Saltar navegación.
Inicio

Obradoiro de Eco Percussion

Obradoiro de Percusión

Recentemente o grupo Eco Percussión ofreceunos a posibilidade de facer un obradoiro de percusión no colexio. Como os alumnos e alumnas de 5º nivel estabamos coñecendo este trimestre a familia de percusión a través dos instrumentos nas distintas culturas, seguindo o libro dixital da editorial Netex, pensamos que o taller que nos propoñían era ideal para complementar o que estabamos a aprender. Así, como estudamos, vimos e coñecemos a batucada en Brasil, e os folións ou fulións en Viana do Bolo, Manzaneda e Trives como manifestacións típicas do Entroido, pensamos que que mellor que completar isto cunha práctica de percusión no Entroido. Por iso pedimos aos músicos de Eco Percussión que o taller se desenvolvera durante a semana na que se celebraba o Entroido no colexio.

Así os días xoves 20 e venres 21, Edgar e Didier trouxeron todo o material que iamos necesitar. Cada grupo tivo a súa clase correspondente. Todos moi atentos pero partícipes, atendíamos ás indicacións do percusionista que nos dirixía. Practicamos ata que conseguimos que o que nos propoñía Edgar nos saíra ben. Tamén na clase de música, fixemos un pequeno ensaio da exhibición que faríamos no patio do colexio para o resto dos compañeiros e compañeiras dos distintos cursos do colexio.  

O venres 21 celebrabamos o Entroido no noso colexio e, xa disfrazados todos, saímos ao patio e xunto con Mercedes, que tamén quixo participar con nós, fixemos unha breve actuación para os nosos compañeiros/as para así ter a nosa propia batucada, charanga ou folión, como se queira entender. O asunto é que aprendemos moito, nos divertimos e o pasamos xenial. Grazas a Eco Percussión por esta experiencia que agardamos se poida repetir!