O ARQUIVO DE VÍDEO DIXITAL
Botando un pouco a vista atrás, dende que os irmáns Lumiere inventaran o cinematógrafo ata o de agora, a edición de "imaxe en movemento" experimentou unha evolución ben considerable: a banda sonora, o formato panorámico, os efectos especiais...
O proceso de elaboración dunha película comercial acostuma implicar a numerosísimos profesionais: escenógrafos, iluminadores, montadores, operadores de cámara, directores de fotografía... a lista é moi longa.
No ámbito máis "amateur", dende a comercialización das primeiras cámaras de cine doméstico nos anos 20 ata a actualidade, temos pasado por exemplo polo Super-8 que comezou nos 60, polas vídeo cámaras de cinta magnética nos 80 e o actual vídeo dixital, nas súas distintas modalidades de rexistro (cinta, disco duro, memoria...)
Pero digamos que o salto que propiciou que a edición de vídeo estea ao alcance de todos, con resultados de moita calidade, foi a posibilidade de dispoñer de programas de edición no nosos ordenadores, e a partir de fotografías, secuencias de vídeo, sons, transicións, títulos, efectos...
O que antes requiría moitos coñecementos técnicos, agora simplificouse moito, tanto en complexidade como en tempo de edición.
Eses vídeos que creamos van ter un amplo marxe de difusión, sobre todo aproveitando as canles de distribución que a rede nos ofrece.
O seu aproveitamento didáctico, dependerá do grao de atractivo que consigamos aportar ás nosas creacións, da idoneidade dos seus contidos e da implicación que lles saibamos dar aos nosos alumnos.
Como obxectivo? Que consigan competir minimamente coa cantidade de mensaxes audiovisuais que o noso alumnado recibe ao longo do día.