Decálogo da Regueifesta
Actividade de encher espazos
Introdución
O Proxecto Regueifesta presenta este Decálogo para impulsar enerxía transformadora ao Movimento Social do Repente entre a xente nova, entre a infancia e a mocidade. Consideramos que estamos a construír, entre moita xente, unha nova era na improvisación oral en verso na Galiza e pensamos que os axentes sociais implicados -artistas, profes, administracións, asociacións, empresas...- , ao compartir aventura coas crianças e a xuventude temos en conta que, nos ámbitos da educación formal e informal da xente nova, regueifar, improvisar, facer improviso debe seguir estes valores:
Decálogo da Regueifesta
1. O repente é festa, humor, retranca, xogo. Na regueifa aprendemos emocionalmente e desenvolvemos afectos.
2. Improvisamos o noso idioma, mellorándoo día a día, con cualidade de língua: lingua enxebre, moderna e internacional. Queremos unha língua libre!
3. Desenvolvemos as melodias da alma: coñecemos a música tradicional e criamos as nosas propias músicas.
4. Facemos teatro! Interpretamos, actuamos, movémonos diante dun público, expresámonos co noso corpo, tamén sen palabras! Aprendemos a ser outra xente, desenvolvendo personaxes!
5. Promovemos a xustiza social improvisando. Non gostamos de racismo, colonialismo, sexismo nin calquera outra forma de supremacismo. Queremos unha regueifa de rapazas e rapazes, nenas e nenos, mulleres e homes que superen o machismo. Improvisamos sen violencia sexista na linguaxe.
6. A regueifa, o repente galego, promove o traballo cooperativo, a festa compartida e a intelixencia colectiva. Regueifar é aprender a improvisar a participación social autoxestionada. E cada regueifeira e regueifeiro é único e irrepetíbel e, contra o uniformismo, precisamos persoas orixinais e criativas. O improviso desenvolve valores de respeito, irmandade, xenerosidade.
7. A Regueifa é patrimonio do pobo galego e da Humanidade. O repentismo únenos a outros pobos que improvisan en lingua portuguesa e vínculanos con moitos pobos e línguas do planeta, desde o Curdistán a Cuba, de Euskal Herría aos Países Cataláns Vivan os pobos do mundo!
8. Regueifa é vangarda e experimentación. Coñecemos e actualizamos a tradición, modernizámonos de improviso, innovamos como forma de desenvolvimento persoal e coletivo. Evoluímos!
9. A Regueifa comprométese a apoiar un dos coletivos máis discriminados da nosa sociedade: a xuventude. Contra o costume, é urxente dar paso ás novas xeracións.
10. A Regueifa é movimento social e activismo tamén nas redes de educación formal e informal da xente nova, e na propia sociedade: lugar de encontro de xente moi diferente. Porque na diversidade hai vitalidade onde descobrermos, construír e compartir día a día unha Galiza inesperada, sorprendente e improvisada.
E, finalmente: A Regueifa forma parte do proceso de construción da Galiza e contribúe ao seu desenvolvimento. A soberanía tamén emana do pobo improvisador.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0