O Centro de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe A Gándara é un colexio que ofrece unha EDUCACIÓN PÚBLICA E GRATUÍTA ás nenas e aos nenos que residen na localidade de Monforte.
Para acceder ao centro educativo hai TRANSPORTE ESCOLAR GRATUÍTO. Contamos con 8 rutas de autobús que acerca ao alumnado ao colexio e que unha vez rematadas as clases de tarde lévao de volta á parada máis cercana ao seu domicilio. Todas as líneas de autobús van custodiadas por cadansúa persoa coidadora que axuda na subida e baixada dos nenos e das nenas ao transporte escolar.
Ofrécese o servizo de COMEDOR ESCOLAR con comida feita na propia cociña do centro educativo. Tres cociñeiras son as encargadas de elaborala diariamente cun menú variado e axeitado a idade do alumnado. O seu custo por persoa variará segundo os ingresos familiares.
O PLAN MADRUGA de 8:30 a 10:00 horas é un servizo que oferta a Asociación de Nais e Pais do Alumnado da Gándara para axudar na conciliación familiar, de xeito que, previo pago de 30 euros ao mes ou pagando 4 euros por día solto, o alumnado do colexio pode acudir antes de que empecen as clases custodiado por Sabela (Fedellos).
Ao rematar as clases, pola tarde, bríndase a opción de que os nenos e as nenas queden no colexio gozando de ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES (patinaxe, robótica e xogos de mesa, teatro e fútbol). Estas actividades están coordinadas pola Asociación de Nais e Pais da Gándara, implican que as familias realicen o pago das mesmas e teñan que vir recoller aos seus fillos ou fillas ao colexio, é dicir, ese día non usarían o transporte escolar de volta aos seus fogares.