Resposta breve

 

Este tipo de preguntas require que o alumno xere unha resposta por si mesmo. Ao alumno preséntaselle a pregunta e un cadro de texto onde debe introducir a súa resposta mecanografándoa el mesmo. Por restricións do que o computador é capaz de interpretar, as respostas están limitadas a palabras individuais ou unha frase moi concisa.

 

A resposta do alumno compárase coas respostas introducidas polo profesor, na orde indicada na interface. Se existe unha coincidencia adxudícaselle a cualificación asociada a esa resposta. Os textos das respostas poden usar o carácter comodín "*". Desta forma, se especificamos "aprend*", aceptaranse como válidas as palabras "aprender", "aprendizaxe", “aprendan", pero tamén "aprendiz".

Se necesitamos escribir realmente o símbolo "*", non como comodín, debemos usar a forma "\*". Pódense introducir varias palabras ou frases sinónimas e darlles a todas unha cualificación do 100%. Pódense aceptar tamén respostas "non do todo correctas" cunha cualificación menor.

Unha opción permítenos especificar se a comparación entre a resposta do estudante e as almacenadas se realiza sen atender a maiúsculas e minúsculas ou se a palabra debe coincidir tamén nisto.

Este é un tipo de pregunta moi conveniente; o gran problema de usalo a través do computador é que estes non son capaces de recoñecer a linguaxe natural. Só comparan a identidade das letras. Isto vólvese un problema á hora de anticipar todas as posibles formas textuais correctas da resposta. Permitindo especificar varias respostas posibles do uso do comodín, Moodle pretende suavizar no posible eses inconvenientes técnicos.

É moi recomendable non usar formatos de texto nas respostas deste tipo de preguntas.

 

 

 

Este material de A. Lomba e E. Gesteira está baixo unha licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-CompartirIgual 3.0 Unported.