer voar a vasoira e ir dar un paseo ata Mondoñedo.
Polo de agora podedes ir mirando que bonitos saímos todos.
Outro día xa vos contaremos se a bruxa nos quere contestar.
3, 2, 1, ... OUTONO!
Abadín, 22 de outubro de 2013
O outono é unha estación moi agardada na nosa vila, é tempo de castañas, de cogomelos, e como non, a feira de Santos de Gontán. Á nosa aula tamén chegou o outono, queredes ver no que estamos a traballar? Adiante, petate na porta, pero coidado, non manquedes ao noso espantallo.
Abride o paraugas e cantade con nós:
As gotiñas pingan, pingan
caen polas beiras,
Pon o teu impermeable
para ir a onde queiras.
Plin, plin, plin
chove que te chove
Plin, plin, plin
que te vas mollar.
Plin, plin, plin
se non tes coidado,
Plin, plin, plin
vaste arrefriar.
Mentres crecen as cabazas, nós imos preparando o Magosto e o Samaín, non nos perdades de vista, temos moitas sorpresas preparadas.
ANIVERSARIOS DO MES DE SETEMBRO
Abadín, 12 de outubro de 2013
O pasado mes de setembro Antía e Daniela, de 4º de Infantil, cumpriron tres anos. No cole celebramos o aniversario de Antía, quedando pendente para o mes de outubro a celebración do de Daniela.
Logo de soprar as candeas dispuxémonos a comer unha rica tarta de biscoito e chocolate.
Que ben o pasamos!
A MEMORIA NUN LIBRO
A sección da páxina web de Educación Infantil estréase recordando o poeta que lle dá nome ao colexio. Os nenos do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño queremos ir na procura das obras do poeta veciño noso que sempre quixo a súa terra.
Alejandra Fernández Martínez, de 6º de Infantil, remexeu na casa e deu cun libro nunca esquecido que se gardaba coma o ouro no pano. Resultou ser un exemplar daqueles cincocentos que formaron a primeira edición de Cómaros verdes., Leva como data o 24/07/1947 e como lugar de impresión a vila mariñeira de Vilagarcía.
Pois resulta que Alejandra vén sendo algo parente do poeta. Explicamos o asunto: Un seu tataravó, veciño de Seivane, viña sendo irmán do pai de Aquilino, que tamén vivía en Seivane. Probablemente foi o propio poeta quen lle deu o libro ao seu curmán, bisavó de Alejandra. E desde 1947 o libro foi pasando na casa de man en man coma un tesouro a respectar e así ata os nosos días.
Indagando en Cómaros verdes resulta que foi o primeiro libro en galego de relevancia literaria e de gran valor artístico publicado despois de 1939. É un magnífico exemplo de como os estudos humanísticos do seminario de Mondoñedo deron uns froitos nunca ben valorados e case sempre esquecidos.
Don Aquilino, estámoslle moi agradecidos e agradecidas por nos deixar o seu espírito nas poesías que sentimos nosas, como é nosa esta terra de Abadín.