MENÚ PARA O CONFINAMENTO
Xa que durante estas semanas non podemos estar xuntos no comedor, aquí vos deixamos un menú para alimentar non o corpo, senón a mente e o corazón.
-Primeiro prato: sopa de ánimo. Sabemos que a vosa favorita é a de estreliñas, pero durante este tempo, en vez de comelas imos saír cada noite ao balcón, á terraza ou á fiestra para ver estreliñas fermosas cinco minutos antes de deitármonos.
-Segundo prato: patacas fritas con filete de solidariedade e leituga. Solidariedade para axudarlles a nosa nai e ao noso pai nas tarefas da casa, para que eles poidan seguir atendendo as súas responsabilidades. Tamén temos que ser solidarios cando eles están tristes ou preocupados polo seu traballo, ou cos avós cando están inquedos por medo a enfermar, ou cos irmáns cando precisan silencio para estudar.
-Sobremesa: a torta de chocolate da avoa, ou do avó. Se os nosos avós viven connosco, podemos cociñar con eles este prato. E se residen noutro lugar, e non podemos visitalos ata que remate o confinamento, temos que buscar e ensaiar a receita para que, cando poidamos ir a súa casa ou á residencia na que viven, lles levemos este doce.
Este menú queremos servilo coas mensaxes de cariño, e de esperanza dos membros do equipo do comedor escolar.
Bo proveito queridos nenos e queridas nenas.