Escalar imaxes

Antes de utilizar unha imaxe deberemos saber se, tal e como a temos é axeitada para o uso que lle imos dar. Non é o mesmo unha fotografía ou debuxo que haberá que imprimir que outra que só será visualizada no monitor do ordenador. No primeiro caso deberemos buscar un compromiso entre calidade e peso, e no segundo, unha resolución de 90 ppp será suficiente, pois esta é a resolución das pantallas de ordenador, polo que a única diferenza que notará o usuario será a velocidade de carga, moito máis rápida canto menor sexa a resolución da foto.

Unha das tarefas máis habituais á hora de acomodar as imaxes á nosa conveniencia é a de redimensionalas. Esta operación consiste en aumentar ou diminuir o tamaño da fotografía. Se diminuímos as dimensións, reduciremos tamén o peso da imaxe. Pola contra, aumentar as dimensións mantendo a calidade, supón incrementar o tamaño do arquivo no disco.

Existen multitude de aplicacións que permiten facer esta tarefa de xeito cómodo, aplicando as dimensións desexadas a unha ou máis imaxes na mesma operación. Neste curso imos utilizar a mesma aplicación de tratamento de imaxe: GIMP.