D- Gravación de audio
Ademais da edición de arquivos xa existentes no noso ordenador, podemos precisar recoller o son producido por unha fonte externa. Esa fonte pode ser un micrófono conectado ao noso ordenador, un instrumento musical por entrada de liña...
O máis importante é saber que canto mellor se recolla o son en orixe, menos problemas imos ter; na edición non se poden resolver certos problemas que se xeraron nos primeiros momentos por un axuste incorrecto.
Para comezar debemos escoller o dispositivo, xa que no noso ordenador podemos ter unha ou varias tarxetas de son instaladas.
"Por poñer un exemplo, se ao meu portátil lle conecto un micrófono USB, xa non aparecerá un só dispositivo de gravación, senón dous."
Logo de escoller o dispositivo que queremos gravar, debemos axustar o nivel de entrada a unha ganancia que permita recoller o son co volume máis alto, sen que sature.
A isto axudarano o "medidor" de nivel de entrada que debemos iniciar.
Cada vez que a barra chegue a cero teremos un pico saturado.
"Debemos facer unha proba de son coa persoa que fale, toque un instrumento... pedíndolle que emita o volume máis alto que vaia a producir durante a gravación, e axustar nós o nivel de entrada para que cando chegue ese momento o monitor non chegue a cero."
A carón da pestana para escoller o dispositivo tamén podemos escoller se queremos que a gravación sexa mono ou estéreo (escoller mono, a non ser que lle esteamos aportando sinal en estéreo).
"Moitas veces cremos que porque o son ten calidade dixital xa é de calidade, e pode ser todo o contrario se non facemos os axustes precisos, ou coñecemos uns aspectos básicos..."
Escoller a frecuencia da mostra de audio
O programa permite escoller entre distintas frecuencias do proxecto. O estándar fixado para calidade CD é 44100 Hz (o que non quere dicir que todos os reprodutores de CD sexan capaces de reproducilo).
Por tanto, baixar a calidade da mostra reduce o peso do arquivo, e non sempre necesariamente a calidade do que imos escoitar. Debemos escoller nós que nos convén en función de onde se vaia reproducir ou aloxar o noso arquivo.
Un micro "decente"
Vai ser importante que o dispositivo que recolla o son teña unha mínima calidade, porque cantas veces temos todos os coñecementos pero carecemos dos medios axeitados para conseguir un produto máis que aceptable tecnicamente.
"Nos nosos traballos escolares hai un tempo que vimos empregando un micrófono de membrana grande. Ao levar incorporada unha tarxeta de son conéctase directamente por USB, o que resolve moitos problemas de perda de tempo de instalación do equipo e aporta mobilidade. A calidade é moi boa."
Son pouco recomendables, pola baixa calidade que ofrecen, os micros que incorporan os auriculares que veñen cos ordenadores (de agasallo?). A súa finalidade é outra.
E non está de máis, se gravamos voces, a incorporación aos nosos medios, dun filtro anti-pop para atenuar as P e as T demasiado fortes.