O HORTO DOS AMIGOS DE CARDIO
Estamos convencidos de que os elementos fundamentais de desenvolvemento dos nenos e dos seus futuros medios de vida son unha nutrición e unha educación adecuadas, por iso dende hai un tempo viñamos dándolle voltas a idea de construír un horto ecolóxico e un “ xardín dos sentidos" na nosa escola.
No segundo trimestre decidimos darlle un empurrón a esta idea e poñela en marcha cos cativos de educación infantil, aproveitando que estaban desenvolvendo o proxecto , un proxecto de saúde integral.
Cremos que a través desta actividade melloraremos a calidade educativa e ambiental do noso centro aproveitando os recursos materiais e humanos dos que dispoñemos.
O horto dos amigos de Cardio e o xardín dos sentidos axudarannos a poñer en práctica os seguintes procedementos de actuación establecidos no noso proxecto educativo:
- Ofertar un proxecto integral e integrador, baseado nunha educación transmisora non só de coñecementos senón de valores, de competencias e de actitudes.
- Converter aos alumnos en protagonistas e en construtores do seu propio proceso de aprendizaxe, fomentando a aprendizaxe por investigación e o descubrimento.
- Aproveitar os recursos, partindo do concreto e do próximo para chegar ao abstracto e ao xeral.
- Educar na e para a saúde, fomentando unha alimentación e uns hábitos saudables, promovendo e participando en todas as actividades que conduzan a este fin.
- Educar na sensibilidade, na cooperación, na responsabilidade e no respecto cara o medio ambiente, programando e desenvolvendo actividades que esperten a conciencia ecolóxica dos nosos cativos.
- Fomentar unha ensinanza interdisciplinar.
- Aplicar a teoría das intelixencias múltiples no proceso de ensinanza-aprendizaxe.
A través desta actividade teremos a oportunidade de aprender técnicas de agricultura ecolóxica relacionadas coa preparación da terra e con outras tarefas (abonar, sementar, controlar enfermidades…); os nomes e a utilidade das diferentes ferramentas, a influencia do tipo de chan nos cultivos, etc.
Tamén recompilaremos adiviñas, refráns e cantigas relacionadas coas diferentes verduras e hortalizas e analizaremos os beneficios e as propiedades de cada unha delas para a nosa saúde.
No horto dos amigos de cardio os cativos aprenderán a sementar, a coidar, a cultivar e a recoller as verduras e as hortalizas que logo comerán no comedor escolar.
Esta experiencia promoverá o benestar medioambiental, social e físico da comunidades escolar e favorecerá unha mellor comprensión de como a natureza nos sustenta, e do efecto que poden ter as nosas accións sobre a terra e sobre a vida.
O horto abriranos un camiño para o intercambio de coñecementos e de experiencias entre a escola e a comunidade educativa.
Para implicar aos cativos nesta experiencia comezamos buscando un nome e unha mascota para o noso horto. O nome “O horto dos amigos de Cardio”, relaciona, como xa dixemos anteriormente, este proxecto co proxecto no que están traballando os docentes e os nenos de educación infantil e que fai que a día de hoxe estean familiarizados con “Cardio”. Polo que no horto imos plantar hortalizas e verduras que axudarán a que o noso “Cardio” funcione moi ben e estea moi ledo.
A mascota será un boneco que se dedicará a facer falcatruadas e a propornos cada venres un xogo para repasar os nomes das verduras e das hortalizas, lembrar como son as súas follas e os seus froitos, e , en definitiva, sorprendernos e axudarnos a aprender como se coidan estas plantas e porque son moi importantes para a nosa saúde.