02 Aneae e anee
Índice tema

2.9. Sobredotación

Decreto 229/2011, do 7 de decembro.

Artigo 17. Escolarización nos centros ordinarios.

1. Os centros ordinarios constitúen o referente básico para os efectos da escolarización.

2. A escolarización en educación infantil poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función, respectivamente, das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado. En ningún caso se poderá permanecer en educación infantil máis alá do ano natural en que se cumpran os sete de idade nin comezar a educación primaria antes do ano natural en que se cumpran os cinco anos.

3. Cando en educación infantil, de acordo co procedemento establecido, se opte pola permanencia dunha nena ou neno con necesidades educativas especiais un ano máis no primeiro ciclo, a súa incorporación ao segundo ciclo realizarase ao primeiro curso dese ciclo, aínda que non se axuste ás condicións de idade requiridas con carácter xeral. Este alumnado poderá optar á reserva de prazas establecida con carácter xeral para o alumna-do con necesidade específica de apoio educativo que se escolariza no primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil.

4. A escolarización en educación primaria poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función, respectivamente, das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado. En ningún caso se poderá permanecer en educación primaria máis alá do ano natural en que se cumpran os quince de idade nin comezar a educación secundaria obrigatoria antes do ano natural en que se cumpran os dez anos.

5. A escolarización en educación secundaria obrigatoria poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado, respectivamente. En ningún caso se poderá permanecer en educación secundaria obrigatoria máis alá do ano natural en que se cumpran os dezanove anos, agás en unidades ou centros de educación especial, que se poderá prolongar ata o ano natural en que se cumpran os vinte e un de idade.