Emparellamento
Despois dunha introdución (opcional), este tipo de preguntas expoñen un enunciado e solicitan ao estudante que relacione os elementos dunha lista “pregunta” cos doutra lista “resposta”. Os elementos da primeira lista preséntanse como opcións fixas, mentres que os da segunda aparecen nunha lista despregable. O obxectivo é lograr que todos os elementos acaben correctamente relacionados.
A cualificación da pregunta é automática en función do número de parellas correctas que se formen. Se son todas, outórgase o 100% do valor da pregunta; se é só a metade das posibles, o 50%... Estas preguntas valoran principalmente o recoñecemento, pero poden utilizarse para sondar a comprensión mediante asociacións non tan obvias. O sistema cualificará automaticamente calquera combinación que se elixa.
Para a edición das preguntas de emparellamento, seguiremos os pasos descritos con anterioridade noutros tipos: determinaremos a categoría na que a incluímos, colocamos o nome descritivo, o enunciado da pregunta, incluíndo ou non imaxes, determinamos a puntuación e, opcionalmente, o factor de penalización e se o consideramos unha posible retroalimentación.
Seguidamente, engadiranse cada elemento “pregunta” co seu elemento “resposta”, debéndose incluír polo menos tres parellas.