Outras actividades

XORNAL ESCOLAR

ATENTOS ESTA SEMANA Á CADEA DE TELEVISIÓN LOCAL TELEMIÑO, O VINDEIRO MÉRCORES, 13 DE MAIO (e repetirase en días posteriores), O NOSO COLE SERÁ O PROTAGONISTA DO PROGRAMA XORNAL ESCOLAR. NON O PERDADES, VEREDES QUE PRESENTADORES E QUE ARTISTAS TEMOS NO COLE...

TERCEIRA SEMANA MUNDIAL DA SEGURIDADE VIARIA

Do 04 ao 10 de maio celébrase a 3ª Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria. Con elpreténdese destacar o perigo que corren os nenos/as nas estradas e promover accións en todo o mundo que axuden a mellorar a súa seguridade.

Unha das iniciativas promovidas pola ONU é a presentación da  "Declaración dos Nenos para a Seguridade Vial", documento elaborado por expertos a partir dos pensamentos e  medos expresados polos nenos/as cando van camiño da escola e empregan as rúas e estradas. Nesta declaración recóllense as medidas que se deberían promover  en todos os países do mundo para evitar os accidentes de tráfico e que axuden a que os nenos/as se sintan máis seguros.

 

Dende a páxina web oficial desta iniciativa invítase a todos a que nos unamos a esta campaña asinando a citada declaración co obxectivo de:

- Chamar á acción para deter o crecente número de mortes infantís nas rúas e estradas en todo o mundo.

- Pedir aos dirixentes que tomen medidas que melloren a seguridade dos nenos/as nas rúas e estradas.

- Apoiar o movemento para a seguridade vial liderado por nenos/as de todo o mundo.

Dende o noso centro, unímonos tamén a esta campaña e animamos a todos a que asinedes a declaración dos nenos para a seguridade viaria, para iso só tedes que picar nos seguinte enlaces para ler a declaración:

- Declaración dos Nenos para a Seguridade Vial

e asinala accedendo á páxina web oficial:

TALLERES DE CIENCIA DIVERTIDA

Este martes, 21 de abril, os alumnos/as de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil participaron nos talleres CIENCIA DIVERTIDA. Estes talleres, realizados no cole e promovidos polo Concello de Ourense, foron impartidos por un monitor de educación ambiental. O fin dos mesmos é o de potenciar a participación, a creatividade e o interese dos nenos/as pola ciencia, aplicada a elementos da súa realidade diaria, dunha maneira divertida e diferente. Realizáronse tres talleres distintos, un para cada grupo de infantil, e foron diversos os experimentos realizados, aquí tedes algúns deles:

- COMO  INCHAR UN GLOBO SEN SOPRAR - Os nenos/as comprobaron esta reacción química: nunha botella metemos auga e vinagre; nun globo, bicarbonato. Ao colocar o globo na boca da botella, o bicarbonato cae na mestura e... maxia! O globo inchase só.

- O VOLCÁN - Partimos de auga, bicarbonato e colorante depositados nun vaso, ao botarlle vinagre... prodúcese unha verdadeira erupción volcánica... como resultado da reacción química entre unha substancia ácida e outra básica. 

- ELECTRICIDADE ESTÁTICA- frotando un globo contra o pelo, por exemplo, xenérase unha carga estática que fará que este se pegue facilmente a algúns obxectos... coma o papel...

- ÁCIDOS E BASES -  como distinguir mediante reactivos, se unha substancia é básica ou ácida... basta con meter un indicador na substancia e... a cor resultante diranos se é básica ou ácida.   

UN SELO PARA OURENSE

Hoxe queremos dar a noraboa a un alumno do noso centro: Antón Alvaredo López-Vizcaíno, de 5º de Educación Primaria, que acaba de ser galardonado cun accésit no concurso "UN SELO PARA OURENSE".

Co obxecto de acercar aos escolares a unha actividade tan divertida e educativa como é a filatelia, o comité organizador da EXPOSICIÓN NACIONAL DE FILATELIA XUVENIL XXIV JUVENIA 2015 OURENSE organizou este concurso en colaboración coa Concellería de Educación do Concello de Ourense. Esta exposición, que se celebra de forma bianual, reúne a xoves coleccionistas de selos de toda España, e este ano celebrase en Ourense, do 18 ao 25 de abril. 

O concurso consistía en debuxar un selo que simbolizase o que cada neno/a considerase máis representativo da capital ourensá. 

No noso cole participaron un total de 47 alumnos/as dos cursos de 2º, 3º, 5º e 6º de Educación Primaria, entre eles Antón, que recibiu un diploma polo seu traballo e que lle foi entregado o martes 21 de abril no Auditorio Municipal, lugar onde se celebra JUVENIA 2015 e onde podedes ver todos os selos participantes no concurso, incluídos os do noso cole.

Nas seguintes imaxes podedes ver o selo deseñado por Antón e algúns momentos da entrega de premios:

Antón coa súa irmá ensinándonos o seu selo  O selo de Antón: a catedral de Ourense  
Con todos os premiados Coa súa nai mostrándonos o seu diploma

Tamén se premedes no seguinte enlace podedes ver todos os selos realizados polos alumnos/as do noso centro e que participaron no concurso:

UN SELO PARA OURENSE 

SESIÓN DE CONTACONTOS

O mércores 18 de marzo os pequenos/as de Educación Infantil asistiron na biblioteca a unha sesión de contacontos. "Augusta e os seus medos" foi o título da historia que lles contou Iago López.
 

Preme nas imaxes para acceder ao blog da biblioteca para saber máis sobre este evento

CHARLA SOBRE PRIMEIROS AUXILIOS

O martes, 3 de marzo, tivemos tamén outra actividade moi interesante no centro relacionada coa saúde, esta vez destinada aos alumnos/as maiores, concretamente aos rapaces/zas de 5º e 6º de Educación Primaria. "Primeiros auxilios e actuacións en situacións de emerxencia" foi o título da charla promovida polo Concello de Ourense e impartida por Nieves González, formadora de primeiros auxilios, voluntaria e técnico superior de Protección Civil. O obxectivo da mesma era lograr que os nenos/as se familiarizaran co mundo dos primeiros auxilios e coñeceran conceptos relacionados co mesmo e coas actuacións a realizar para salvagardar a súa saúde e a dos demais.

A relatora comezou cunha introdución sobre o que entendemos por saúde, o que entendemos por primeiros auxilios e para que serven, para  continuar explicándolles os seguintes aspectos:

- Condutas individuais que afectan á saúde

- Prevención no fogar

- Protocolo de actuación ante incidentes-accidentes: PAS (protexer, alertar, socorrer)

- Actuacións ante situacións tales como: feridas, hemorraxias, queimaduras

- Atragantamentos e afogamentos

- Posición lateral de seguridade

- Consciencia (estímulos verbais e dolosos), comprobación respiración (VOS- ver, sentír, oír)

- Reanimación cardiopulmonar

A charla rematou con prácticas de reanimación cardiopulmonar realizadas polos alumnos/as, os cales valoraron moi positivamente o aprendido e a claridade das exposicións (no blog da aula de 6º A podedes ver con maior detalle a valoración que os rapaces/zas fixeron desta actividade). 

 (Fai clic nas imaxes para acceder á galería de fotos)

PROMOCIÓN DA SAÚDE BUCODENTAL

O martes, 3 de marzo, os alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil asistiron no centro a unha actividade sobre saúde bucodental. A actividade, promovida polo Concello de Ourense, foi realizada por Ana, técnico superior de saúde bucodental do Concello. Os principais obxectivos da mesma eran o de dar a coñecer aos máis cativos algunhas das funcións da boca e dos dentes, inicialos no correcto uso da pasta e do cepillo e promover o consumo de alimentos saudables.

A actividade resultou moi amena e motivadora para os máis cativos porque, ademais das explicacións realizadas pola técnica de saúde, viron varios vídeos sobre o tema protagonizados por personaxes moi coñecidos para eles: Os Bolechas lavan os dentes, Os Lunnis lavan as mans e outros. Tamén aprenderon como cepillar correctamente os dentes e fixeron "prácticas" cunha "dentadura" moi simpática.

Preme nas seguintes imaxes para acceder á galería de fotos

CONTACONTOS: DON QUIJOTE DE LA MANCHA

O xoves, 19 de febreiro, os alumnos/as de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria participaron activamente na sesión de contacontos e de animación á lectura sobre a historia de Don Quijote de la Mancha. Esta actividade, promovida pola editorial Vicens-Vives, foi levada a cabo por Raquel Queizás, actriz e experta contadora de contos e historias propias e/ou alleas. A actividade resultou moi motivadora e amena, na que os rapaces/zas tamén foron protagonistas e improvisados actores... 

Premendo nas imaxes accededes ao blog da biblioteca onde teredes máis información sobre a sesión e sobre este libro tan importante da lingua castelá.

A ENERXÍA, O MEDIO AMBIENTE E TI

O luns 1 de decembro tivo lugar no centro unha charla titulada "A enerxía, o medio ambiente e ti". Charla promovida polo Museo do Gas da Fundación Gas Natural Fenosa co obxectivo de dar a coñecer os distintos tipos de enerxía que existen e reflexionar sobre o uso responsable e a súa sustentabilidade.

A esta charla informativa asistiron os alumnos/as de 5º e 6º de educación primaria e foi impartida por un conferenciante/educador que lles explicou o que era a enerxía, as súas clases, a súa procedencia, vantaxes e desvantaxes das enerxías renovables e non renovables, a importancia dun aproveitamento da diversificación enerxética, a enerxía nuclear e os seus perigos... para finalmente falar da necesidade dun desenvolvemento sostible co fin de reducir a pegada ecolóxica negativa cara a futuras xeneracións.

A charla foi seguida con interese e houbo unha participación activa do alumnado sempre que foi solicitada polo conferenciante. Consideramos que este tipo de charlas son moi importantes,  non só polos contidos tratados, senón tamén pola necesidade de concienciar aos alumnos/as sobre o uso racional da enerxía, o consumo e o aforro enerxético. 

PLAN DIRECTOR

 

Este curso xa realizamos dúas actividades dentro do "Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos”, plan que ofrece aos centros educativos a posibilidade de solicitar charlas informativas/formativas impartidas por expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre diferentes temáticas que favorezan a mellora da convivencia e o achegamento destes profesionais aos cidadáns ao mesmo tempo que facilita actuacións moi en consonancia coa Acción Titorial e as propostas do Plan de Convivencia desenvolvidas nos centros.

(Preme na imaxe para ter máis información sobre este programa)

 

- A  primeira delas, co fin de achegar e coñecer mellor  o labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, foi dirixida ao alumnado de Educación Infantil e consistiu na exhibición dun vehículo policial. Esta exhibición realizouse o pasado 30 de outubro no propio centro. Os pequenos do cole, pasárono estupendamente montando no coche, tocando a serea, xogando coas esposas...

- A segunda delas realizouse tamén no centro o pasado 13 de novembro e foi dirixida ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria. Consistiu nunha charla sobre o acoso. Membros dos Corpos de Seguridade explicáronlles en que consistía o acoso. Faláronlles sobre o acoso na propia escola e o acoso a través das redes sociais e internet. Tamén lles recordaron que os menores de 14 anos non poden dispor dun perfil nas citadas redes/internet.

Powered by Drupal - Design by artinet