Programa de prevención de condutas aditivas

Estimadas nais, pais, familias

Durante a vindeira semana levaremos a cabo co alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria,  un ciclo de charlas que forman parte do programa de prevención de adiccións. Hai xa varios anos que o Concello de Ames desenvolve este Programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar. Os obradoiros adoitaban realizarse no primeiro trimestre do curso pero este ano, por mor da situación de pandemia, adiáronse até o terceiro trimestre.

As charlas serán impartidas en cada grupo pola psicóloga Belén Montesa e membros do seu equipo. En todo momento, para garantir a seguridade de nenas e nenos, manteranse os grupos estables e o persoal que intervirá con eles adoptarán todas as medidas de hixiene e distancia establecidas no protocolo sanitario.

A metodoloxía do programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar é totalmente participativa. A través de técnicas de traballo grupal como dramatizacións, enquisas, análise da publicidade ou debates, os alumnos e alumnas participan na construción dos contidos. Tamén se fan actividades individuais e actividades na casa para poder compartilas cos pais/nais/titores e que, ao mesmo tempo permitan achegar o tema dende o centro educativo á casa e viceversa.

O programa está encamiñado a proporcionar ao alumnado a adquisición de capacidades e habilidades que lles permitan desenvolver estilos de vida saudables e afrontar adecuadamente as posibles situacións de perigo relacionadas, ou non, coas posibles adicións que poidan ir aparecendo o longo do da súa evolución. Tamén se traballa para aumentar as capacidades e habilidades persoais de resistencia a oferta de sustancias e se promove o desenvolvemento de recursos propios que faciliten actitudes e condutas de rexeitamento ao consumo.

O programa incorpora tamén un enfoque de xénero e contidos relacionados con outras condutas de risco como o abuso ou uso indebido das novas tecnoloxías.