CEIP A MAÍA: ESPAZO CARDIOPROTEXIDO

 

" Un desfibrilador só pode salvar vidas, non pode facer ningún dano"

 

Por fin, despois de moito tempo e con varios atrancos, hoxe procedemos á instalación do desfibrilador no centro. Eliximos esta ubicación, preto dunha das entradas principais, na parede do comedor escolar, dentro do recinto educativo pero non dentro dos edificios,  xa que así está visible, accesible pero a mesmo tempo, protexido. Eliximos esta ubicación e non outra, porque así pódese beneficiar del non só o alumnado, profesorado, persoal non docente, senón tamén o persoal do concello e das empresas contratadas polo concello, que traballan dentro do recinto escolar atendendo os diversos servizos que se realizan no centro educativo, ou calquera persoa que nun momento determinado poida precisar del.

Esta iniciativa empezou no curso 2019/20, cando a través da ANPA do colexio se puxo en marcha o Proxecto Salvavidas, no que coa venda de pulseiras propuxéronse financiar a compra dun desfibrilador para o centro. Despois veu a pandemia e a post pandemia e todo quedou paralizado.

 

Neste curso retomouse o asunto, chegou o desfibrilador, o profesorado recibeu a formación pertinente para o seu uso e chegou o momento de colocalo, e aí comenzaron os nosos quebradeiros de cabeza, coa oposición, imposición e prohibición do sr. Alcalde deste Concello.

 

Desde o centro solicitamos axuda  e asesoramento ao persoal técnico do concello para a  determinación da ubicación definitiva do desfibrilador, baixo o noso punto de vista, sempre mantivemos que tiña que estar no espazo que máis tempo permanece aberto, é dicir, o comedor, que está aberto de 7:30h até as 21:00h. O primeiro que recibimos foron negativas, incluso burlas por parte do rexidor municipal (“a quen se lle ocorre poñer un desfibrilador habendo xa un no pavillón municipal e nos coches da policía local”, “si ti o pos eu encargareime de arrancarcho”, chegou a dicirnos o Sr. Alcalde, entre outras ameazas, groserías e  sinsentidos). Entre as súas (sen) razóns chegou a dicir (segueo mantendo a día de hoxe) que o comedor é del (do concello quero entender), cuestión que o servizo xurídico da Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tivo que aclararlle a través dun informe.

 

 

Aínda así, mantivémonos firmes na nosa decisión, o desfibrilador foi instalado hoxe polo servizo técnico da empresa, a disposición de toda a comunidade educativa. O noso desexo é que nunca teñamos que empregalo pero estamos felices e agradecidos á ANPA  e a todas as familias que axudaron a conseguilo para o centro.