Os alumnos e as alumnas de 3º de primaria realizaron no centro o pasado 27 de abril un taller práctico sobre a auga denominado "AQUALOXÍA", taller promovido por VIAQUA en colaboración co Concello de Ourense.
O obxectivo desta actividade é o de concienciar aos rapaces e rapazas sobre a importancia do medio ambiente e da auga. Da man de dous monitores coñeceron o proceso que segue a auga nas cidades mediante recursos dixitais e interactivos.
Primeiramente nun vídeo coñeceron a Minerva, Qualo, Vitrubio, Clara e Salvador (personaxes de debuxos animados) que lles foron explicando o ciclo natural da auga e o seu ciclo urbán: a súa potabilización, a distribución, a depuración... ao mesmo tempo os nenos e nenas foron realizando xogos, actividades prácticas e experimentos: como analizar e limpar a auga, como facer que chegue ás casas...
"Os principios pedagóxicos nos que se fundamenta Aqualogía baséanse en metodoloxías didácticas que posibilitan a educación urbana dos máis pequenos. Ademais de achegar aos estudantes o coñecemento dos ciclos natural e urbano da auga, a través de material audiovisual, de experimentos prácticos e xogos, este programa didáctico trata de potenciar a participación e interacción dos alumnos." (sinopse extraída da páxina de educación (programas) do Concello de Ourense).
Ao final os alumnos recibiron un diploma pola súa participación neste taller que para eles resultou moi divertido e motivador polo seu carácter tan interactivo e práctico.