Outras actividades

O DOCE MUNDO DO MEL DE GALICIA

O pasado mércores, 5 de maio, os alumnos e as alumnas de 1º e 2º de primaria participaron na actividade desenvolvida no colexio  "O doce mundo do Mel de Galicia"; actividade organizada polo Consello Regulador da IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Mel de Galicia, co fin de acercar aos máis pequenos o mundo das abellas e do mel.

Dunha forma didáctica e interactiva os pequenos e pequenas coñeceron o proceso que se segue para a obtención do mel, os aparellos que necesitan os apicultoress (luvas, buzo ou blusón con cabeza, espátula, cepillo, afumador...), as partes dunha colmea, os tipos de mel...

Ao rematar, todo o alumnado recibiu como agasallo, un globo, un caderno e un pequeno tarro con delicioso mel. 

Nestes enlaces tedes maìs información sobre este alimento tan saudable:

- MEL DE GALICIA

- GUÍA MEL COMO ALIMENTO 

PLANTAS CARNÍVORAS

O 27 de abril os alumnos e alumnas de 4º de primaria participaron na  actividade "PLANTAS CARNÍVORAS" promovida polo Concello de Ourense e enmarcada dentro das actividades que organizan en relación coa Educación en Medioambiente, co obxectivo de inculcar nos máis pequenos o respecto e interese polo medio natural. 

Ao centro acudiu a monitora Águeda Pérez que lles fixo unha breve explicación, apoiada por unha presentación audiovisual,  das principais características das plantas carnívoras, de como se alimentan, dos coidados que necesitan... tamén visionaron distintos tipos de plantas carnívoras.  

Ademais a monitora levou tres plantas, que deixou como agasallo para o colexio, e cuxos nomes son: DIONAEA Muscipula, SARRACENIA Maroon e DROSERA Capensis, e que os nenos e nenas examinaron con moita atención e interese. 

Remataron a actividade realizando unha actividade plástica que consistiu na elaboración en papel dunha planta carnívora cos seus dentes e lingua.

 

 

 

DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TICS 2021

"O 22 de abril celebrouse o Día Internacional das Rapazas nas TIC. Que que é iso? Pois é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu denvolvemento académico, investigador e profesional. 

"Foi no ano 2010 cando os países membros da UNIÓN INTERNACIONAL DE TELECOMUNICACIÓNS (UIT), organismo adscrito á ONU, decidiron crear esta efeméride, produto da enorme brecha dixital de xénero que se ven evidenciando ao longo dos anos. Brecha que se fai máis profunda cando falamos de xeración de contidos, desenvolvemento de páxinas web, creación de software, aplicacións e demais elementos dixitais, ámbito no que os homes teñen moita máis presenza cás mulleres (sinopse extraída da páxina web diainternacionalde.com)".

Nesta edición os alumnos de 4º e 5º de primaria do CEIP Albino Núñez participaron xunto con máis de 1.100 alumnos de primaria e secundaria de centros de toda Galicia a través da Plataforma Webinar do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia). Este ano colaboraron na multiconferencia web relatoras galegas da talla de: Beatriz Paz Santalla, Ana Freire, Úrsula Matínez Álvarez e Verónica Bolón Canedo. 
O noso alumnado non perdeu detalle de todas as múltiples saídas e aplicacións que teñen as carreiras tecnolóxicas. Ogallá moi pronto algunha delas poida estar do outro lado da pantalla contándonos as súas experiencias profesionais."
 
 
 
 

Deixámosvos os seguintes enlaces para coñecer máis a fondo esta efeméride:

- DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TICS: información da actividade.

- ITU (Unión Internacional de Telecomunicacións)

- DÍA INTERNACIONAL DE ... 

- VÍDEO INFORMATIVO 

VIALÍN: AUTOESCOLA PARA PEQUES

O pasado 19 de abril, os pequenos e pequenas de 6º de Educación Infantil (5 anos) participaron na actividade desenvolvida no centro e promovida polo Concello de Ourense: VIALÍN, AUTOESCOLA PARA PEQUES.

Con esta actividade pretendese que os nenos e nenas coñezan normas básicas de tráfico e tomen conciencia da importancia de respectalas para previr accidentes nas vías públicas.

A través de Vialín, aprenderon a recoñecer as principais sinais: stop, ceda o paso, sinalización dun hospital ... o uso dos semáforos para peóns e vehículos, coñeceron os sistemas de retención nos coches (cinturóns de seguridade para adultos, sistemas de retención infantil...), que usar cando imos en moto ou en bici para ir seguros, miramos antes de cruzar nun paso de cebra...

Sobre un mapa que representaba unha cidade, ían colocando sinais a medida que contestaban correctamente ás preguntas sobre seguridade vial. 

Ademais fixeron circuítos desprázandose, ás veces como peóns, e outras coma coches, respectando semáforos e pasos de cebra...

Desta maneira, pasaron unha divertida mañá, xogando e aprendendo como desenvolverse de forma segura ante o tráfico e coñecendo os perigos que presenta a rúa.  

  

OBRADOIRO DE COEDUCACIÓN E IGUALDADE

O 12 de abril, os alumnos e alumnas de 4º de primaria, participaron nun obradoiro sobre COEDUCACIÓN E IGUALDADE promovido polo Concello de Ourense co fin de favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades. O obradoiro foi impartido por Paula Sánchez, psicóloga especialista en igualdade. 

"Existe unha profunda necesidade de iniciar a coeducación nos primeiros anos da vida da infancia e a mocidade,  avaliando como se adquiren os roles e estereotipos de xénero, os factores que inflúen na sua aprendizaxe, así como o papel que para a infancia xogan os modelos de adquisición de valores.
Os obradoiros estarán adaptados a cada idade, traballando conceptos de corresponsabilidade, eliminación de estereotipos, formas de desigualdade, formas de violencias sexistas…
 
Sensibilización e formación na que se abordarán os estereotipos de xénero, sexismo, modelos de convivencia que fomentan a desigualdade e que recibimos tanto no ámbito familiar como dos modelos sociais." (sinopse extraída da páxina de Educación do Concello de Ourense). 
 
Ao longo da hora e media que durou o obradoiro os alumnos e alumnas reflexionaron (por exemplo, que vería un extraterrestre ao chegar ao noso planeta?),  interviñeron coas súas dúbidas, aportacións e comentarios sobre os estereotipos e como se transmiten os valores tradicionais (que pasa cando nace un neno ou unha nena, sen que a familia saiba previamente o seu sexo e llo presenten vestido de rosa ou azul?), chegaron a conclusións interesantes sobre a melloría na inclusión de todo o alumnado durante este curso escolar, coas limitacións sobre o fútbol debido ao Covid e finalmente manifestáronse moi positivos ao respecto. 
 
 

SESIÓN DE CONTACONTOS: EL ÚLTIMO ÁRBOL

O noso amigo Cardio, ademais de facernos pasar uns estupendos momentos durante a súa esperada visita, trouxonos outro agasallo: un contacontos para todos os nenos e as nenas de infantil. Dende logo, foi unha mañá chea de sorpresas para os máis pequenos do cole!!

A historia: EL ÚLTIMO ÁRBOL, de María Quintana Silva, foi a que escoitaron e na que participaron activamente cun baile final. 

O medio ambiente é o protagonista desta historia: "o seu coidado e defensa é tamén fundamental para poder levar unha vida saudable", nos dixo Cardio.

Para coñecer máis detalles desta actividade, premede na imaxe que vos enlazará co blog da biblioteca escolar. 

VISITA VIRTUAL Á EXPOSICIÓN: GALICIA, DE NÓS A NÓS

O pasado 9 de marzo, os alumnos e as alumnas de 5º de primaria realizaron unha visita virtual á exposición: "GALICIA, De Nós a nós". Como moitos de vós saberedes o pasado ano celebrouse o centenario da publicación do primeiro número da REVISTA NÓS. "A revista pretendía reinvindicar a cultura propia de Galicia a través do estudo científico e da creación literaria, superando os tópicos e o descoñecemento. Os traballos publicados en Nós serviron para establecer as bases da identidade cultural do noso país e para normalizar o uso do galego. A lingua é un dos elementos vertebradores de Nós, xa que a revista está integramente escrita en galego, desde os estudos científicos ata os anuncios publicitarios" (sinopse extraída da páxina web "revistanos.galiciana.gal").

Premede na imaxe superior para acceder ao blog da nosa biblioteca onde tedes toda a información da actividade. 

MAÑÁ DE RAP

No  mes de febreiro os alumnos e as alumnas de 3º e 4º de primaria coñeceron de primeira man dúas formas diferentes de expresarnos oralmente co ritmo e a rima 

como base: se o día 22 gozaron con Pilar Mira e as 

REGUEIFAS, o día 25 fixérono co RAP.

Tradición e modernidade, con diferenzas, pero tamén con moitas similitudes: rima, ritmo, denuncia, actualidade, improvisación...

Esta vez foi o rapeiro Alan Álvarez Araújo "Alanbur" que dende os 13 anos está inmerso no mundo do HIP HOP, e ao que especialmente lle encanta o Freestyle,  o que se acercou ao noso centro para compartir unhas horas cos rapaces e rapazas e facelos pasar unha mañá divertida, na que tamén foron protagonistas ao seguir os ritmos e improvisar como lles explicou Alan. 

Para ter máis información, imaxes e vídeos sobre a actividade, premede na foto para acceder ao blog da biblioteca escolar. 

 

MAÑÁ DE REGUEIFAS NO COLE

O pasado luns, 22 de febreiro, a regueifeira PILAR MIRA visitou o noso centro para pasar unha mañá  conversando e cantando cos alumnos e alumnas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria.

Explicoulles o que eran as regueifas, faloulles da tradición oral galega, da arte da improvisación, dos desafíos, do humor, da retranca, do pan de molete, da composición das regueifas, das estrofas de catro versos...

E cantoulles un relato sobre o tema de maior actualidade do momento, acompañada polos rapaces e polas rapazas dos cursos mencionados, que empregaron pandeiretas e paus para seguir o ritmo.

No blog da biblioteca tedes toda a información e un vídeo con diversos momentos do canto da regueifa. (premede na imaxe)

OBRADOIRO SOBRE ILUSTRACIÓN

Os alumnos e alumnas de 4º de primaria participaron nun obradoiro patrocinado polo Concello de Ourense que versaba sobre a ilustración: "ILUSTRACIÓN: SENTIDOS E SIMPLICIDADE". 

O taller foi impartido pola ilustradora de Carballo, Laura Tova, que soubo transmitirlle aos nenos e nenas como podemos perderlle medo a un papel en branco, para, a partir da música, coa percepción dos sentidos, saber expresar as nosas emocións. 

Para saber máis detalles sobre esta actividade, premede na imaxe anterior para consultar toda a información no blog da biblioteca escolar.  

No suplemento XORNAL ESCOLAR do xornal LA REGIÓN, tamén se fixeron eco deste obradoiro:

Powered by Drupal - Design by artinet